DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O escritor, filólogo e tradutor abriu na tarde deste luns a semana da poesía da Vicerreitoría

Luis Alberto de Cuenca: “O que fai un poeta é dar voz a moita xente”

O ciclo continúa ata o sábado con outros cinco autores e autoras

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Publicacións
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 02/03/2020

“Moitas veces, a poesía adoeceu de apartarse do público, do consumo da propia creación literaria, e iso é malo, sempre hai que pensar que o que un escribe pode servirlle aos demais”. Deste xeito pon en valor o poeta, filólogo e tradutor Luis Alberto de Cuenca a capacidade comunicativa da poesía, xénero literario que a Vicerreitoría do campus busca achegar á cidadanía co ciclo 6 días, 6 poetas. O escritor madrileño, recoñecido en 2015 co Premio Nacional de Poesía e que foi secretario de Estado de Cultura e director da Biblioteca Nacional, foi o encargado este luns de pór inicio á terceira edición desta semana dedicada á poesía que, ata o sábado, achegará a Pontevedra seis poetas e poetisas de diferentes xeracións, procedentes de diferentes puntos da xeografía española.

Na apertura dunha sesión que encheu a sala de conferencias da Vicerreitoría, o director da Área de Dinamización Cultural, Educativa e de Integración do campus, Manuel Morquecho, definiu 6 días, 6 poetas como unha actividade "consolidada, cunha moi boa resposta por parte do público", así como "moi axeitada para esta cidade". Morquecho agradeceu tamén á colaboración do poeta Miguel d´Ors como coordinador do ciclo, que o columnista e crítico literario Ramón Rozas abriu poñendo en valor a figura de Luis Alberto de Cuenca, do que destacou a "capacidade da súa poesía para respirar o tempo presente". O escritor, profesor de investigación do CSIC, acudiu a este coloquio co obxectivo que "a obra fose a protagonista", a través do recitado de diferentes poemas extraídos de Los mundos y los días (2012), unha das antoloxías que reúnen boa parte da súa extensa traxectoria poética, así como dos seus poemarios máis recentes, Cuaderno de vacaciones (2015), gañador do Premio Nacional de Poesía, e Bloc de otoño (2018).

O camiño cara a poesía pura

Case 50 anos transcorreron da publicación dos primeiros poemarios de Luis Alberto de Cuenca, autor tamén de numerosos ensaios e traducións. De aí que neste repaso pola súa obra poética estivese presente tamén a súa propia evolución como escritor. “Un é o autor de todo, pero nestes 50 anos pasaron moitas cousas”, recoñece De Cuenca, que ve nos seus primeiros libros unha poesía “máis culturalista e máis hermética”, desde a que logo foi evolucionando, a partires de La caja de plata, libro que en 1985 lle valeu o Premio Nacional da Crítica, cara unha “poesía de liña máis clara, máis accesible, na que predomina máis a emoción”. A este respecto, o autor recoñece que “os autores novos vémonos apresados na rede da cultura e logo ímonos sacudindo as influencias e chegando ao máis esencial”, nun camiño por desenvolver “unha poesía pura, unha poesía núa, que faise só a base de anos practicando”. 

Nese senso, Luis Alberto de Cuenca sinala que se ben “cando escribín os meus primeiros libros estaba dando saída a unha necesidade vital, que era crear”, a análise posterior levouno a pór de relevo a capacidade comunicativa como "a principal virtude" deste xénero literario, no que o poeta “amplifica a súa voz para darlla aos demais”. De aí que subliñe que “a poesía ten a virtualidade de achegarse a moita xente, de ter moito máis eco do que habitualmente ten”. A este respecto, o escritor apunta tamén que as redes sociais están facendo da poesía “un fenómeno moito máis colectivo” e en como nelas “estase xerando unha xeración de poetas novos”, ao tempo que incide na necesidade de “filtrar moito” para atoparse con creacións de calidade.

A influencia do mundo clásico

O percorrido pola súa traxectoria poética permitiu tamén facer visibles influencias como a que nas súas creacións literarias xogan a Grecia e a Roma clásicas, un dos eixos da conferencia que esta mañá protagonizou na Facultade de Filoloxía e Tradución. Organizada polo Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura e polo Programa de Doutoramento Interuniversitario en Estudos Literarios, o relatorio El poeta en sus versos permitiu a este filólogo e helenista incidir en como “o contacto co mundo clásico foi fundamental na miña vida” e na importancia que para el tiveron textos como a Antoloxía palatina, “sen os que probablemente non tería escrito como o fixen”.

Cinco citas por diante

Tras este coloquio, o ciclo 6 días, 6 poetas recibirá este martes, ás 20.00 horas, á escritora e profesora da Universidad Internacional de la Rioja Rocío Arana, que será presentada pola docente Cristina Ferradás. Nese mesmo horario, o mércores pasará pola sede da Vicerreitoría o poeta e pintor José Mateos, que será introducido polo profesor Fernando Romo; mentres que o xoves chegará a quenda da poeta vasca Itziar Mínguez, a quen acompañará a profesora do Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura María Jesús Fariña. O tamén docente deste departamento e decano de Filoloxía e Tradución, José Montero Reguera, introducirá o venres ao valenciano Juan Ramón Barat, mentres que a clausura do ciclo corresponderalle, o sábado ás 12.00 horas, a Javier Salvago. Recoñecido tamén co Premio Nacional da Crítica e considerado un dos pioneiros da chamada 'poesía da experiencia', Salvago será presentado polo presidente do Ateneo de Pontevedra, Xaime Toxo.