DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os seus editores son Diego Carou, Antonio Sartal e J. Paulo Davim

Un libro afonda na aplicación industrial da aprendizaxe automática e a intelixencia artificial

Co obxectivo de mellorar o rendemento e competitividade das empresas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 21/03/2022

O obxectivo deste libro é proporcionar ao público interesado un traballo completo sobre aprendizaxe automática e intelixencia artificial, tentando expor as principais ideas e exemplos dunha maneira sinxela e práctica. Así se presenta a nova publicación Machine Learning and Artificial Intelligence with Industrial Applications. From Big Data to Small Data, editada por investigadores das universidade de Vigo e Aveiro (Portugal).

O libro forma parte da serie Management and Industrial Engineering da editorial Springer. Os seus editores son por parte da UVigo Diego Carou, profesor da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, e Antonio Sartal, investigador do programa Beatriz Galindo, e ambos membros do grupo Rede (Research Group in Energy, Innovation and Environment). Por parte da Universidade de Aveiro participa o profesor J. Paulo Davim.

Un activo fundamental

Nas últimas décadas, explican os editores do libro, “os datos convertéronse nun activo fundamental, non só para a industria senón tamén para a propia sociedade. Neste contexto, o big data e a analítica de datos avanzada convertéronse en tecnoloxías facilitadoras fundamentais na actual cuarta revolución industrial, popularizada coma Industria 4.0”. A intelixencia artificial e, en particular, as estratexias de aprendizaxe automática (machine learning), sinalan, están mellorando a produtividade en diferentes sectores industriais e dende múltiples aplicacións.

Neste contexto, engaden os investigadores da UVigo, a axenda de investigación do grupo Rede neste campo ten dado froitos como as publicacións Enabling Technologies for the Successful Deployment of Industry 4.0 (CRC Press) e Aerospace and Digitalization. A Transformation Through Key Industry 4.0 Technologies (Springer). “O leitmotiv de todos estes traballos é que as empresas deben aproveitar ao máximo os datos dispoñibles para mellorar o seu rendemento e manter a competitividade”, indican. Dando un paso máis nesta liña de traballo, preséntase agora a publicación Machine Learning and Artificial Intelligence with Industrial Applications. From Big Data to Small Data, pensada para proporcionar neste eido “ideas e exemplos dunha maneira sinxela, que permita a un experto de nivel medio ir profundando nos contidos”.

Da teoría á práctica

O libro consta de nove capítulos dispostos en dúas partes e integra un conxunto dispar de achegas de especialistas de universidades, centros tecnolóxicos e empresas tanto nacionais como internacionais. “Recolle un bo número de investigacións escritas por investigadores e científicos do mundo académico, da industria e dos centros de I+D, ofrecendo aos lectores diferentes enfoques que se consideran enriquecedores”, apuntan os responsables da publicación. A primeira parte do libro presenta o contexto xeral, incidindo na importancia da creación de valor a partir dos datos nun primeiro capítulo elaborado por investigadores das universidades Carlos III e Vigo. Tamén inclúe un repaso dos principais métodos e aplicacións da man de membros do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e TripleAlpha Innovation.

A segunda parte da publicación está dedicada á presentación de casos prácticos en diversos tipos de actividades industriais e comprende sete capítulos. Investigadores da Università Politecnica delle Marche presentan un caso de aplicación de deep learning en tarefas de control de calidade e desde o centro tecnolóxico Gradiant amósanse diversos exemplos de aplicación de machine learning en automoción. Igualmente, investigadores do centro tecnolóxico Ainia achéganse a experiencias no sector alimentario e investigadores das universidades lusas de Coimbra e Aveiro, en colaboración coa  empresa Toolpresse, Peças Metálicas por Prensagem, amosan unha aplicación no proceso de forxado de chapa metálica para a predición de aparición de defectos. A publicación tamén inclúe un estudo relativo á aplicación da intelixencia artificial na pesca de atún por parte de Carlos Groba, integrante tamén do grupo Rede e director TIC da empresa Marine Instruments, e unha achega do Instituto Tecnológico de Matemática Industrial (ITMATI) centrada no campo da enerxía. Finalmente, investigadores de Deusto achéganse ás aplicacións no campo do vehículo conectado.