DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

A loita das científicas e tecnólogas por espertar vocacións entre as alumnas de ensino secundario non decae

Organizáronse múltiples charlas en institutos e obradoiros no Cinbio e nas escolas de enxeñaría

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI 11/02/2021

Emoción por descubrir e fascinación por un traballo que consideran apaixonante. Científicas e tecnólogas da Universidade de Vigo uníronse este xoves á celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia organizando diferentes actividades coas que dar a coñecer entre as alumnas de ensino secundario as súas profesións. A pandemia non permitiu este ano a presencialidade, pero o espírito da xornada mantívose coa organización de diferentes encontros virtuais cos que amosar que as mulleres que fan robots, traballan con láser, idean as comunicacións do futuro, descobren os segredos das moléculas ou deseñan novos materiais non son bichos raros, senón persoas normais.

Ao longo de todo o mes 32 investigadoras e un investigador da UVigo están impartindo en institutos de ensino secundario de toda a provincia charlas virtuais sobre o seu traballo e sobre o papel da muller na ciencia e na tecnoloxía, conversas enmarcadas na iniciativa 11 de febrero, que se organiza a nivel nacional con motivo desta data. A maiores e, como xa vén sendo tradicional neste día, hoxe celebrouse en liña a quinta edición de Elas Fan CienTec, un programa de obradoiros para rapazas de secundaria organizado por investigadoras do Centro de Investigación Biomédica, Cinbio e das tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo co apoio das unidades de Igualdade e Cultura Científica. 

Experimentos, charlas e actividades interactivas adaptadas ao formato virtual

A adaptación á modalidade virtual dos obradoiros Elas Fan CienTec supuxo un reto, xa que estaban pensados para que as alumnas que participasen fixeran elas mesmas experimentos e manexaran equipamento dos laboratorios. “Na edición deste ano tentamos suplir a carencia da presencialidade con videos que amosaran as nosas instalacións, tamén resumindo de forma sinxela cales son as nosas tarefas de investigación diarias”, explica Belén Vaz, investigadora que este ano se encargou de coordinar os talleres que se levaron a cabo no Cinbio. Neste caso conectáronse de forma remota cun grupo de alumnas do IES Val Miñor de Nigrán e con elas realizaron diferentes actividades interactivas, vídeos sobre experimentos, charla,s etc. En total programáronse catro obradoiros de media hora de duración cada un deles: Síntese de nanopartículas en disolución, Elixe o teu epixenoma, Un día entre moléculas, e Materiais magnéticos. O primeiro dos obradoiros encargáronse de impartilo as invesigadoras Paloma Morán e Diana Valverde. Consistiu nun xogo de cartas interactivo no que as estudantes tiñan que simular unha contorna e un estilo de vida. As estudantes dividíronse en dous equipos e foron elixindo distintos “tipos de vida” e, ao final do xogo, puideron ver cales son as alteracións que se producen no epixenoma e os efectos desas alteracións.

A docente e investigadora e enlace de Igualdade na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Soledad Torres, exhortou ás estudantes da ESO do IES Rosais II de Vigo que participaron no obradoiro asegurando que “sodes necesarias para as tecnoloxías e nun mundo tecnolóxico e por iso temos que facelas atractivas para que vos sintades interpeladas”. Pola súa banda, o director do centro, Íñigo Cuiñas, na inauguración da actividade sinalou que “ciencia e tecnoloxía non entenden de xénero” e animou ás alumnas a considerar o seu papel e o seu futuro como estudantes da escola. Neste caso mantivéronse os talleres de programación en Scratch e de programación de páxinas web, mentres que o de robótica substituíse por un xogo en Code Combats. “Decidimos empregar ferramentas en liña para evitar que o profesorado do instituto tivera que instalar programas nos seus ordenadores”, explica Torres.

A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía ofreceu un obradoiro titulado The  She- ience  Games:  Catching  Fire a través do que se intentou achegar os fundamentos dos procesos de combustión ás rapazas do Colexio Plurilingüe Alborada, mediante a realización de experimentos virtuais e unha parte máis interactiva cunha xincana que guiaron as investigadoras Raquel Pérez e Ana Larrañaga.

No caso da Escola de Enxeñería Industrial un grupo de alumnas do IES A Cañiza coñeceron da man de tituladas recentes o que é a enxeñaría industrial en todos os campos profesionais e tamén lles explicaron por que decidiron estudar enxeñaría industrial, a súa experiencia e en que están a traballar agora. Ademais, intercalaron as intervencións con vídeos demostrativos de experimentos de aplicación de diferentes materias que se imparten neste centro.

Convocatoria especial de cursos de Igualdade e actividades no CIM

Pero a celebración do 11F na Universidade de Vigo non acaba aquí, mañá venres hai previstos novos talleres organizados desde o Centro de Investigación de Mariña, CIM-UVigo, e desde a Unidade de Igualdade abriron unha convocatoria especial en tres novos cursos do itinerario virtual de formación en xénero. Todo suma no intento de loitar contra os prexuízos e os estereotipos de xénero que desde hai anos se veñen arrastrando e que, en gran medida, continúan a manter ás nenas e ás mulleres afastadas da ciencia e a tecnoloxía.

Os novos cursos convocados pola Unidade de Igualdade, de carácter totalmente gratuíto, versan sobre A inclusión da perspectiva e a análise de xénero na investigación e a innovación, impartido pola socióloga Capitolina Diaz; A muller e a ciencia, do que se farán cargo as profesoras da Universidade de Vigo Nieves Lorenzo e Amelia Verdejo e Encina Calvo, da Universidade de Santiago de Compostela; e a Dimensión de xénero nos proxectos de I+D+i das TIC, impartido pola investigadora da EE de Telecomunicación Soledad Torres.