DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Proxecto seleccionado na convocatoria ‘Retos’ do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades

Investigadores de Vigo e Santiago deseñarán unha aplicación para avaliar o desenvolvemento motriz na infancia

Medirá o grao de adquisición de habilidades que axudan a fomentar un estilo de vida activo 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Saúde
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 19/12/2019

Aprender a moverse, a correr, saltar ou lanzar unha pelota correctamente durante a infancia pode resultar clave para que as persoas leven un estilo de vida máis activo e saudable na etapa adulta. De aí a importancia que ten a correcta adquisición e desenvolvemento, durante a infancia, das chamadas habilidades motrices básicas, eixo do proxecto de investigación que levará a investigadores e investigadoras das universidades de Vigo e Santiago de Compostela a traballar no deseño dunha aplicación informática que permita avaliar o grao de desenvolvemento destas habilidades en nenos e nenas. 

“Existe un nexo de unión entre un estilo de vida saudable e canto de ben se desenvolvesen esas habilidades motrices básicas na infancia”, sinala Ezequiel Rey, profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e membro do grupo de investigación Remoss, do que tamén forma parte o docente da USC Cristian Abelairas, integrante así mesmo do grupo Clinirsud, da USC. Ambos exercen como investigadores principais neste proxecto, seleccionado na convocatoria Retos de la sociedad, do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, do que tamén forman parte o coordinador do grupo Remoss, Roberto Barcala, e a tamén investigadora do grupo Cristina Varela, xunto coa profesora da USC Carmen Neiro e Geno Rodríguez, investigador do grupo Esculca da institución compostelá. 

A alfabetización motriz, entre os 2 e os 9 anos

Alfabetización motriz y estilos de vida saludables. Desarrollo de una herramienta informática de la competencia motriz en niños y niñas en educación primaria é o título dun proxecto que ten como punto de partida o concepto de “alfabetización motriz”, un proceso análogo ao da aprendizaxe dunha lingua. O “piar básico” desa alfabetización constitúeno as chamadas “habilidades motrices básicas, os patróns fundamentais de movemento que temos todos os humanos que non padecemos ningunha patoloxía”, explica Rey. Habilidades como camiñar, correr, saltar, agarrar ou lanzar, que, engade este investigador "non adquirimos polo mero feito de cumprir anos, senón grazas á práctica, ao xogo libre, ás clases de educación física, a unha instrución cualificada e a utilización dun material didáctico adecuado” e se agrupan á súa vez en tres grandes grupos; as locomotrices, “que son as que nos permiten desprazarnos polo espazo”, as manipulativas, “todas aquelas que implican o control de obxectos móbiles”, e as de estabilidade, “aquelas que nos permiten manter ou recuperar o equilibro”. 

Entre os 2 e os 9 anos sitúase a etapa “na que máis capacidade temos de lograr aprendizaxes motrices que logo perduren ao longo da nosa vida” e na que os nenos e nenas aprenden estas habilidades “e as perfeccionan ata alcanzar un estadio de madurez”, sinala Rey. De aí que este proxecto poña o foco na infancia, xa que o correcto desenvolvemento destas habilidades contribuirá a xerar “actitudes positivas cara o exercicio físico”. Pola contra, aqueles e aquelas que non as adquiran correctamente “probablemente terán actitudes negativas” cara actividades que impliquen, por exemplo, correr, saltar ou lanzar unha pelota, á vez que terán maiores dificultades á hora de integrarse no xogo infantil. Deste xeito, sinala este investigador, é máis probable que estes nenos e nenas opten por “ocupar o seu tempo de ocio con outro tipo de alternativas que probablemente sexan máis inactivas”, o que á súa vez “ten unha transcendencia sobre a vida adulta, na que é máis probable que esta persoa teña problemas de saúde asociados á inactividade física polo mero feito de que ninguén lle ensinou a moverse ben”. 

De aí que o propósito deste proxecto sexa contribuír a traballar na mellora desas habilidades motrices “desde as idades máis temperás”, dotando ao profesorado de Educación Física dunha ferramenta que permita avaliar esas habilidades e, en consecuencia, “programar actividades para a súa mellora”, cando sexan necesarias.

Definición da avaliación e desenvolvemento da aplicación

“Un dos piares básicos para a mellora destas habilidades é a súa avaliación, coñecer cando se alcanza un grao de mestría, cando se pode considerar que un neno se move correctamente e outro non”, apunta Rey. De aí que a primeira fase deste proxecto, de tres anos de duración, estea centrada nunha “revisión exhaustiva da literatura científica ao respecto” para coñecer que tipo de probas poden empregarse para esta avaliación. O seguinte paso será definir unhas serie de probas que permitan, “dun xeito rápido e áxil”, avaliar e cuantificar o grao de desenvolvemento destas habilidades, para finalmente trasladalas a unha aplicación informática que poida ser empregada por profesorado de primaria nas aulas. “Permitiríalle levar un rexistro e ver a efectividade dos seus programas”, á vez que faría posible a detección daqueles casos de nenos e nenas aos que sería necesario “proporcionar un reforzo nalgunhas habilidades clave”, tendo en conta ademais que “cada unha delas desenvólvese cunha práctica específica”, explica Rey.

Unha vez desenvolta esta aplicación, que, como apunta este investigador, podería ser tamén de utilidade para os técnicos que traballan con escolas deportivas de base, a última fase do proxecto centrarase en pór a proba este sistema “cunha mostra representativa de escolares galegos”. Esta avaliación, apunta Rey, permitirá á súa vez extraer unha serie de conclusións respecto das “idades óptimas de desenvolvemento de cada unha das actividades” e polo tanto, do momento no que “a intervención debería ser practicamente imperativa”.