Nunhas visitas guiadas nas que participaron os IES de Poio e A Xunqueira II
Máis dun centenar de estudantes de secundaria percorren o arboreto do campus
Tomando como referencia a ruta na que se atopan xeocalizados exemplares de 50 especies
Conformado por preto de 350 árbores de 50 especies e 28 familias, o arboreto do campus conta desde 2019 cunha ruta que permite coñecer os seus exemplares máis significativos, á vez que se obtén máis información sobre as diferentes árbores, que se atopan xeolocalizadas nunha base de datos. Tomando este percorrido de preto de dous quilómetros como referencia, preto de 130 estudantes de secundaria participaron este martes e mércores nunhas visitas guiadas promovidas pola Vicerreitoría. Dirixidas a pór en valor a contorna natural do campus e a contribuír á educación ambiental da cidadanía, nesta iniciativa participaron preto de 90 estudantes do IES de Poio, divididos en diferentes grupos, así como preto de 40 alumnos e alumnas de bacharelato do IES A Xunqueira II.
Coa estudante da Escola de Enxeñaría Forestal e bolseira da Oficina de Medio Ambiente Laura Trapero como guía, as e os estudantes puideron coñecer as principais características de castiñeiros, carballos, magnolios, cerdeiras ou acivros, nun percorrido no que obtiveron información de preto dunha trintena de especies.
Deseño de unidades didácticas
No marco dunha liña de colaboración co Consello Social da Universidade de Vigo, desde a Vicerreitoría do campus trabállase actualmente na preparación dunhas unidades didácticas sobre o arboreto e a xiloteca do campus, onde poden contemplarse máis de 400 táboas de madeira pertencentes a máis dun centenar de especies. Como explica o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, estas unidades “incluirán actividades, información e outra serie de recursos de aprendizaxe, como un xogo” e o obxectivo é poder ofertarllas proximamente aos centros de ensino, para que poidan abordar os seus contidos na aula antes de realizar unha visita ao arboreto.