DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profesora norteamericana foi investida este mércores doutora honoris causa

A máis alta distinción da Universidade para Jacquelyn C. Campbell, para o feminismo

Nun acto celebrado no campus de Ourense

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI Ourense 20/06/2018

Unha muller e unha muller feminista pioneira nos estudos de xénero e considerada na actualidade unha das máis sobresaíntes académicas no escenario internacional en materia de violencia contra a muller, especialmente nas relacións de parella. Jacquelyn C. Campbell, profesora da Universidade Johns Hopkins de Estados Unidos, pasou este mércores a formar parte da historia da Universidade de Vigo como a cuarta muller e a vixésimo oitava persoa en ser investida por esta institución como doutor ou doutora honoris causa. O seu discurso, e o das persoas que a acompañaron no solemne acto celebrado no campus de Ourense, foron unha reivindicación ante a comunidade universitaria e ante a cidadanía do feminismo e da loita contra a violencia exercida contra as mulleres e as nenas.   

A homenaxeada foi recibida na entrada do campus de Ourense por membros da comunidade universitaria que a acompañaron, ao son da Real Banda de Gaitas de Ourense, no seu percorrido polo Paseo da Igualdade deste campus ata o salón de actos Marie Curie onde se celebrou a investidura, facendo unha parada no percorrido para que Jacquelyn C. Campbell deixara un ramo de flores na estatua da igualdade ubicada nos xardíns universitarios. Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña; Víctor Arce, vicerreitor de Estudantes e Internacionalización da Universidade de Santiago de Compostela; as vicerreitoras da Universidade de Vigo Esther de Blas, María Consuelo Pérez e María Isabel Doval, e o secretario xeral Miguel Ángel Michinel; Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade da Xunta, e Jesús Vázquez, alcalde de Ourense, foron algunhas das autoridades presentes no acto de investidura, que se realizou no campus de Ourense xa que a súa proposta do nomeamento xurdiu do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa, concretamente da súa profesora María Lameiras, que actuou de madriña da homenaxeada. 

Nos discursos realizados detalláronse e gabáronse os méritos que fixeron a Jacquelyn C. Campbell merecedora desta distinción aprobada polo Consello de Goberno da Universidade de Vigo. Entre a longa lista de méritos destacouse como o seu traballo no eido académico, como docente, investigadora e clínica, iniciouse na década do anos 80, cando comezou o pioneiro traballo arredor da problemática da violencia de xénero cando esta era aínda un tema invisibilizado e afastado do foco da ciencia. O seu liderado, indicouse, ven avalado por un extenso e relevante currículo con preto de 300 publicacións nas máis prestixiosas revistas científicas e editoriais; por ter sido requirida para colaborar con numerosas institucións e organismos a nivel estatal e internacional; por ter deseñado o instrumento para avaliar o risco de homicidio Danger Assessment, empregado en numerosos países, e por ter sido determinante para que a intervención sobre a violencia de xénero teña sido incluída como unha das metas do milenio para as Nacións Unidas, entre outros moitos logros. 

Ciencia, defensa e compaixón para unha vida mellor para as mulleres

Unha vez recibido por parte do reitor o título e o barrete venerado distintivo de alto maxisterio e por parte da madriña os distintivos correspondentes, como son o libro da ciencia e sabedoría, o anel e as luvas brancas, a homenaxeada pronunciou o seu discurso de ingreso na Universidade de  Vigo, titulado Combinando ciencia, defensa e compaixón para mellorar a vida das mulleres. Moi emocionada, tras agradecer “humildemente á Universidade de Vigo por terme outorgado esta incrible honra”, Campbell falou da súa traxectoria profesional, da súa implicación na loita contra a violencia de xénero vivida polas mulleres e da súa visión desta problemática. “Apaixóname tratar de restaurar as vantaxes para as mulleres que se ven en desvantaxe polas circunstancias, o contexto e as normas culturais do lugar onde naceron”, afirmou a homenaxeada abordando desde a discriminación por identidade de xénero ou orientación sexual ata a violencia exercida por parellas. “Aquelas e aqueles de nós que temos o privilexio de non ter experimentado ningunha destas desvantaxes debemos traballar aínda máis para entender de onde proveñen e o que significa ter que tratar de levantarse contra elas todos os días”, afirmou ante o público asistente.

Cada día, recalcou a nova doutora honoris causa da Universidade de Vigo, “inspírame a coraxe feroz coa que mulleres de todo o mundo se levantan contra a súa opresión, contra os que son violentos con elas ou os que crean as condicións que fomentan esa violencia”. Esa inspiración, afirmou, é a que lle dá forza para, desde os seus privilexios pola cor de pel, polos estudos, polo seu traballo e polo país no que vive, facer todo o posible para axudalas no seu camiño e para cambiar as políticas e prexuízos que amparan a violencia que sofren. “Unha gran cantidade de mulleres sen privilexios teñen que levantarse contra a opresión e a violencia. Eu intento utilizar todo o meu coñecemento así como a miña posición de privilexio para unirme a esas mulleres nas súas viaxes”, subliñou a investigadora, que fixo fincapé en traballar non só con “paixón senón tamén con compaixón”. 

Sobre a súa traxectoria destacou como “son enfermeira e estou moi orgullosa de selo” subliñando como “na enfermaría aprendemos a combinar a ciencia coa compaixón e, o que é máis importante, a comprender que as persoas deben entenderse como seres humanos holísticos”. Desde esta profesión traballou, explicou no seu discurso, ao longo da súa traxectoria o trauma e o seu impacto, especialmente no caso de mulleres e menores expostos á violencia. Así, Jacquelyn C. Campbell falou de como “a fisioloxía das mulleres maltratadas se ve afectada polo estrés de experimentar un trauma”, abordando no seu discurso cuestións como os efectos tanto psicolóxicos como físicos da violencia en mulleres e nenas. Como expresión máxima do dano á muller, a homenaxeada falou tamén do feminicido. “As mulleres son asasinadas en todo o mundo, incluso cando eses asasinatos non se contan”, advertiu poñendo o aceno nas característica específicas deste tipo de crimes. Neste panorama, apuntou a profesora homenaxeada, “a ciencia pódese utilizar non só para abordar a violencia na parella e diminuír o feminicidio”, senón tamén para axudar a outros colectivos vulnerables, como os refuxiados e refuxiadas. “Debemos usar a nosa ciencia nunha defensa ben informada e con compaixón”, recalcou a doutora honoris causa.

O impacto social do traballo académico e investigador

Sobre Jacquelyn C. Campbell, o reitor da Universidade de Vigo destacou no seu discurso no acto de investidura como nos “atopamos cunha investigadora de sona mundial, cunha produción científica de altísimo nivel e elevada produtividade, pero que, máis aló de influír no mundo a través do coñecemento, axudou a esta nova revolución pacífica que ten que mudala faciana da terra: a revolución feminista”. A Universidade de Vigo, subliñou Manuel Reigosa, “ven de concederlle a máxima honra que unha universidade pode conceder e o facemos convencidos da súa valía e do seu influxo na sociedade, tamén convencidos de que o seu maxisterio e a súa capacidade de colaboración poden facer da nosa unha universidade mellor”. 

Da nova doutora honoris causa da Universidade, Manuel Reigosa gabou non só os diferentes logros acadados senón tamén como “o seu impacto na sociedade vai moito máis aló do influxo nos pensadores que traballan nesta materia, senón que ten influído na lexislación de distintos países e ten influído dabondo na vida real das mulleres de distintos lugares do mundo”. Así, recalcou o reitor “o seu efectivo labor docente e clínico, que desembocou, xunto coa calidade das súas publicacións, nun influxo real na vida das persoas afectadas pola violencia de xénero”. Por esta traxectoria e polo seu impacto na sociedade, Manuel Reigosa salientou como “é unha honra” darlle a benvida a Jacquelyn C. Campbell ao claustro de profesores e profesoras “que vostede completa coa súa voz, esperando a máxima colaboración futura en levar adiante iniciativas académicas e prácticas relacionadas coa violencia de xénero. Grazas por ter aceptado a nosa máxima distinción”.

Na mesma liña, María Lameiras, na louvanza da homenaxeada, ademais da súa traxectoria destacou a relevancia social do seu traballo. Ante a pregunta de porque “é necesario máis que nunca que unha profesora universitaria que ten enfocado o seu traballo académico e activismo en favor das mulleres vítimas de violencia de xénero reciba o recoñecemento de máis alto nivel que unha institución universitaria pode outorgar”, Lameiras afirmou como “as universidades representan o buque insignia da sociedade e teñen a responsabilidade de formar profesionais cualificados, dotando ás e ós discentes dos recursos necesarios para alimentar e rexenerar o tecido social e produtivo”. Pero, engadiu a profesora ourensá, “a responsabilidade máis salientable das institucións universitarias é a de fomentar a conciencia crítica que permita a necesaria evolución e transformación da sociedade, transcendendo o status quo das sociedades patriarcais e neoliberais para crear unha realidade máis xusta e igualitaria para todas as persoas, garante dunha verdadeira sociedade de benestar”. “Hoxe, nesta cerimonia, a profesora Campbell representa este xenuíno compromiso, dando esta importante lección ao noso estudantado. Grazas, profesora Campbell, porque é unha honra para esta Universidade outorgarlle o título de doutora honoris causa a unha académica con tan extraordinario traballo feminista”, rematou afirmando María Lameiras.