DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras cinco anos no cargo de Luis Alonso Bacigalupe, o último en funcións

José Montero presenta a súa candidatura ao decanato de Filoloxía e Tradución

As eleccións serán o vindeiro martes 18 de febreiro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
D. Besadío DUVI 14/02/2020

Tras varias convocatorias sen que se presentase ningunha candidatura, a Facultade de Filoloxía e Tradución elixirá o vindeiro martes novo decano e farao tras presentarse ao cargo o catedrático de Literatura española, José Montero Reguera, para quen esta non será a súa primeira experiencia á fronte do centro, xa que xa exercera como decano en funcións en tres ocasións anteriores, a última hai catro anos, cando fora nomeado polo reitor tras varias convocatorias electorais ás que non se presentara ningunha candidatura. “A situación de agora non é moi diferente da de entón, de novo volveu haber varias convocatorias sen éxito, pero a Facultade de Filoloxía e Tradución atópase nun momento de grandes retos e desafíos, e entendín que todos podemos axudar nestas circunstancias, aínda máis os que por rango, antigüidade e experiencia temos ocupado ou ocupamos cargos de xestión universitaria”, explica Montero, quen na actualidade ocupaba o cargo de director do Departamento de Literatura española e teoría da literatura.

Xunto a Montero Reguera, recoñecido experto en Cervantes, forman parte desta candidatura a profesora titular de Lingua Española, Inmaculada Anaya, como vicedecana de Comunicación, Captación e Diversidade; María Seijas, profesora titular de Historia Moderna, como vicedecana de Calidade; Xosé Soto, profesor titular de Filoloxía Galega, como vicedecano de Organización Académica e Profesorado; Beatriz Rodríguez, profesora contratada doutora de Tradución e Interpretación, como vicedecana de Relacións Internacionais, e Miguel Cuevas, profesor contratado doutor de Lingua Española, como secretario do centro. “É un equipo que mestura xuventude e experiencia, longas traxectorias xa como xestores e investigadores, con gañas de traballar e ilusión por afrontar os retos aos que se enfronta o noso centro e a Universidade de hoxe”, explica o candidato.

A reforma dos graos, o máis urxente

Como puntos principais do seu programa de goberno Montero destaca a necesidade de dirixir os procesos de reforma de graos que teñen enriba da mesa, xestionar o día a día dun centro grande coas súas complexidades e dificultades e, “sobre todo, por medio do diálogo e do respecto, amosar a nosa vontade de facer chegar á sociedade o moito traballo e investigación que facemos, e a importancia das humanidades no día de hoxe; en definitiva, amosar á nosa contorna, dentro e fóra da nosa Universidade, a necesidade dos nosos estudos e dunha Facultade de Filoloxía e Tradución no sur de Galicia”.

Substituirá no cargo a Luis Alonso Bacigalupe

Montero Reguera substituirá no cargo ao profesor do Departamento de Tradución e Lingüística Luis Alonso Bacigalupe, no cargo desde novembro de 2015, o último ano xa como decano en funcións. No seu mandato Alonso tratou de darlle un pulo aos estudos e á investigación en letras e humanidades e loitou por lograr unha maior presenza da FFT na sociedade e nos medios de comunicación, “sempre cunha mensaxe positiva: as letras (as linguas, a tradución, a literatura, a socioloxía) impórtanlle moito á sociedade e teñen unha función social crucial”, explicaba hai apenas uns meses ao informar da ausencia de candidaturas para substituílo no cargo. No eido da investigación o decano destacou o feito de que se conseguiron os fondos necesarios para a creación do Laboratorio de Cognición e Linguaxe da Universidade de Vigo, que aspira a ser un dos mellor equipados do Estado.