DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O artista e ex-alumno de Belas Artes imparte nestas semanas un taller no centro

Jorge Perianes retorna á facultade para achegar o alumnado ao mercado artístico

A actividade afonda tamén no valor da “autoanálise” para a creación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 06/11/2019

Formado na Facultade de Belas Artes, as obras de Jorge Perianes estiveron presentes nos últimos anos en máis de 150 exposicións en diferentes países, así como en feiras da relevancia de Arco Madrid e Arco Lisboa, converténdoo nun dos artistas galegos con maior proxección. Achegar ao alumnado da facultade “a situación do mercado artístico actual, partindo da miña experiencia persoal” é un dos obxectivos do taller de escultura que Perianes imparte nestas semanas en Belas Artes. Promovido polo Departamento de Escultura e coordinado polo vicedecano Javier Tudela, a actividade busca tamén afondar no propio proceso artístico, poñendo de relevo, como sinala o artista, que “a creación é reflexión”.

Ao longo das dúas últimas décadas, Perianes protagonizou máis de 20 exposicións individuais en espazos como a Fundación Eugenio Granell de Santiago, o Palacio de Exposicións Kiosco Alfonso e o Macuf da Coruña, o CEE de Montevideo, o Centro de Arte Contemporánea Graça Morais de Bragança ou o Museo Provincial de Lugo. As súas obras estiveron presentes así mesmo en máis de 150 exposicións colectivas en diferentes países e forman parte das coleccións do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), Fundación Barrié de la Maza, Coca-Cola ou DKV. “Trátase dun artista que foi alumno noso e que ten unha actividade profesional relevante”, lembra Tudela, que sinala a importancia de que este taller “faga unha incidencia importante na vida profesional vinculada á creación artística, xa que se trata de aspectos que os alumnos non coñecen”.

A importancia da creatividade, a coraxe e a enteireza

Partindo da súa propia experiencia, dos seus procesos de traballo e das súas obras, Perianes busca neste taller “expor de forma xeral como e por que se vai desenvolvendo un traballo”, poñendo o foco “nos seus tempos, contexto, influencias, anécdotas...”, así como falar tamén da situación do mercado artístico. “Penso que é un tema que lles pode interesar, tendo en conta que é unha das saídas profesionais desta carreira e que non soe ser moi tratada nela”, salienta este ex-alumno. 

Nun taller de 10 horas que busca tamén promover un diálogo co alumnado, Perianes promoveu tamén unha reflexión sobre os múltiples materiais contemporáneos, partindo da súa propia produción artística. “Os materiais no momento actual adáptanse á fin, son medios”, sinala Perianes que nese senso recoñece que investiga “con moitos, nun proceso constante e espontáneo”. Do mesmo xeito, o taller ten como obxectivo “fomentar a autoanálise do alumnado”, levalos a reflexionar sobre a importancia da creatividade, que implica en ocasións “incumprir as normas e cometer erros”, pero tamén "da coraxe e da enteireza”, de “non someterse á ditadura do éxito”, sinala. “Considero que saber obxectivar é a maior virtude que pode ter un artista, e quizais tamén toda persoa”, engade Perianes, que busca trasladar ao alumnado a importancia “da toma de responsabilidade, a autoconsciencia, a implicación, a reflexión e a práctica continúa”. Nese senso, o artista convidou aos e ás participantes no taller a “esquecerse da autoría e a relixión do éxito e tratar de concentrarse no resultado final”.

De feito, o taller, que abrangueu tamén unha reflexión sobre múltiples materiais contemporáneos, partindo dos que Perianes emprega nas súas pezas terá como epílogo a organización dunha exposición na propia facultade con creacións dos preto de 15 estudantes participantes. “A idea é que os alumnos presenten unha proposta de obra ou algún traballo anterior para buscar o seu encaixe expositivo como un acto final do taller”, salienta Tudela dunha iniciativa que se levará a cabo con posterioridade ao remate do taller. 

A impresora 3D como ferramenta creativa

Xunto ao impartido por Perianes, o Departamento de Escultura organiza outros dous obradoiros máis na facultade nestas semanas, entre eles o taller de impresoras 3D que botou a andar este luns. Impartido polo profesor da facultade Iñaki Pérez, este obradoiro propón ás e os participantes un achegamento á "tecnoloxía dixital tridimensional, dentro do ámbito escultórico, principalmente, entendendo este último como algo físico e tanxible”, sinala este docente. Deste xeito, búscase tanto achegar o alumnado ao coñecemento de diferentes obras e artistas que se valeron desta tecnoloxía como inicialos no manexo dos programas informáticos que permiten a realización de mallas dixitais e a preparación de pezas para a súa impresión. “O taller ten un carácter de iniciación, participativo e práctico”, sinala Pérez Folgado dun obradoiro que nese senso busca que o alumnado poida desenvolver as súas propias propostas persoais. “O obxectivo principal é encontrarse con esta tecnoloxía para experimentar de primeira man os posibles beneficios do seu uso como ferramenta creativa”, conclúe o responsable dun taller ao que se suma tamén nestes días o obradoiro de escultura que impartirá na facultade o artista Rodríguez-Méndez, promovido tamén desde o Departamento de Escultura.