DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizadas polo alumnado coa colaboración da Área de Benestar e a Fundación Denis Suárez

Máis dun cento de estudantes a ritmo de DJ nas xornadas de ‘benvida deportiva’ ao novo curso

Tras dous días de competicións, o pavillón encheuse de música, xogos populares, escalada, judo…

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 03/10/2024

A comunidade universitaria deu este xoves a ‘benvida deportiva’ ao novo curso. Fíxoo cunha gran festa no pavillón universitario, un evento no que participaron máis dun cento de estudantes, maioritariamente alumnado internacional, e na que non faltaron a música, a cargo do DJ Samu Pexe, os xogos populares e moito, moito deporte: judo, escalada e tamén iniciación ao pickleball, unha modalidade deportiva de raqueta que combina elementos do tenis, o bádminton, o tenis de mesa e o pádel, con gran despegue nos últimos anos, sobre todo, tras a pandemia.

Esta festa deportiva é a primeira actividade organizada de maneira conxunta entre a Universidade de Vigo e a Fundación Denis Suárez, tras a recente sinatura de colaboración entre ambas entidades, e tamén a primeira na que o protagonismo organizativo correu a cargo do alumnado, neste caso a Delegación de Estudantes de Ciencias Experimentais, que foron os que nun primeiro momento propuxeron a idea e, tras a boa acollida que tivo a iniciativa na Vicerreitoría de Extensión Universitaria e na Fundación Denis Suárez, se puxeron mans á obra, contando xa coa colaboración da Área de Benestar, Saúde e Deporte, os consellos do persoal técnico da fundación do ex-xogador céltico, así como tamén o apoio da Fundación García Chillón Orlando.

Máis de 20 equipos en distintas competicións

Abertas á participación de toda a comunidade universitaria, as Xornadas Deportivas de Benvida arrancaron xa onte mércores pola tarde con diferentes competicións. Pese o mal tempo, con moita choiva e néboa, participaron máis de 20 equipos: 12 de fútbol 7; 7 de baloncesto; 5 de voleibol e máis dunha ducia de participantes no torneo de tenis de mesa.