DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Comité Ambiental do proxecto Green Campus aprobou o plan de acción para este curso

Máis de 70 medidas para facer de Pontevedra un campus máis sustentable

Entre as propostas figura a creación dun grupo de consumo e a instalación de paneis solares

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 23/10/2019

A instalación de paneis solares, a posta en marcha dun grupo de consumo de alimentos de proximidade ou a creación dunha horta ecolóxica son, xunto coa organización de xornadas e diferentes medidas de concienciación e de redución dos consumos, algunhas das propostas incluídas no plan de acción do proxecto Green Campus para o presente curso. O Comité Ambiental deste programa, que permitiu ao campus converterse no primeiro de España distinguido coa bandeira verde que outorga a Fundation for Environmental Education (FEE), celebrou este mércores na Vicerreitoría a xuntanza na que se debateu e aprobou esta folla de ruta, integrada por máis de 70 accións. 

Xunto aos responsables da Vicerreitoría, das facultades e escolas e de diferentes servizos da Universidade, neste comité participaron o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, e representantes de colectivos como a Sociedade Galega de Historia Natural, a asociación A Rente do Chan ou o Casino Mercantil e Industrial, así como Francisco García, representante da Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (Adeac), responsable de xestionar en España o programa da FEE. “Trátase dun proxecto que queremos visibilizar, non só no propio campus, senón tamén entre a sociedade pontevedresa”, salientou o vicerreitor do campus, Jorge Soto, que incidiu en que os aspectos relacionados coa sustentabilidade e coa Axenda 2030 “son unha prioridade para a Universidade”, á vez que recoñeceu que, máis aló deste plan de acción,  outra das medidas que a institución quere impulsar neste eido é a conversión en peonil de parte do espazo central do campus. 

Nove eixos de actuación

Integrado polas propostas realizadas pola Vicerreitoría, as facultades e escolas e os colectivos participantes, este plan de acción, explicou o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, reunía xa “máis de 70 accións” a falta de concretar as que puidesen proporse na propia xuntanza. Articulado en torno a nove eixos, esta folla de ruta reúne un bloque de medidas orientadas á optimización do consumo de auga e enerxía, que van desde labores de sensibilización á progresiva substitución das luminarias por leds, a colocación de paneis solares fotovoltaicos nas facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Ciencias Sociais e da Comunicación ou a instalación de puntos de carga para coches eléctricos.

No relativo á redución da emisión de residuos e mellora da recollida selectiva, o documento recolle diferentes medidas para promover a reutilización e o correcto tratamento de diferentes tipos de residuos; mentres que no referido ao tratamento e xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos (RAEE), prevé, entre outras cuestións, a celebración de tres novas edicións das semanas de recollida. Por outra banda, no referido á mellora da mobilidade e accesibilidade, o documento contempla a implantación de medidas correctoras tomando como punto de partida o plan de accesibilidade elaborado en 2015, a organización de xornadas ou o desenvolvemento de campañas dirixidas a promocionar os estilos de vida activos e os beneficios de camiñar ou usar a bicicleta. Outro dos eixos do documento céntrase na biodiversidade, reforestación e adecuación de zonas verdes e nel inclúense accións como a plantación de plantas aromáticas e medicinais, a creación dunha horta ecolóxica ou a plantación de frondosas e sinalización de árbores singulares. 

Por outra banda, no referido á compra verde e consumo responsable, destaca a proposta de pór en marcha un grupo de consumo, “de modo que poidamos participar na compra de produtos ecolóxicos e de proximidade, para que haxa menos transporte e diminuír a pegada de carbono”, explicou Souto. No referido á política de sustentabilidade, está previsto a organización dunha xornada centrada neste ámbito, a realización dun estudo sobre sustentabilidade con perspectiva de xénero, así como fomentar o consumo de auga da billa nos comedores e cafetarías.

Os retos, lograr unha maior participación e presenza nos currículos

Un dos “retos importantes deste programa”, salientou Souto, pasa por fomentar unha maior participación da comunidade universitaria nas diferentes iniciativas, así como promover “o voluntariado ambiental” no campus. Neste apartado, o plan contempla a organización dunhas xornadas de difusión do Green Campus, o desenvolvemento dunha aplicación que permita empregar termos botánicos para a busca de exemplares no arboreto do campus, exposicións ou concursos.

Outro dos retos pasa por promover a “ambientalización curricular”, conseguir “que nos currículos dos estudantes se contemple como parte dos contidos a súa actividade en cuestións de educación ambiental”, algo que, explicou Souto, xa está presente nalgunhas titulacións pero que buscarán promover como unha “destreza transversal”. Con ese obxectivo, promoveranse medidas dirixidas a promover a inclusión de temáticas ambientais nas guías docentes e nos traballos de fin de grao e de fin de mestrado. 

Balance do percorrido

A aprobación deste plan de acción viuse precedida dunha análise do desenvolvido ao longo do pasado curso, formado por preto de 60 medidas das que “cumpríronse ou estanse cumprindo máis de 40”, como apuntou o director do Green Campus. Souto incidiu en que “moitas delas van continuar porque son necesarias”, mentres que outras non puideron levarse a cabo “porque non dependen soamente de nós, senón tamén doutras institucións”, como sería o caso da proposta de instalar pantallas acústicas na avenida de Compostela. Neste punto, Souto lembrou que o pasado curso leváronse a cabo accións como a posta en marcha da ruta do arboreto do campus, que visitaron preto de 400 estudantes de diferentes institutos, o aproveitamento dos residuos orgánicos xerados nos comedores para a xeración de compost coa colaboración do Concello, ou a ampliación do carril bici