DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa tradución ao galego de 'Adiviñas Medievais' convértese no primeiro galardoado en tres ocasións

Jorge Luis Bueno gaña por terceira vez o Premio Nacional á mellor tradución da Asociación Española de Estudios Anglo-Norteamericanos 

Con “ledicia e sorpresa” afirma recibir o galardón o  docente e investigador da UVigo 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Internacional
  • Lingua Galega
  • Premios
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 29/11/2021

2010, 2014 e agora 2021 son os tres anos nos que Jorge Luis Bueno, docente e investigador e director do Servizo de Publicacións da UVigo, gañou o Premio Nacional á mellor tradución  que outorga a Asociación Española de Estudios Anglo-Norteamericanos, Aedean, “a sociedade científica de referencia no noso eido,  creada hai 44 anos, que edita unha revista que está moi ben situada nos índices de impacto, e dende hai 35 anos estableceu uns premios nacionais de investigación científica á mellor monografía do ano (en lingüística e literatura) e de tradución”, sinala Bueno. Coa tradución de Adiviñas Medievais do Libro de Exeter, ao galego, o investigador da UVigo convértese na primeira persoa en gañar o galardón de Aedean en tres ocasión, “por iso o  feito de recibilo é para min un motivo de orgullo persoal e profesional”, asegura, ao tempo que destaca, que en 35 anos de historia da asociación sempre se premiaron traducións ao castelán “agás no meu caso, que foron traducións ao galego. Que unha asociación valore isto, tendo en conta a forte competencia dos textos en castelán, é algo que quero destacar e salientar. Tamén é un recoñecemento a lingua galega como lingua de prestixio literario”, afirma o investigador da Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo.

O Premio Nacional de Aedean á tradución de Adiviñas Medievais do Libro de Exeter, e que se suma aos acadados por Jorge Luis Bueno en 2010 por Beowulf e en 2014 por Sir Gawain e o Cabaleiro Verde, chégalle ao investigador nun ano especialmente complicado polo elevado número de obras presentadas ao certame. Na súa resolución, o xurado do galardón destacou a calidade da tradución e o coidado da edición a nivel filolóxico e textual, e tamén de publicación. “Nisto último, a colección Vétera de Rinoceronte Editora é modélica e non quero deixar de destacar o traballo do editor Moisés Barcia, e do director da colección Raúl Gomez Pato”, destaca Bueno, que engade que o xurado tamén puxo de relevo no seu veredicto o feito de que fose unha tradución poética, que respectase o texto orixinal e que ofrecese un texto accesible para o público lector dende unha base filolóxica forte. “Podemos dicir que é un exemplo de transferencia de coñecemento dende as humanidades”, considera Jorge Luis Bueno. 

Unha parte do traballo apaixonante, pero que pasa desapercibida

Adiviñas Medievais do Libro de Exeter, enigmas anglosaxóns escritos na Idade Media recollidos no manuscrito Exeter Book, son, segundo o autor da súa tradución ao galego “textos que nos falan moi de cerca. Son fermosos como poemas líricos, e teñen unha imaxinería fermosa por si mesma, especialmente en relación coa cultura galega; compartimos unha simboloxía poética semellante no tratamento do mar. As mencións a vagas xigantes, negrumes mariñas e berros de navegantes antes de bater contra os cantís son expresións que xorden da experiencia. Calquera historia da nosa mariñeiría galega tería frases semellantes. O poemario contén textos sobre os percebes, as ostras, a gaita como instrumento musical, e moitas descricións de obxectos cotiás, de natureza, que nos falan dun xeito directo”, detalla Bueno. 

Logo de anos traballando na tradución ao galego de textos antigos, o docente e investigador da UVigo considera que este labor “sempre che ofrece un coñecemento máis completo da lingua e da cultura sobre a que traballas. E descubrir que nalgunhas cousas (para ben algunhas, para mal outras) non mudamos tanto como sociedade”. O gañador do premio de Aedean lamenta, non obstante, que profesionalmente. para avaliacións da produción de investigación como docentes, estes traballos pasen moi desapercibidos, “e non teñan consideración case ningunha. Mais, son unha parte apaixonante da nosa profesión e non penso deixar de facer cousas semellantes”, asegura.  

 Aínda que o novo gañador do Premio Nacional á mellor tradución da Asociación Española de Estudios Anglo-Norteamericanos, asegura que sempre procura tomar un descanso entre traballos, “para despexar a mente e para acometer a escritura de artigos científicos sobre o proceso que levou ao resultado final”, avanza que xa falou cos seus editores de Rinoceronte dun novo proxecto: dúas obras poéticas de Geoffrey Chaucer, “que van encher un baleiro na literatura traducida ao galego”, apunta.