DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo conclúe un artigo asinado por investigadores de Ciencias da Educación e do Deporte

A marcha nórdica achega diferentes beneficios á rehabilitación das persoas afectadas por un cancro de mamá

O alumno de doutoramento Jorge Torres desenvolverá un estudo piloto con 50 pacientes

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Saúde
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 15/01/2020

Consistente en camiñar movendo de xeito alternativo dous bastóns, a práctica da marcha nórdica pode achegar diferentes beneficios á rehabilitación das persoas que sufriron un cancro de mama. Esta é unha das conclusións extraídas do artigo, publicado no European Journal of Cancer Care, que o alumno de doutoramento da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Jorge Torres realizou xunto cos investigadores Carlos Ayán, Iván Martínez e Miguel Adriano Sánchez e que constitúe a primeira revisión dos estudos que, ata a data, abordaron os seus efectos neste colectivo. “O que amosa esta revisión sistemática, por todas as evidencias científicas, é que a actividade en si é beneficiosa para esta poboación, pero tamén que fan falla máis estudos”, sinala Torres, que, no marco da súa tese de doutoramento, desenvolverá nos próximos meses un estudo piloto coa participación de preto de 50 mulleres ás que lle foi diagnosticada esta enfermidade e que suporá a primeira investigación que se realiza en España sobre os efectos desta práctica deportiva na súa rehabilitación.

Cambiar hábitos cunha actividade sinxela

Baseada no uso duns bastóns “especialmente deseñados para impulsarte cara diante mentres apoias as articulacións das túas extremidades”, a marcha nórdica ou nordic walking é unha disciplina “bastante común nos países nórdicos” e que para as persoas afectadas por esta patoloxía implica “moitos beneficios asociados ao movemento dos brazos”, explica Torres. Nese senso, o investigador destaca que, con respecto a actividades como camiñar, a súa práctica proporciona uns “beneficios conxuntos no conxunto ombro-brazo que permiten gañar forza e coordinación nunha das zonas máis afectadas polo cancro de mama”. Por unha banda, o feito de camiñar co apoio de bastóns “vai activar a musculatura das costas”, promovendo “un traballo non só abdominal, senón de toda a cintura escapular” e contribuíndo á corrección postural. Asemade, o xesto biomecánico que supón esta práctica implica melloras respecto “doutros efectos secundarios” derivados do tratamento desta enfermidade, como son as limitacións na mobilidade dos brazos e o linfedema. 

Por outra banda, “un dos principais problemas desta poboación”, afectada polos “efectos secundarios crónicos” do tratamento, atópase no sedentarismo, “agudizado pola fatiga, as molestias articulares derivadas da medicación e a falta de hábitos saudables”, sinala Torres. Por iso, “a principal estratexia” de rehabilitación pasa, a xuízo deste investigador e instrutor de marcha nórdica, por “cambiar os seus hábitos de vida” a través de actividades “que teñan unha boa acepción e sexan sinxelas de implantar”. Ese sería o caso da marcha nórdica, que non require de equipamento máis aló dos bastóns, promove a actividade ao aire libre e en grupo e resulta “moi sinxela de aprender”, xa que “en poucas sesións domínase a técnica básica”. 

Un estudo piloto para constatar eses beneficios

Nordic walking for women with breast cancer: a systematic review é o título do artigo no que Torres, Ayán, Martínez e Sánchez realizaban unha revisión da literatura científica existente sobre o uso desta disciplina deportiva como “ferramenta de intervención” con persoas afectadas por cancro de mama e avaliaban a calidade metodolóxica dos diferentes estudos, para seleccionar finalmente as nove investigacións que reunían as características requiridas para esta análise. Esta revisión permitiulles constatar que a marcha nórdica “ten un impacto significativo e positivo” en diferentes problemáticas derivadas do cancro de mama, como o linfedema ou a “percepción de morbilidade” das persoas afectadas, sen que se tivesen detectado efectos adversos. 

Inserida na investigación que Torres desenvolve para a súa tese de doutoramento, dirixida polo docente e integrante do grupo Well Move Carlos Ayán, esta análise serviu tamén como punto de partida para o estudo que, desde xaneiro, Torres desenvolve con mulleres ás que lles foi diagnosticada esta enfermidade. Coa colaboración do Hospital Meixoeiro de Vigo, o investigador e instrutor levará a cabo desde finais de xaneiro un “estudo piloto” no centro que dirixe, VigoEntrena, consistente no desenvolvemento dun programa de exercicio físico “especialmente deseñado para mulleres con risco de linfedema, no que a marcha nórdica é un elemento fundamental”. A investigación, que conta coa supervisión do persoal médico da Unidade de Mama do Hospital Meixoeiro e de fisioterapeutas, desenvolverase ao longo de seis meses, con dúas sesións semanais de exercicios, e nel participarán como voluntarias preto de 50 pacientes. O seu obxectivo, explica, é tratar de coñecer, a través de diferentes cuestionarios, a percepción das pacientes dos beneficios que o programa está a supor na súa calidade de vida, comprobar o seu grao de adherencia e rexistrar “potenciais melloras” na súa condición física, na súa percepción de fatiga e na evolución do linfedema e da dor articular, entre outras variables.