DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun libro que pretende ser a base de futuras investigacións

José Montero devolve o nome do seu bisavó á historia da literatura

O catedrático e decano da FFT recompila por primeira vez o traballo de José Montero Iglesias

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Publicacións
  • Cultura
Rebeca López Villar DUVI 05/02/2021

Arredor do ano 1900 coincidiron en España dúas correntes literarias: a tendencia protagonizada polas creacións de Benito Pérez Galdós, Emilia Pardo Bazán ou José Echegaray, e a nova literatura, representada pola obra de Juan Ramón Jiménez, Ramón del Valle-Inclán ou Carmen de Burgos. Entre estes dous movementos xorde a obra do xornalista e escritor José Montero Iglesias, máis próximo por idade á segunda xeración pero moi unido a Galdós e José María de Pereda. 

Co obxectivo de “devolver á historia da literatura española un autor que por circunstancias diversas non entrou nela” e baixo o título Periodismo y literatura en el cruce de dos siglos: José Montero Iglesias (1878-1920), o decano da Facultade de Filoloxía e Tradución e catedrático en Literatura Española e Teoría da Literatura José Montero Reguera acaba de publicar un libro no que recolle o percorrido vital e artístico de José Montero Iglesias, o seu bisavó. 

A edición, levada a cabo polo Centro de Estudios Mirobrigenses co gallo do aniversario do falecemento de Montero Iglesias, reconstrúe a traxectoria do escritor a partir dun rexistro exhaustivo da súa produción literaria e periodística. Montero Reguera propón un esquema biográfico organizado en catro bloques nos que incorpora os textos de forma secuencial, abordando o nacemento e a infancia do autor en Ciudad Rodrigo, a súa xuventude en Cantabria, a incorporación á vida periodística e o seu traslado a Madrid. 

Montero Iglesias, expoñente da literatura de principios de século

Comentando a pertinencia do seu traballo, Montero Reguera sinala que “o devir da literatura ou dun período de tempo concreto coñécese moitas veces mellor a partir de figuras secundarias”. Neste senso, cre que o protagonista desta monografía é un bo exemplo para descubrir o “feito literario español dos primeiros 20 anos do século pasado ou, polo menos, dalgún dos seus elementos máis salientables: cruzamento de literatura e periodismo, poesía e ilustración gráfica, novela curta de gran difusión, adaptacións teatrais de obras clásicas, teatro poético, etc.”. 

Ademais do enfrontamento xeracional entre o movemento de Galdós e o seguinte, o da xeración do 98 e os modernistas, o profesor explica que o primeiro terzo da centuria pasada destacou, entre outros aspectos, pola íntima relación entre xornalismo e literatura. Montero Iglesias serve para ilustrar esta interdependencia porque, ademais de exercer como periodista, “cultivou a poesía, o teatro e a novela curta e longa, e boa parte destes produtos literarios apareceron nos xornais e revistas nos que traballou: El Cantábrico, El Diario Montañés, El Pueblo Cántabro, Mundo Gráfico, etc.”. No eido dramático, Montero Iglesias asinou textos como crítico e autor, como demostran “as obras e adaptacións da obra de Galdós, algunhas editadas e representadas”. 

Tendo en conta todas as publicacións do seu antepasado, o docente decántase por subliñar “as biografías de Pereda, Velarde e Ángel Fernández de los Ríos, e a súa poesía, espallada en xornais e revistas de entón, hoxe moi difícil de atopar”. Sobre a obra poética do autor, Montero Reguera afirma que “a poesía acompañouno toda a vida” xa que son líricos os seus primeiros documentos, recollidos na investigación, e “é poesía o último que escribe, xa en véspera do seu falecemento”. 

Froito dun proceso longo e pausado

Aínda que Montero Reguera recoñece que “a proximidade do centenario do seu falecemento (1920-2020) precipitou un pouco as cousas, sobre todo na fase final de redacción”, a xestación desta obra foi pausada e laboriosa. A orixe da publicación tivo lugar na década de 1990, cando o catedrático da UVigo “traballaba na Biblioteca Nacional de España, catalogando manuscritos poéticos dos séculos XVI e XVII”. Nese ámbito, o investigador descubriu gran cantidade de documentos reveladores que foi recompilando ata acadar un número “suficientemente importante como para escribir un libro”. Posteriormente, grazas á consulta física e virtual das hemerotecas de bibliotecas e arquivos diversos, o autor conseguiu “toda unha serie de materiais que conforman a base desta monografía”. 

Material para futuras investigacións

Montero Reguera recalca que Periodismo y literatura en el cruce de dos siglos: José Montero Iglesias (1878-1920) non é un libro de crítica ou análise literaria, senón de historia. Por iso, comenta, pretende xuntar os datos necesarios “para recordar e dar a coñecer a un escritor cunha produción literaria que require dun estudo pormenorizado para a súa cabal comprensión”. Así mesmo, indica que a publicación, inserta no grupo de investigación Ediciones y estudios de literatura española, ten o ánimo de “promover indagacións posteriores, máis profundas, sobre algún aspecto concreto da obra de Montero Iglesias”.   

A pesar da orientación académica do volume, no que “hai moita erudición e información”, os datos recollidos aparecen “presentados de maneira axeitada para que un lector non necesariamente especialista poida sentirse atraído polo contido”. Alén dos rexistros históricos, a investigación revela, por exemplo, a relación epistolar entre o seu bisavó e Galdós, símbolo da súa amizade con escritores “da vella e da nova literatura de comezos do século XX”, e a proximidade con outras moitas personalidades da época, como a actriz Margarita Xirgu.

Xa inmerso en proxectos derivados desta monografía inicial, José Montero Reguera, que conxuga o seu labor como decano coa docencia e o estudo da literatura dos séculos XVI e XVII, confía en “sacar tempo” para afrontar unha edición da poesía e dos relatos curtos do seu antepasado.