Están matriculados no curso de Lingua, Cultura e Adaptación á Universidade
Máis dun cento de estudantes internacionais coñecen a oferta académica da UVigo
O obxectivo é que o próximo curso elixan a institución viguesa para os seus estudos universitarios
Ao longo deste curso, 130 estudantes de Asia, África e América están a realizar no campus de Vigo o curso de Lingua, Cultura e Adaptación á Universidade, unha formación preparatoria para estudantes estranxeiros interesados en matricularse nunha universidade española. Nesta iniciativa de inmersión lingüística, impartida por persoal do Centro de Linguas da UVigo e impulsada en colaboración con Campus Spain, aprenden tanto o idioma como a cultura española, familiarízanse coa vida universitaria e coñecen as peculiaridades da xeografía, cultura e historia. A finalidade é que unha vez que completen a súa formación, composta por un total de 750 horas, poidan examinarse para obter o certificado CertAcles de español, requisito necesario para matricularse o vindeiro curso nunha universidade española.
O obxectivo da UVigo é que proceso de escolla de universidade para o vindeiro curso opten por ficar nun dos tres campus da institución olívica e para iso entre hoxe martes e mañá mércores están a participar nunhas sesións informativas sobre a oferta académica de grao e mestrado que ofrece a Universidade de Vigo.
Dúas sesións intensivas
Ao longo da mañá, na sala 1 do edificio Miralles foron recibindo a visita dos responsables de captación das escolas e facultades do campus de Vigo, e mañá mércores será a aquenda das titulacións de Ourense e Pontevedra, desta volta, en formato virtual. Nestas sesións, dende os centros da UVigo preséntanse os distintos graos e mestrados que se ofrecen nos diferentes eidos do coñecemento, os programas de estudos, as saídas profesionais, etc.
En total, neste curso 2024/2025 son 130 mozos e mozas os completan na UVigo o curso de Lingua, Cultura e Adaptación á Universidade, procedentes principalmente de países como Indonesia; Filipinas, Malaisia, Emiratos Árabes Unidos; Tunisia, Exipto, Arabia Saudita, Líbano ou India.