DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A preinscrición ábrese o luns 4 de maio

O itinerario virtual de formación en xénero volve a convocarse tras o éxito da súa primeira edición

1200 persoas participaron xa nesta iniciativa

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI 30/04/2020

A finais de marzo, aos poucos días de comezar o confinamento debido ás medidas de loita contra a COVID-19 e coa idea de continuar a formación da comunidade universitaria desde os seus fogares, a Unidade de Igualdade e a Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado da Universidade de Vigo, grazas ao apoio financeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, lanzaron un itinerario virtual de formación en xénero. Cun balance moi positivo da súa primeira edición, na que participaron 1200 persoas, as entidades organizadoras poñen en marcha o luns 4 de maio a súa segunda edición. 

Esta iniciativa, explican as entidades responsables, naceu co obxectivo de satisfacer as necesidades de formación en xénero da comunidade universitaria, propóndolle un itinerario virtual composto por nove cursos de diversa temática. Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, salienta sobre o desenvolvemento da primeira edición como “a nosa valoración, tanto dende Igualdade como dende Innovación Educativa, é moi positiva en xeral. Por una banda, pola cantidade de persoas inscritas, que amosa o grande interese e demanda da formación en xénero. Por outra banda, polas valoracións das persoas que remataron os cursos e que quixeron cubrir o cuestionario de avaliación, pois o 90% valora o itinerario ben ou moi ben e aínda que non son todas as persoas inscritas resulta una mostra significativa e bastante extrapolable á maioría”.

Sete opcións

Os sete cursos do itinerario formativo virtual en xénero que abren preinscrición o luns 4 de maio divídense nun introdutorio e seis especializados. O curso introdutorio, de 40 horas de duración, leva por título Introdución á perspectiva de xénero e desde a organización sinalan como “é convinte realizalo para comprender mellor os cursos especializados”. Pola súa banda, os cursos especializados que se ofertan nesta segunda edición son os de Educación afectivo-sexual (15 horas); Economía de xénero (15 horas); A sostibilidade da vida no centro (15 horas); O acoso sexual e acoso en función do sexo: unha xustiza invisible (15 horas); A perspectiva de xénero na educación (15 horas) e Normativa básica de xénero (15 horas). 

O prazo de preinscrición abrangue do 4 de maio ao 5 de xuño e o prazo de impartición vai do 4 de maio ao 30 de xuño, xa que as persoas poderán acceder a cursar a formación no mesmo día da súa preinscrición. Pode apuntarse a este itinerario alumnado das diferentes titulacións da Universidade de Vigo, incluído o alumnado que participa en programas de mobilidade estatal e internacional e Programa de Maiores; egresadas e egresados da institución académica; persoal de administración e servizos; persoal docente e investigador e persoal investigador a cargo de proxectos. Os cursos serán certificados pola Universidade de Vigo e recoñecidos como actividades de formación permanente para o PDI e computarán como méritos para concursos do PAS, estando pendente de confirmación o recoñecemento como créditos ECTS para o alumnado. 

Valoración da primeira edición

Na primeira edición do itinerario virtual de formación en xénero, explican desde as entidades organizadoras, as preinscripcións ascenderon a 1200 persoas, das que 346 xa concluíron con satisfacción os tres cursos xa pechados nesta primeira edición (Economía de xénero, Educación afectivo-sexual e A sostibilidade da vida no centro). Aínda se están impartindo, engaden, Introdución á perspectiva de xénero, O acoso sexual e acoso en función do sexo: unha xustiza invisible, A perspectiva de xénero na educación e Normativa básica de xénero. 257 das persoas preinscritas cubriron o cuestionario de avaliación do itinerario. Da análise das súas respostas, indican desde a organización, extráese que o 90% son mulleres, o 9,3% homes e o 0,7% autoidentificouse na categoría de outros. Tamén destacan como o 72,3% das persoas inscritas foi alumnado, o 21% PDI e o 6,6% PAS. En relación coa valoración global da formación, as entidades responsables apuntan como o 54,8% valoraron moi ben o itinerario en xeral, o 35% ben e o 10% realizou una valoración regular ou mal ou moi mal. Outros datos extraídos desta consulta sinalan aspectos como que o 91% valorou positivamente a Plataforma OpenDex soporte do itinerario ou que o curso cun número maior de inscrición foi o introdutorio, debido á recomendación de cursalo ao inicio do itinerario.

Estes resultados, indica Águeda Gómez, débense contextualizar “nun momento de grande excepcionalidade en varios sentidos", tanto polas especiais circunstancias de traballo derivadas da COVID-19 como polo feito de que o propio itinerario supón "unir o esforzo de expertas, Innovación Educativa, Unidade de Igualdade e UvigoTV que, en tempo récord, deseñamos e desenvolvemos esta iniciativa". A pesar de ser a primeira edición e a que as condicións de traballo foron “complexas” debido ao confinamento, sinala a directora da Unidade de Igualdade, “detectáronse poucas incidencias”. Nesta primeira edición, engade, "a maioría das persoas inscritas foron mulleres e sobre todo alumnado", amosando a súa confianza de que "os homes da nosa comunidade académica e outros colectivos, ademáis do alumnado" incrementen a súa participación nesta segunda convocatoria. Nesta nova edición, engade, "queremos interpelar non só ao noso alumnado, PAS e PDI senon tamén ao exalumnado da UVigo, ao alumnado egresado, ao alumnado internacional ou de programas de mobilidade estatal así como ao persoal investigador".