DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É o director dende 2017 e, dende outubro, está en funcións

Juan E. Pardo, único candidato ás eleccións da Escola de Enxeñería Industrial

A votación terá lugar o vindeiro venres 5 de marzo

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
M. Del Río DUVI 26/02/2021

Completar o curso mantendo os estándares de calidade docente e seguir apostando por un proxecto de escola. Son dúas das claves da aposta do profesor Juan E. Pardo Froján por continuar tres anos máis á fronte da Escola de Enxeñería Industrial. A súa é a única candidatura para as eleccións que terán lugar o vindeiro venres 5 de marzo. Xunto a el, completan o equipo Pablo Izquierdo, como secretario e como subdirectores Celso Fernández; Rafael Verdugo; Francisco Rodríguez; Ana Mª Mejías; María Fernández; Cristina Trillo; Luis E. Eguizábal; Ángel M. Espada; Antonio Riveiro e Rafael Comesaña.

Pardo Froján foi elixido director en 2017 e, tras unha convocatoria electoral no mes outubro de 2020 que se pechou sen ningunha candidatura, continuou no cargo en funcións ata agora. Explica que a súa decisión de non presentarse na pasada convocatoria responde ao momento complexo no que estaba o centro e a Universidade. “Non me parecía oportuno celebrar eleccións (aínda que a normativa o establecía)”, cando o máis urxente era “concentrar todo o noso esforzo para tratar de garantir unha docencia presencial nas mellores condicións posibles para o noso alumnado. Foi, como explica, unha decisión tomada “en beneficio da escola”. Pero agora, catro meses despois, apostou por presentar unha candidatura de continuidade, porque aínda que a situación “segue resultando complexa e o punto de mira segue estando en rematar este curso tratando de que a docencia transcorra de xeito seguro e coa maior calidade posible nestas circunstancias, hai moitos proxectos e tarefas que desenvolver e resulta necesario seguir apostando por un proxecto de escola”.

Unha proposta continuísta 

Boa parte do equipo que acompaña a Pardo Froján xa forma parte da dirección actual. Un total de 12 persoas que se presentan a estas eleccións coa idea de “seguir apostando por os eixos estratéxicos recollidos no programa co que nos presentamos no seu momento, pero con novos retos e, tamén, con novos proxectos que teremos que afrontar nos vindeiros anos”.  

Pardo Froján, profesor do Departamento de Organización de Empresas e Márketing, explica que “un dos nosos eixos está sustentado nunha aposta baseada na calidade das nosas titulacións. Consideramos que o papel da Universidade de Vigo en xeral, e o da nosa escola en particular, é esencial para facer fronte aos importantes retos da nosa sociedade, máis no momento no que nos atopamos”. Así, entre as súas metas está someter nos vindeiros meses os tres graos restantes do ámbito industrial ao proceso de obtención dos selos EUR-ACE e así completar o proceso de acreditación destes selos nas titulacións de grao no ámbito industrial. Máis a longo prazo, a seu programa ten a vista posta na adaptación da oferta formativa de graos e mestrados para que “se adecúe aos novos perfís e ás novas necesidades que se veñen demando dende o sector empresarial”. Neste sentido, lembra que se está a traballar na posta en marcha dun primeiro grao dual en Enxeñería da Automoción e lembra que tamén se continuará potenciando as titulacións do eido da Enxeñería Biomédica. 

Balance dun ano complexo para todos

Botando a vista atrás agora que se cumpre un ano do inicio da pandemia da covid-19, Pardo Froján asumen que “foi moi complicado para todo o mundo” pero o balance que fai, en liñas xerais, “é positivo”. Remarca que “tendo en conta que foi unha situación totalmente inesperada, impredicible e inimaxinable no seu alcance, a resposta e a capacidade de adaptación de toda a xente, de toda a comunidade é digna de mención e de recoñecemento”. Por isto, non ten máis que “palabras de agradecemento e de eloxio para toda a nosa comunidade, dende a primeira ata a última persoa, para facer fronte a esta complexa situación”, máxime sendo “unha escola con titulacións, onde a parte práctica é moi importante”. 

De feito, a experiencia do pasado curso foi determinante para a Escola de Enxeñería Industrial, o centro máis grande da UVigo, apostase neste 2020/2021 pola presencialidade total dos seus graos e mestrados. Reducir grupos, adaptar horarios, habilitar novos espazos... o reto era grande, pero o director destaca “con total sinceridade e tamén con total honestidade, recoñecendo erros e dificultades”, que foi unha “decisión acertada e que se tomou en beneficio da docencia para o noso alumnado. Eu creo que mereceu a pena todo o esforzo feito e que os resultados estiveron por riba das expectativas iniciais”. Neste sentido, subliña o papel “fundamental de toda a comunidade que entendeu as dificultades da situación e foi moi comprensible con certos inconvenientes que se presentaron o longo do curso”.