DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Fashion and Design Conference celebrarase o 19 e 20 de marzo no Museo de Pontevedra

Máis de 70 especialistas analizarán a moda desde múltiples perspectivas nun congreso internacional

Organizado por Esdemga e o grupo de investigación DX7

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Internacional
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 09/03/2020

Reunir nun foro académico investigadores e investigadoras que, desde múltiples miradas e disciplinas, teñen na moda o seu obxecto de estudo é o propósito central da Fashion and Design Conference (FADC), un congreso internacional organizado por Esdemga e o grupo de investigación DX7 Tracker. Laboratorio Visual da Universidade de Vigo, que os días 19 e 20 de marzo achegará ao Museo de Pontevedra máis de 70 expertos e expertas. “Como obxecto de estudo, a moda é un territorio fundamentalmente interdisciplinar”, salientou Lola Dopico, directora de Esdemga e responsable do comité organizador dun congreso que nace co obxectivo de converterse nunha cita bienal que dea “acollida a todos eses investigadores e investigadoras que están a producir reflexión teórica no ámbito da moda”.

Investigadores e investigadoras de discplinas como a historia, a teoría do deseño, a socioloxía, a antropoloxía ou a semiótica tomarán parte neste congreso internacional que Dopico presentou este luns en rolda de prensa xunto co vicerreitor do campus, Jorge Soto. “Con estes perfís moi distantes, o que queremos é realizar un achegamento á moda a través das múltiples miradas posibles”, salientou Dopico. “Máis aló da moda como fenómeno ou como industria, están as súas implicacións de carácter interdisciplinar, a moda é un sistema que afecta a todo”, engadiu a directora de Esdemga, mentres que Soto puxo o acento no traballo que neste ámbito se realiza desde esta titulación da Facultade de Belas Artes, recoñecido recentemente cun “merecidísimo premio” Cidade de Pontevedra.

Cinco conferenciantes e preto de 50 comunicacións

Nos últimos meses, a FADC recibiu máis de 70 candidaturas para formar parte das súas diferentes mesas de presentación de investigacións, das que foron seleccionadas preto de 50, chegadas tanto desde diferentes puntos de España como de países como Estados Unidos, Italia, Brasil, Portugal ou Ucraína. A estas sumaranse a reflexións que realizarán a este congreso as e os conferenciantes convidados, entre os que se atopa a directora executiva da Asociación de Creadores de Moda de España (ACME), Pepa Bueno, cunha ampla traxectoria previa en publicacións como Vogue, Elle, Woman ou Yo dona, cuxa participación neste congreso permitirá pór en relación a reflexión teórica coas "necesidades da industria", como salientou Dopico. O ámbito profesional estará así mesmo representado pola creadora Arantza Vilas, responsable de Pinaki Studios, unha empresa con sede en Londres e “centrada nunha creación téxtil que combina os procesos tradicionais coas novas tecnoloxías”, que nos últimos anos traballou no deseño de vestiario para producións audiovisuais como a serie Xogo de Tronos

O congreso contará tamén coa participación do catedrático da Teoría da Literatura da Universidade da Coruña Chema Paz Gago, “que foi presidente da Asociación Española de Semiótica e ten publicado moito sobre a relación entre a literatura e a moda”, apuntou Dopico. Tamén impartirá unha conferencia a profesora da Universidade Lusiáda do Porto e “especialista no ámbito do negocio da moda” Isabel Cantista, así como o profesor de Estética da Facultade de Belas Artes Alberto Ruiz de Samaniego, “unha das persoas máis interesantes no referido á reflexión sobre a escritura, o cinema e a corporalidade”. Así mesmo expertos como Fátima Díaz Platas, da USC, especialista en moda e historia antiga, ou o conservador xefe do Museo Balenciaga sumaranse, nas diferentes mesas, a esta reflexión interdisciplinar sobre a moda que, como recoñeceu Dopico, tamén se está a ver afectada polo coronavirus, que motivou, de feito, que catro relatores italianos non poidan finalmente acudir ao congreso.

Con vocación de continuidade

Nesta presentación, Dopico definiu este congreso internacional como “un paso máis aló” na liña de traballo de Esdemga trala súa conversión no Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, tendo en conta que “xente que se formou con nós agora mesmo está a desenvolver teses de doutoramento e diferentes investigacións” no eido dos estudos de moda, respecto do que, sinalou Dopico, existe en España un “déficit de produción científica”. De aí que, FACD nacese, grazas á implicación das alumnas de doutoramento Ana Pérez Valdés e Irene Márquez, co obxectivo de “xerar un espazo de encontro para investigadores” neste ámbito. “Agardamos que sexa o primeiro de moitos”, salientou Dopico, que sinalou á posibilidade de que o congreso se converta nunha cita de carácter bienal que poida mesmo ir rotando por diferentes universidades.

Exposicións de prendas saídas da investigación

Máis aló da reflexión teórica, o foro abriuse tamén a “investigacións con resultados prácticos”, que en varios dos casos tiveron como resultado “unha indumentaria ou unha prenda concreta”, que estarán presentes tamén neste congreso. Farano a través dunha “pequena exposición” na entrada do Sexto Edificio do Museo que reunirá 15 proxectos que as súas creadoras e creadores presentarán nas mesas da tarde do xoves.