DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebraranse no mes de outubro na Escola de Enxeñería Industrial

As JAI 2020 contarán coa participación de máis de 30 multinacionais

Durante unha semana o alumnado terá acceso directo a un auténtico escaparate da Industria 4.0

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI 11/12/2019

A próxima edición das Jornadas sobre Tecnologías y Soluciones para la Automatización Industrial (JAI 2020) romperá os seus propios récords, pois tan só un par de semanas despois de abrirse o prazo de inscrición xa confirmaron a súa asistencia a este evento máis de 30 grandes multinacionais. A cita será na sede campus da Escola de Enxeñería Industrial do 19 ao 23 de outubro de 2020, un centro que durante unha semana se converterá nun auténtico escaparate da denominada Industria 4.0. “Fixemos o chamamento ás empresas hai apenas unhas semanas e a resposta foi brutal. En só  15 días copáronse todas as prazas”, explica o coordinador das xornadas, José Ignacio Armesto, profesor do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática, que achaca esta boa acollida do evento entre as empresas ao éxito da última edición, celebrada en marzo de 2018, e ao gran traballo de difusión que se fixo dende entón.

Entre a trintena de multinacionais que xa confirmaron a súa participación hai que incluír tanto novas incorporacións -Bonfiglioli, HMS Networks, Ifm, Lapp, Panasonic, Pepperl+Fuchs, Schunk, Weidmüller ou Yaskawa, entre outras- como firmas que son xa veteranas no evento como Rockwell Automation, Scheneider Electric, Siemens ou Phoenix Contact. O amplo número de solicitudes recibidas en tan pouco tempo obrigou á organización  a abrir unha lista de agarda de firmas ás que tamén lles gustaría participar. “Outros anos quedaron ocos libres e isto permitiu a participación nas xornadas de empresas e centros tecnolóxicos galegos, pero nesta ocasión as multinacionais ocuparon xa todas as prazas dispoñibles”, recalcou Armesto. 

En 2018 o evento reuniu máis de 700 persoas

Á vista de toda a expectación que se está a crear arredor destas xornadas, as expectativas de público son tamén cada vez máis elevadas. Se na anterior edición foron arredor de 700 persoas as que acudiron ás distintas conferencias e en torno a 2000 as alumnas e alumnos que se achegaron aos postos empresariais que se organizan ao abeiro deste encontro “este ano  agardamos que os números medren porque vai haber máis ruído, máis impacto”. 

O programa das xornadas está centrado en diferentes cuestións relacionados coa Industria 4.0, e inclúe temas de robótica, automatización, internet das cousas, comunicación industrial, protocolos de comunicación, seguridade, eficiencia enerxética... xa que todas as empresas que participan están “desenvolvendo traballos no ámbito da automatización e a robótica industrial”, salienta o coordinador. Porén, aínda que a reserva de horas está xa pechada, aínda non se sabe con exactitude o nome dos poñentes que van participar nin o título das súas intervencións. Neste sentido, Armesto explica que o pasado 26 de novembro, na feira SPS de Nuremberg, as multinacionais expuxeron todas as súas novidades de cara ao vindeiro ano e, “probablemente, por aí van xirar as cousas, aínda que de momento nada é seguro”, recalca Armesto.

Escaparate das últimas novidades do sector e porta aberta a reunións privadas

Como é habitual  as xornadas acollerán un ano máis o seu coñecido ‘show room’, un espazo no que os diferentes fabricantes expoñen as últimas novidades e que este ano durará dende o luns ata o mércores. Ademais, como novidade desta edición, vanse pór en marcha toda unha serie de reunións privadas baixo a denominación ‘link2talk’. “Nestes encontros ‘ti a ti’ os participantes terán a oportunidade de, no caso de estar interesados nalgunha das conferencias, poder acudir a unha reunión privada con eses poñentes”, explica Armesto, ao que engade que as persoas asistentes poderán escoller cales lles interesan para así, unha vez rematado o relatorio, ter a opción de reunirse con ese profesional nunha aula e afondar no tema. 

“Sempre quixemos que este evento fose útil para a contorna profesional; unha microfeira onde as empresas poidan vir aquí e informarse das novidades sen ter que desprazarse a Alemaña”, expresa o organizador, ao que engade que “hoxe por hoxe, aínda que as JAI naceron como un evento orientado ao alumnado, teñen tamén unha utilidade importante para os profesionais”.

De pequenas conferencias a unha ‘microfeira’ 

As JAI teñen o seu xerme no 2001 “nunhas charlas que ofrecín aos meus estudantes como complemento á docencia dunha das miñas materias”, apunta Armesto, ao tempo que explica que todo xurdiu a partires dunha conversa con Pablo Parrado, de Siemens, na que decidiron dedicar unha das clases a organizar unha conferencia profesional. Unha vez feita a primeira, e visto o éxito, decidiuse continuar coa iniciativa e invitar a máis poñentes de diferentes empresas. Ao principio, “eran comerciais de zona, viñan cando eu lles pedía”, explica Armesto, pero co paso do tempo Siemens propúxolle subir a aposta e enviar a un responsable da empresa en Madrid para impartir os relatorios. “Desde entón, o que facían as diferentes firmas era avisarme con 15 días de antelación e eu puña carteis informativos pola escola. Así estiven outros dous anos e foi entón cando tiven a visión de crear un congreso, pero dende un punto de vista universitario”, apunta Armesto, ao que engade que foi en 2004 cando estas actividades tomaron a forma das actuais JAI.