DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O evento terá lugar entre os días 26 e 30 de outubro de 2020

As JAI celebraranse este 2020 a través dun xemelgo dixital

Xa se completou o programa de conferencias, coa presenza de 26 multinacionais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI 20/07/2020

Dixitalización industrial como gran temática de fondo, fábricas intelixentes, xemelgos dixitais para a industria, mecatrónica, robótica colaborativa e sensitiva, realidade virtual e aumentada, visión artificial, intelixencia artificial, internet industrial das cousas, ciberseguridade, analítica de datos e estándares de comunicación industrial... estes son algúns dos temas principais que se abordarán na I Digital JAI, unha versión dixital das xa coñecidas Jornadas de Automatización Industrial que este ano tiveron que modificar a súa posta en escena debido á crise sanitaria da covid-19.

Nun primeiro momento, e de forma preventiva, os organizadores decidiran aprazar as xornadas ata o vindeiro curso 2021. Porén, tralo interese mostrado por algunha das firmas participantes e unha vez confirmada con Vicente Goyanes, responsable da dirección e mantemento de campus mulltimedia-UVigo TV, a posibilidade de crear un xemelgo dixital das xornadas, os organizadores chegaron á conclusión de que “baseándonos nunha infraestrutura similar a do Campus Remoto, viamos posible crear con bastante celeridade un prototipo técnico, http://digitaljai.teltek.es. Por ese motivo, consideramos viable realizar un evento virtual baseado nesta plataforma e propuxemos convocar unha edición virtual das JAI, á que denominamos Digital JAI ". O evento celebrarase entre os días 26 e 30 de outubro, unha semana despois da data fixada inicialmente para o simposio presencial xa que “debido á covid-19, outro evento do sector desprazou as súas datas a dita semana”, explica José Ignacio Armesto profesor do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática, e principal impulsor destas xornadas de automatización.

Con todo, o docente remarca que non pretende que a partir de agora as JAI pasen a ser un evento en liña, senón que este ano a idea é experimentar o formato do xemelgo dixital para, nun futuro, construír unhas xornadas híbridas, con compoñente presencial e virtual, que se celebrarían, coma sempre, cada dous anos.

“En 36 h xa pechamos o programa de conferencias, con 40 ponencias e 26 multinacionais confirmadas”

No que respecta ás empresas, o profesor Armesto asume que “o total de participantes será inferior ao das xornadas tradicionais, o que é lóxico dada a situación excepcional na que nos atopamos”, e que provoca que, moitas empresas pasen por grandes dificultades contextuais ao tempo que as accións globais de márketing se reducen. A sorpresa chegou, relata o organizador, “cando, xa nun primeiro momento, tras realizar unha consulta ás 30 firmas que confirmaran a súa participación para o 2021 sobre estarían interesadas en participar nunhas Digital JAI este ano 2020, máis de 15 confirmaron a súa asistencia inmediatamente”. Esta resposta positiva deu luz verde para comezar cos preparativos e coa organización do evento, lanzando o chamamento oficial para a participación das empresas hai tan so tres días. “Esta semana enviei a chamada á participación ás empresas que participaban habitualmente nas JAI presenciais e nestas 36 h xa temos completo o programa de conferencias, con 40 ponencias e 26 multinacionais confirmadas”, relata Armesto. Adicionalmente, en colaboración coas asociacións Aer Automation e Isa Sección Española. “Creo que todos valoramos esta crise como unha oportunidade, celebrar as Digital JAI este ano supón a creación de, ata onde sabemos, o primeiro evento virtual multimarca do sector que vai ter lugar maioritariamente en español, será un evento pioneiro no seu ámbito”. Ademais, deste xeito as JAI non terán límites de audiencia xa que ao tratarse dunha edición virtual non só se emitirán en España, senón que tamén se poderán visualizar dende Latinoamérica.

“Un reto desafiante pero que sen dúbida nos ilusiona”

En canto á organización, o profesor José Ignacio Armesto sinala que está sendo un proceso “razoablemente rápido”, grazas ao experimentado servizo multimedia co que conta, UVigo TV. Aínda que tamén implica un gran reto, tanto para os organizadores como para os poñentes, “que participarán de forma remota, con toda a complexidade que iso leva consigo”, sinala Armesto, quen define a actividade como un “reto desafiante, pero que sen dúbida nos ilusiona”.

Para poder replicar as actividades da versión presencial coa maior fidelidade posible, a cada unha das firmas que se sume asignaráselle un xemelgo dixital con un ‘stand’ virutal “no que poderán poñer a disposición dos asistentes material multimedia como vídeos, documentos técnicos etc”. Tamén disporán dun chat no que poder interactuar coas firmas que máis lles interesen e facerlles preguntas aos representantes. Ademáis disto, a cada posto asignaráselle unha sala do mesmo estilo das que existen no Campus Remoto, que sería o “equivalente a cederlles unha aula da escola para que os fabricantes poidan realizar reunións cos seus clientes e visitantes para facer presentacións, demostracións dos produtos..., é dicir, o xemelgo dixital da proposta ‘linktotalk’. Por último, como novidade engadida para os primeiros días, organizaranse catro mesas redondas sobre temáticas de actualidade como dixitalización industrial, robótica na industria 4.0 ou ciberseguridade industrial, entre outras.