DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade tivo lugar o sábado coa colaboración de Casa Terra Alma

Laza acolleu unha nova sesión do proxecto de cultura no rural Aldearmos

A iniciativa conta co apoio de entidades como a Vicerreitoría do campus e Agadic

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 06/03/2023

O pasado 23 de outubro púxose en marcha en Vilar de Santos o proxecto Aldearmos, un “programa de democratización cultural do e no rural" da Rede Aldear, formada por unha vintena de concellos rurais das provincias de Ourense e Lugo. A iniciativa, que conta co apoio da Vicerreitoría do campus de Ourense e de entidades como Agadic (Xunta de Galicia), está percorrendo desde entón diferentes puntos do rural galego co obxectivo de amosar a súa vitalidade e contribuír a asentar proxectos culturais nel. Este sábado, 4 de marzo, celebrouse en Laza (Ourense) nova sesión desta actividade.

Como no resto de sesións de Aldearmos, o campus de Ourense e a Rede Aldear colaboraron con axentes culturais da contorna para o desenvolvemento desta actividade. Neste caso traballouse co proxecto Casa Terra Alma, que se define a si mesmo como un lugar que “nace na procura dunha forma de vida máis sostible en harmonía coa natureza”, segundo comentan desde a organización. Con esta filosofía, indican, a programación de Aldearmos Laza contou cun concerto, unha visita guiada, un obradoiro e mostra de cociña con plantas da contorna e unha conferencia. Ademais, a Vicerreitoría de Extensión Universitaria da UVigo inaugurou unha mostra na Casa Terra Alma coas obras premiadas na sección de fotografía dos concursos culturais da Universidade de Vigo dos anos 2021 e 2022 e o investigador da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense Deibe Fernández Simo ofreceu unha conferencia sobre educación social en contornas naturais privilexiadas. O concerto correu a cargo de Cinta Adhesiva e a visita guiada e de observación de avifauna tivo lugar pola contorna das Eiras.