DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coordinado polo profesor Manuel Isorna, desenvolverase en Catoria do 7 ao 9 de novembro

Máis de 250 especialistas e profesionais participarán no II Congreso Internacional sobre Cannabis

Trátase do único foro académico centrado nesta droga que se celebra en España

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 29/10/2019

Afondar no problema de saúde pública que supón o consumo de cannabis desde unha perspectiva clínica, educativa e legal é o obxectivo central do II Congreso Internacional sobre Cannabis e os seus derivados, que entre o 7 e o 9 de novembro reunirá en Catoira máis de 250 especialistas e profesionais, segundo salienta o seu coordinador, o profesor Manuel Isorna. Xunto aos preto de 30 expertos e expertas de España, Portugal, Estados Unidos, Reino Unido e Islandia que exercerán como conferenciantes e moderadores, o congreso reunirá “maioritariamente a profesionais que traballan en drogadiccións e condutas aditivas”, aos que sumará “un grupo importante de investigadores e investigadoras”, segundo salienta o presidente do comité organizador.

Promovido polo Concello de Catoira, a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, o Plan Nacional Sobre Drogas e a Sociedad Científica Española de Estudios sobre el Alcohol, el Alcoholismo y las otras Toxicomanías (Socidrogalcohol), xunto co grupo de investigación PS1 da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, trátase ademais do único congreso que afonda en España nas problemáticas sanitarias que está a xerar esta substancia, segundo apunta Isorna. “Actualmente difúndense moitas fake news dirixidas a fomentar a súa legalización, que o que fan é unha apoloxía do consumo, pero a evidencia científica vai xusto na outra dirección e a poboación non está tendo unha información fidedigna sobre este tema”, salienta este profesor asociado da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense e técnico en prevención de drogodependencias.

O consumo de cannabis como un problema poliédrico

“As condutas aditivas en xeral, e o cannabis non vai ser menos, supoñen un fenómeno poliédrico”, apunta Isorna. Partindo desa premisa, o congreso buscará por unha banda pór o foco nos efectos do seu consumo para a saúde, tendo en conta “como se foi modificando a planta xeneticamente, aumentando a súa cantidade THC e a relación que isto ten con diferentes patoloxías”. A cuestión educativa, tomando como punto de partida “que a maioría da xente comeza a consumir cannabis entre os 14 e os 16 anos, moitas veces coa idea de que é algo inocuo” constitúe o segundo piar deste foro que abordará así mesmo este problema de saúde pública desde unha perspectiva legal. “Trátase dun negocio que ten cada vez maior relevancia e polo tanto era importante tocar temas como que está pasando co tráfico de haxix no campo de Xibraltar ou a situación da lexislación respecto dos clubes cannábicos”, engade o presidente do comité organizador. 

Sete conferencias plenarias e oito mesas redondas, xunto coa presentación de 24 comunicacións e máis de 40 pósteres, integran o programa deste evento, que reunirá, entre outros, “a tres dos principais expertos mundiais” nos efectos do cannabis para a saúde, os investigadores do Kings College de Londres Robin Murray e Diego Quattrone, así como ao profesor da da Universidade Johns Hopkins Dustin Lee. Tamén no eido clínico, o congreso contará coa participación da directora da Agencia Española del Medicamento y Productos Sanitarios, María Jesús Lamas, ou do investigador da Universitat Pompeu Fabra Rafael Maldonado. No ámbito educativo, sumaranse, entre outras, as intervencións do responsable do Instituto Islandés de Análise e Estudo Social (Iscra), Jon Sigfusson, mentres que as dimensións legais desta problemática serán abordadas por expertos como Brendan Hughes, do Observatorio Europeo das Drogas e as Toxicomanías, ou o fiscal antidroga Pablo Varela.

O congreso, que o venres 8 celebrará a súa inauguración coa participación, entre outros, do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez, e do vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto, incorpora ademais como novidade catro talleres simultáneos, na tarde do xoves 7, dirixidos a achegar información, "dunha forma máis práctica", sobre programas de prevención, técnicas de intervención psicolóxica e sobre o cultivo de cannabis.