DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Once facultades e escolas dos tres campus acollen desde este mércores as probas da ABAU

Máis de 4500 estudantes ante o último reto para chegar á universidade

O reitor reclamou que os exames teñan unha ”dificultade semellante” nas diferentes autonomías

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 12/06/2019

Cos habituais nervios e as últimas olladas a libros e apuntamentos, 4535 estudantes enfróntanse desde este mércores á ABAU, Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade, en once facultades e escolas da Universidade de Vigo. Dos máis de 11.000 estudantes que entre este mércores e o vindeiro venres se enfrontan en toda Galicia a este último reto previo ao acceso á Universidade, 2519 fano no campus de Vigo, 1080 no de Pontevedra e 936 en Ourense. Esta nova edición da ABAU chega así mesmo coa novidade da incorporación de detectores de frecuencia para a realización no transcurso dos exames de escaneos aleatorios nas aulas, que a Escola de Enxeñería Industrial cedeu á Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG). Neste inicio da ABAU, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, puxo o acento na necesidade de que “con certa urxencia” se trate de “limar esas diferenzas que aparentemente existen” no grao de dificultade destas probas entre as diferentes autonomías, unha problemática que será abordada pola Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE), explicou Reigosa, para quen “é obvio que cunha proba única e cuns procedementos de corrección semellantes está solucionado o problema”. Non obstante, o reitor matizou que dado que as probas teñen tamén as súas “peculiaridades” nas distintas autonomías, podería optarse por “outras solucións”, como, por exemplo, “ser máis estritos cos criterios de avaliación”. 

Nunha visita ao Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE, onde realizaron a ABAU estudantes con necesidades especiais, Reigosa referiuse tamén aos traballos para a implantación no campus de Pontevedra do grao en Deseño e Creación no curso 2020/2021 e explicou que, despois de que a Xunta de Facultade de Belas Artes rexeitase a memoria da titulación, a Universidade optará polo “nomeamento dun decano comisario” e a creación dunha nova facultade “que terá inicialmente esta titulación como única oferta”. “Esperamos que en setembro teñamos rematado o procedemento”, engadiu Reigosa, que subliñou que se trata dun grao “que encaixa como unha luva” dentro do Campus Crea e incidiu tamén en que a institución académica atópase “traballando intensamente” para someter o proxecto de especialización aos procesos de avaliación. 

2500 estudantes de preto de 80 institutos examinándose en Vigo

Conscientes de que do resultado destas probas de acceso á Universidade dependerá o seu futuro académico e tamén o profesional, todo eran nervios á primeira hora da mañá entre os 2519 estudantes que hoxe se examinaban no campus de Vigo. Divididos entre as facultades de Ciencias Económicas e Empresariais (587), Bioloxía (536), Ciencias Xurídicas e do Traballo (458), Filoloxía e Tradución (448) e a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (490), as e os aspirantes a universitarios saíron bastante satisfeitos do seu primeiro exame: Lingua Castelá e Literatura II.

Miguel Iglesias e Iker Losada, do CPR Los Sauces, saíron do exame celebrando que caera unha análise das personaxes de La Fundación. “Era un tema que tiñamos moi ben preparado, así que estamos encantados”, subliñaron ao saír da aula na que fixeron o exame. “Tivemos tamén que falar do boom da literatura hispanoamericana da segunda metade do século XX, con Borges, Cortázar, García Márquez”, explicou Iglesias, quen admite que aínda non ten claro en que titulación quere matricularse, “probablemente algunha enxeñaría, pero aínda non sei seguro”. Moito máis claro tíñano Patricia Albino, Sofía Cernadas e Silvia Castejón, do IES República Oriental de Uruguay. As dúas primeiras queren estudar Educación Social na Universidade de Santiago de Compostela e a terceira Educación Primaria no campus de Pontevedra. “Teño unha boa media do bacharelato e a nota de corte para esta titulación non é moi alta, así que vin bastantes tranquila”, admitía Albino, ao que Castejón engade que, “no meu caso preciso unha boa nota, así que agardo que todo saia ben”.

Pontevedra reúne 1080 estudantes de 29 centros

Un total de 1080 alumnos e alumnas realizan a ABAU no campus de Pontevedra, mentres que dez alumnos e alumnas con discapacidade que precisan de adaptacións como a tradución dos exames á braille sométense a estas probas no CRE da ONCE, que nesta xornada visitaron o reitor e o delegado da Universidade de Vigo na CIUG, Iván Área. “Estamos aquí para facer unha dobre homenaxe”, salientou Reigosa que quixo pór en valor o esforzo “destes heroes”, dez alumnos e alumnas chegados de diferentes puntos de Galicia, á vez que “agradecer extraordinariamente” o traballo que realiza a ONCE “para que as persoas con discapacidade poidan realizar unha carreira universitaria”. Reigosa tamén puxo en valor o traballo realizado polos responsables da ABAU “mellorando cada ano os procedementos para que a xente teña igualdade de oportunidades”, mentres que Area insistiu na implicación e as “magníficas instalacións” que a ONCE pon á disposición da CIUG para a realización destas probas a dez dos 116 alumnos con necesidades especiais que se someten nestes días á ABAU. Adaptacións que teñen por obxecto “tratar con igualdade aos desiguais”, engadiu José Ángel Abraldes, director dun centro que colabora con estas probas desde hai 26 anos. 

Procedentes de 29 institutos, 393 alumnos e alumnas realizan a ABAU na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, 362 fano na Escola de Enxeñaría Forestal e 325 na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Entre eles, a estudante do CPR Los Sauces de Pontevedra Patricia Fariña, quen recoñecía ter chegado “con moitos nervios” ao inicio das probas que determinarán en boa medida a titulación que cursará o vindeiro curso. “Non o teño decidido, barallo opcións como Dereito, Administración e Dirección de Empresa ou Xornalismo”, explica esta estudante para quen é “inxusto que non haxa un modelo unitario de selectividade” no conxunto do Estado. 

En Ourense fan o exame preto de 1000 estudantes de 33 centros

No campus de Ourense as probas de acceso á universidade congregan a 936 estudantes procedentes de 33 centros da provincia. Cos nervios habituais ante estas probas e apurando ata o último minuto o repaso dos apuntamentos, as e os alumnos preuniversitarios comezaron este mércores a realización dos exames, que como en anos anteriores se celebran nas facultades de Historia (306), Dereito (350) e Ciencias Empresariais e Turismo (280). 

Entre elas e eles estaban María Asunción Losada e Ángela Rodríguez, dúas amigas do IES Eduardo Blanco Amor da cidade de Ourense, que saíron do primeiro exame contentas por como empezaron as probas. “Caeron temas que me esperaba que puidesen caer e entón foime bastante ben”, salientaba Losada, que recoñecía como “empecei algo nerviosa pero cando vin o exame xa me tranquilicei”. “Bastante conforme” co esforzo que fixo este curso escolar, esta estudante agarda ter a nota suficiente para estudar Filoloxía Hispánica. A súa compañeira Ángela Rodríguez, que quere matricularse en Educación Primaria, tamén recoñecía como o primeiro exame lle saíu “moi ben, mellor do que agardaba” e aínda que “non estaba nerviosa” indicaba que despois de todo un curso “de moito estrés e traballo” xa estaba “desexando que chegue o venres para acabar”.