DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa é unha das beneficiarias do programa Incuvi-Avanza

Last Pick continúa co apoio do CITI a súa maduración como proxecto emprendedor

A idea de negocio é a dunha marca de roupa deportiva relacionada co baloncesto

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Emprender
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI Ourense 02/12/2019

En 2018, o egresado da Universidade de Vigo Santiago Rúa comezou a traballar por facer realidade o seu soño desde que era un neno de ter a súa propia tenda de roupa dedicada ao baloncesto. Fíxoo creando o proxecto emprendedor Last Pick ao abeiro do programa Incuvi-Emprende da institución académica. A súa iniciativa dá agora un paso máis ao ser unha das beneficiarias da cuarta convocatoria do programa Incuvi-Avanza, continuidade do anterior, e seguirá a súa maduración contando co apoio do Centro de Investigación, Transferencia e Innovación en Ourense (CITI), onde ten á súa disposición un espazo de traballo.

Santiago Rúa recibiu de mans de Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, e Javier Rodeiro, director do CITI, as chaves do espazo de oficinas que ten á súa disposición neste centro. Como beneficiario da convocatoria Incuvi-Avanza organizada pola Área de Emprego e Emprendemento, o egresado en Administración e Dirección de Empresas da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense recibirá asesoramento personalizado e unha axuda económica para subvencionar custes relacionados coa constitución como empresa chegado o caso, ademais de ter durante doce meses á súa disposición este lugar de traballo no CITI, ubicado no Parque Tecnolóxico de Galicia.

Segundo explicou o emprendedor tras recibir as chaves da oficina, Last Pick xurdiu ao amparo da convocatoria Incuvi-Emprende, froito da súa paixón polo deporte e coa colaboración de dúas persoas, como son Susana Bravo e Fernando Rábade. Cumprido o ano de estadía na incubadora do campus de Vigo que contempla esa convocatoria, a iniciativa pasa a ter o CITI como espazo de referencia no que madurar a idea de negocio e decidir se dar ou non definitivamente o salto ao mercado real.  

Roupa con mensaxe

Last Pick, comentou o seu promotor, “quere ser unha marca de roupa deportiva relacionada co baloncesto”. A súa principal diferenciación, indicou, é a mensaxe. “O que queremos transmitir é unha mensaxe de igualdade, de crecemento, de mellora, de obtención de resultados a través do traballo... Queremos inspirar á xente coas nosas mensaxes e as nosas marcas e que se sinta identificada co que intentamos transmitir”, apuntou o emprendedor. A iniciativa xa conta coa súa primeira colección de roupa, composta por catro camisetas e tres suadoiros, de estilo deportivo “que pode levar calquera persoa”. Neste produtos, indicou Rúa, “o que intentamos é transmitir cos deseños, con frases ou palabras, as mensaxes da marca, facendo fincapé en que sexa unha mensaxe inclusiva, tanto de xénero como doutras condicións”. Cunha produción pequena que se comercializa on-line, a idea do promotor do negocio “é seguir facendo novas coleccións e produtos de roupa deportiva” e tamén, no futuro, “facer roupa técnica de baloncesto para equipos”.

Sobre a experiencia emprendedora, Santiago Rúa sinalou como nos seus inicios “foi dura no sentido de que había moito traballo que facer. Chegamos cunha idea e esa idea foi evolucionando, adaptándose á información do mercado, dos clientes... a idea converteuse nalgo máis formalizado, que xa ten un corpo, unha idea de negocio, converteuse nalgo que pode saír adiante”. Na nova etapa que se abre co apoio de Incuvi-Avanza, o emprendedor apuntou na súa visita ao CITI por primeira vez como “agardo dar un paso máis adiante”. Así, recalcou, o seu obxectivo para os vindeiros meses “é saber se realmente podemos ter unha masa de clientes que sexa o suficientemente importante para que isto se converta nunha empresa real”. Mentres continúa coa maduración do seu produto, Santiago Rúa advertiu como “xa a propia vida do proxecto nos di o que temos que facer en cada momento”.