DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O delegado do Gobierno confirmouno hoxe nun encontro de traballo co reitor vigués

Máis de 6500 bolsas do Estado para estudantes da UVigo este curso 

Na xuntanza, Miñones e Reigosa tamén falaron de axudas á investigación e formación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Reitor
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 12/07/2021

Cunha reunión de traballo co reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, o delegado do Gobierno en Galicia, José Miñones, rematou este luns a rolda de encontros cos responsables das universidades galegas, que iniciou na UDC e continuou a semana pasada na USC. Na xuntanza celebrada hoxe, Reigosa e Miñones falaron de plans de recuperación nos que está a traballar o executivo central, en especial no relativo da axudas e bolsas, tanto de investigación, como de formación. “A UVigo é un referente neste sentido, son 6580 rapaces e rapazas que puideron disfrutar dunha beca, e 18 millóns de euros que levou neste ano”, sinalou do delegado.  

Pola súa banda, Manuel Reigosa confirmou que “a dispoñibilidade da UVigo é total para todo o que supón a reactivación económica e para lograr que os fondos Next Generation permitan que a sociedade galega no seu conxunto sexa unha sociedade máis competitiva, máis xusta e máis próspera”. Reigosa tamén reiterou que a saída da crise ten moito que ver co talento que en gran parte está na universidade “e queremos formar parte desa ecuación”, dixo o reitor vigués.

Liñas de traballo e obxectivos para o vindeiro curso 

José Miñones lembrou na súa comparecencia a liña e os catro obxectivos nos que traballa o Ministerio cara ao vindeiro ano, comezando polo incremento no número de bolsas nun 7% para o próximo curso, aínda que o delegado lembrou “que xa se produciu neste último curso nun 26%, falamos de catro millóns de euros”, puntualizou Miñones, que destacou que cómpre facer este esforzo por mor da pandemia. O requisito para acceder ás bolsas foi a segunda liña de traballo á que se referiu o delegado, que considera que deben ser “oportunidades para aqueles que non teñen os fondos económicos necesarios para acceder á universidade”. Neste sentido, a actualización dos limiares económicos por vez primeira nunha década e a rebaixa da remodelación das notas de acceso, foron as cuestións concretas ás que se referiu o delegado que tamén sinalou que “agardamos que os fondos e as partidas a través do plan de recuperación tamén se poidan achegar para a investigación, aínda que a universidade xa ten unha captación de fondos moi importante, máis de 19 millóns de euros, que esperamos que co plan de recuperación poidan achegarse a máis axudas”, dixo.

José Miñones aludiu á existencia de dúas pancas no plan de recuperación que permitirán, por unha banda, a mobilidade do profesorado e, doutra, a formación e “desde logo, todo o que vai ser con respecto ás infraestruturas. Nesas dúas pancas falamos de 12.200 millóns de euros, e non só é unha obriga dar a coñecer eses fondos ás universidades, senón que non cremos que vai ser unha grande oportunidade, que seguro que as universidades galegas e a UVigo van saber aproveitalos”. Na reunión de hoxe o reitor e o delegado do Gobierno tamén falaron das transferencias que se fan directamente ás universidades, sen pasar polas comunidades autónomas, “xa se fixo así agora con 5,4 millóns de euros de captación de talento, neste caso, e cremos que debe ser así, que os fondos vaian directamente ás universidades que son as que mellor van xestionar eses fondos”, detallou o delegado.