DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tituladas de CCSS e da Comunicación presentaron na facultade a campaña ‘Youth can act!’

Unha “libraría humana” para promover o activismo entre a mocidade

Trátase dunha iniciativa inserida nun proxecto europeo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 05/11/2019

Dar a coñecer o labor que a xente nova realiza en ámbitos como o feminismo, o ecoloxismo ou a defensa dos dereitos do colectivo LGTBI a través dunha “libraría humana”, na que dez mozos e mozas relatan as súas experiencias neste eido, constitúe o eixo de Youth can act!, unha campaña dirixida a promover o activismo entre a mocidade. Impulsada por un grupo de alumnas e tituladas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e xurdida dun proxecto financiado pola European Youth Foundation, a campaña que promoven na rede social Instagram vese agora complementada por actividades como a presentación que dúas das responsables da iniciativa, Yanina Alfaya e Sara Piñeiro, realizaron nesta facultade.

“Existe a idea de que a xente nova non fai nada, pero moitas veces non é porque non queiran, senón porque non sabes como facelo, polo que quixemos amosarlles que existe moita diversidade en canto ás temáticas nas que centrarte ou na maneira de facelo”, explica Alfaya, graduada en Publicidade e Relacións Públicas. “A libraría humana busca darlle exemplos á xente do que se pode facer, darlles unha inspiración”, engade Piñeiro, estudante de Comunicación Audiovisual. Oito mozas, a maioría alumnas e egresadas da facultade, son as responsables do proxecto iniciaron en setembro en Instagram, onde progresivamente van incorporando unha serie de vídeos dese mozos e mozas aos que presentan como exemplos, entre os que figuran a integrante dunha asociación que presta apoio ás vítimas de violencia machista, unha moza que promove o veganismo a través do seu blog ou membros da asociación feminista Neofem, xurdida no IES Luís Seoane. 

Da rede aos centros e a rúa

Coincidindo co remate, este xoves, das publicacións dos vídeos na rede, as impulsoras de Youth can act! decidiron complementar a iniciativa con actividades como a que levaron a cabo en CCSS e da Comunicación. O seu propósito inicial, explican, “non era tanto amosar a nosa campaña, senón falar co alumnado do que consideran que é o activismo”, aínda que finalmente Alfaya e Piñeiro protagonizaron un coloquio no que, ademais de debater “sobre cales son os problemas que vemos na nosa contorna”, presentaron aos docentes e estudantes presentes unha iniciativa que continuará nas próximas semanas con novas actividades. Concretamente, explican, teñen programado realizar obradoiros nos institutos Valle-Inclán e Luís Seoane e este venres inauguraran unha exposición na Praza da Ferraría. Organizada co apoio do Concello, a mostra estará integrada por fotografías das e os protagonistas da campaña, acompañadas dun extracto do que relatan no vídeo, “xa que queremos facer fincapé na súa historia”, salienta Alfaya.