DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle un curso sobre esta temática

A lingua de signos, porta de entrada para coñecer a comunidade xorda

A formación incide nas ferramentas socioeducativas para a inclusión deste colectivo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI Ourense 11/06/2019

Entre a oferta de cursos de extensión universitaria que se imparten durante os meses de xuño, xullo e setembro no campus de Ourense, está un cuxo obxectivo principal é pór en valor a comunidade xorda e a súa cultura, especialmente a súa lingua de signos. Durante dúas semanas, as e os participantes nesta formación aprenden a manter unha conversa básica a través desta lingua e adquiren un coñecemento máis axustado á realidade do colectivo xordo.   

O curso, titulado Iniciación á lingua de signos española, á comunidade e cultura xorda. Ferramentas socioeducativas inclusivas, está dirixido por Alexo Breogán Rioboo e impartido por Paula Fernández, intérprete de lingua de signos e mestra de Educación Infantil. Á formación asisten 25 persoas, fundamentalmente alumnado da Facultade de Ciencias da Educación do campus, onde se imparte o curso. Os obxectivos desta iniciativa, explican os seus responsables, son dar a coñecer a lingua de signos española, “recoñecida como patrimonio cultural inmaterial”; promover unha educación de calidade para o alumnado xordo; pór en valor a comunidade xorda, a súa cultura e lingua e promover a equidade como proxecto social.

Da lingua ás novas tecnoloxías

“Os contidos que abranguemos son lingua de signos, persoas xordas, comunidade xorda, xordocegueira, inclusión na aula, novas tecnoloxías… abordamos un pouco todo o que é a cultura da comunidade xorda, aprendendo a súa lingua, que é a lingua de signos”, explica Paula Fernández. Con 60 horas de duración, apunta a intérprete, o curso é de iniciación pero nel as e os participantes “van a aprender conceptos que lles permitirán presentarse, saber dicir onde traballan, onde viven... aprenderán a ter unha conversa básica para defenderse na lingua de signos”.  Ao longo das sesións, o alumnado deste curso aprende que é a lingua de signos; as características da comunidade e da cultura xordas; o punto de vista médico-rehabilitador sobre a xordeira; a lingua de signos apoiada para o caso das persoas con xordocegueira; as ferramentas inclusivas neste eido; os beneficios da lingua de signos para diferentes colectivos ou a expresión corporal e as novas tecnoloxías en relación con esta lingua. Alén da familiarización coa lingua de signos, Paula Fernández sinala como, ante o “gran descoñecemento que hai” sobre o colectivo xordo, “cursos coma estes son moi necesarios porque con eles tamén estamos achegando esa comunidade e a súa cultura a alumnado que no futuro pode traballar con persoas xordas”.

Unha forma diferente de ver o mundo

Sobre a lingua de signos, a docente do curso recalca como “é unha lingua como outra calquera, recoñecida en España na Lei 27/2007 como a lingua propia das persoas xordas, cos seus dereitos”. Do mesmo xeito, recalca a intérprete, a “cultura xorda debe ser valorizada como calquera outra cultura”. Neste senso, Paula Fernández recalca a importancia de comprender que non é o mesmo falar de persoas xordas, que en España se calcula que hai arredor dun millón, que de comunidade xorda. “A comunidade xorda é unha comunidade de persoas, sexan xordas ou oíntes, que participan dunha cultura e dunha lingua, a lingua de signos”, comenta. Así, indica, “non todas as persoas xordas empregan a lingua de signos, depende de moitos factores, poden ser xordas e preferir empregar axudas técnicas para comunicarse”. A comunidade xorda, detalla a intérprete, comparte “unha cultura propia, unha forma diferente de comunicarse e de ver o mundo”, situando como parte desta comunidade a familiares e amigos de persoas xordas. Dentro desta comunidade e desta cultura, sinala, “a lingua de signos ocupa un papel moi importante porque é unha forma de acceso á información a nivel xeral”.