DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirixido a reunir alimentos para o comedor dos Pais Franciscanos, terá lugar o xoves 28

O Maratón Solidario de Zumba adiántase a novembro

Aberto á participación de toda a cidadanía

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 18/11/2019

Promover a práctica de actividade física e, ao mesmo tempo, contribuír ao labor social que desenvolve o comedor do Pais Franciscanos de Pontevedra, son os dous obxectivos do Maratón Solidario de Zumba, que a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo promove cada ano no Pavillón Universitario. Co propósito de lograr unha maior participación do alumnado do campus, este evento aberto a toda a cidadanía adiántase neste 2019 ao xoves 28 de novembro, xornada na que persoas de todas as idades poderán sumarse, entre 19.30 e ás 21.00 horas, a unha actividade na que se solicita a doazón de cando menos un quilo de alimentos non perecedoiros a modo de inscrición. Por outra banda, a Área de Benestar, Saúde e Deporte promove tamén nestas semanas tres actividades deportivas no Pavillón Universitario, de carácter gratuíto para a comunidade univesitaria; bádiminton, defensa persoal e xogos e deportes colectivos.

“Trátase dunha actividade aberta a persoas de todas as idades, tanto para quen queira estar hora e media balando como quen veña quince minutos, do que se trata é de contribuír á causa e promover unha actividade física saudable", salienta o técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus, Gustavo Loureiro. Na súa edición número 17, explica, este maratón trasladase das súas habituais datas nos días previos ao Nadal a finais de novembro “coa idea que non coincidise co período de exames, para ver se conseguimos atraer a máis alumnado”. Catro monitoras e monitores, coordinados por Bruno Hermida, encargaranse neste evento de guiar e animar aos e ás participantes nas diferentes coreografías dunha actividade que combina os exercicios aeróbicos cos pasos de baile. Promovido pola Área de Benestar, Deporte e Saúde xunto coa Vicerreitoría do campus, este maratón solidario conta coa colaboración de Fiestaloka.com, Coca-Cola e Gadis, que proporcionan as bebidas, a froita e as barriñas enerxéticas que se porán á disposición das e os participantes.

Sen necesidade de inscrición previa, as persoas interesadas en participar neste maratón poden acudir directamente ao Pavillón Universitario coa súa doazón. O obxectivo, sinala Loureiro, é intentar superar os máis de 350 quilos de alimentos que achegaron o pasado ano as máis de 150 persoas participantes. 

Actividades gratuítas para a comunidade universitaria

Entre as propostas que a Área de Benestar, Saúde e Deporte impulsa nestas semanas figuran así mesmo as clases de bádiminton, que, por segundo ano, ofértanse de xeito gratuíto aos e ás integrantes da comunidade universitaria, coa colaboración do Club Bádminton Ravachol. Trátase, como sinala Loureiro, dunha actividade á “que pode acudir todo o mundo, xa que hai iniciación e perfeccionamento e o monitor adáptase ao nivel do usuario”. Desde o pasado 21 de outubro, a actividade lévase a cabo cada luns no Pavillón Universitario, en horario de 16.30 a 18.00 horas, e a inscrición pode realizarse a través da web Deporxest.

Por outra banda, desde este luns a comunidade universitaria tamén pode participar, de forma gratuíta, noutras dúas propostas da área, defensa persoal e xogos e deportes colectivos. Trátase, como lembra Loureiro, de dúas actividades dirixidas ata agora limitadas “aos usuarios e usuarias do Abono Muver e que ata o remate de 2019 serán gratuítas para toda a comunidade universitaria”. Defensa persoal desenvólvese os luns de 20.00 a 21.00 horas no Pavillón Universitario, mentres que Xogos e deportes colectivos ten lugar os mércores nesa mesma franxa horaria. Trátase, sinala Loureiro, “dun xogos de equipo peculiares, que nada teñen que ver cos máis coñecidos” e nos que prima, sinala, o carácter lúdico por riba do competitivo.