A catedrática formalizaba este luns en Pontevedra a súa candidatura á Reitoría da UVigo
Marián Fernández e Montserrat Cruz, candidatas a vicerreitoras de campus no equipo de Carmen García Mateo
Belén Rubio e Jacobo Porteiro presentaron as súas candidaturas por rexistro electrónico
Este luns abriuse o prazo de presentación de candidaturas ás eleccións á Reitoría da Universidade de Vigo. Mentres a catedrática Carmen García Mateo formalizaba a súa en Pontevedra, onde anunciou, ante os medios, ás profesoras Marián Fernández e Montserrat Cruz como candidatas a vicerreitoras do campus de Pontevedra e Ourense, respectivamente, a candidata de H2040, Belén Rubio, e o de ConSenso, Jacobo Porteiro, optaron por presentar as súas solicitudes a través da sede electrónica da UVigo.
Nunha comparecencia pública, a candidata de Nós Universidade destacou que, “se acadamos a confianza da maioría da comunidade universitaria”, serían tres mulleres “as que ostenten a máis alta representación da Universidade nas súas tres sedes”, o que responde a “un compromiso firme cun novo xeito de entender o liderado para transformar a nosa institución". Coincidindo coa apertura do prazo de presentación de candidaturas á Reitoría fixado no calendario electoral, García Mateo comparecía ás portas da Escola de Enxeñaría Forestal para dar a coñecer a súa aposta por situar tres mulleres á fronte dos tres campus. "Coido que é unha mensaxe poderosa, especialmente nestes días nos que reivindicamos o papel da muller na nosa sociedade”, subliñou . Esta presentación buscaba tamén, engadiu García Mateo, “visibilizar unha das nosas prioridades, a posta en marcha dun proxecto que dote de máis autonomía e peso aos nosos campus”, o que levouna a incidir na súa aposta por “unha UVigo que medre desde a proximidade, onde cada campus teña capacidade de decidir o seu futuro e potenciar a súa identidade propia”.
No caso de Pontevedra, a candidata a vicerreitora é Marián Fernández, profesora da Área de Educación Física e Deportiva desde 2003. Fernández Villarino foi directora do Departamento de Didácticas Especiais, secretaria da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e coordinadora do Mestrado en Ciencia do Exercicio, Preparación Física e Readaptación Deportiva, e actualmente é secretaria do Instituto de Investigación en Ciencias do Deporte (Cidega). Profesora da Área de Organización de Empresas desde 1998, Monsterrat Cruz iniciou a súa carreira o campus de Vigo e desde 2015 é docente no campus de Ourense, na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, da que foi decana entre 2019 e 2025, e na Escola Superior de Enxeñaría Informática. Subdirectora do grupo de investigación OE4 Sistemas e Tecnoloxías, Cruz González é tamén a coordinadora do laboratorio de emprendemento Venture Lab, do Campus Auga.
García Mateo sinalou tamén que o equipo que integrará a súa candidatura estará conformado por “académicos cunha traxectoria impecable e unha capacidade de diálogo e escoita sobresaínte” e terá como obxectivo "construír unha Universidade máis autónoma, máis participativa e máis igualitaria”. A catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións anunciou tamén nesta comparencia o ciclo de conferencias A Universidade que queremos, “un espazo de reflexión e debate aberto a toda a comunidade universitaria”, que se desenvolverá os días 11, 18 e 25 na marzo na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, podendo seguirse tanto de xeito presencial como virtual.
Especialización e residencia universitaria
A preguntas das e dos xornalistas, Fernández Villarino salientou o obxectivo desta candidatura de “darlle ao campus de Pontevedra o sitio que nunca debeu deixar”, incidindo nos seus recursos, posibilidades e proxección. A este respecto, sinalou a importancia de “acreditarnos como campus de excelencia” como un “dos piares fundamentais da proposta” desta candidatura. A candidata a vicerreitora recoñeceu tamén que a posibilidade de implantar novas titulacións en Pontevedra formará parte tamén do programa electoral, mentres que García Mateo subliñou a necesidade de “ter moi presente que no campus hai titulacións únicas no Sistema Universitario de Galicia”, o que fai preciso “ter unhas instalacións acordes” co feito de que reciben “moitos estudantes de fóra de Pontevedra”.
Nese senso, a candidata á Reitoría definiu como “unha reivindicación histórica” poder contar cunha residencia universitaria en Pontevedra, sinalando que “neste momento hai unha ventá de oportunidade” para levala a cabo, a través do Plan Nacional de Vivenda, afirmando que o Concello está a favor “de aproveitar esta ventá, proporcionando terreos para construír esa residencia universitaria que tanto necesita o campus”.
Belén Rubio, candidatura por rexistro dixital e equipo pechado
“Presento á miña candidatura á Reitoría como un acto de compromiso coa Universidade e con toda a comunidade que fai posible que esta universidade exista. É un paso que dou que nace da reflexión e dunha convicción profunda de que a institución ten un gran potencial e xuntos podemos facela medrar con ambición, con responsabilidade e con ilusión”, asegura Belén Rubio, candidata á Reitoría por H2040.
A actual vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo presentaba esta mañá a través de rexistro dixital a súa candidatura ás eleccións do 6 de maio, un reto que asegura enfrontar “con enerxía, pero con humildade, consciente de que unha universidade non se constrúe desde unha soa persoa, senón desde o traballo compartido de todo o profesorado, do persoal investigador, o PTXAS e por suposto, de todo o estudantado”.
Cun equipo de Goberno “consolidado, con experiencia e moi cohesionado” xa pechado, a candidata de H2040 reitera a súa idea “dun proxecto común que é a universidade das persoas e que queremos fortalecer, porque que creo nunha universidade pública, aberta, dinámica, comprometida coa sociedade, tamén moi orgullosa do seu talento en todos os ámbitos, que mira o futuro con valentía, que aposta pola investigación, polo coñecemento, pola innovación e pola colaboración”.
A candidata á Reitoría, que avanza que en breve presentarán a web do seu proxecto, incide en que a candidatura presentada hoxe “nace coa vontade de escoitar, de dialogar e de construír de xeito conxunto. Teño moita enerxía e moita ilusión e sobre todo coa confianza de que a Universidade ten por diante un futuro cheo de oportunidades”, asegura.
Jacobo Porteiro, candidatura na sede electrónica e nova páxina web
O candidato de ConSenso enviou a primeira hora desta mañá a solicitude a través da sede electrónica da UVigo, coincidindo co primeiro día oficial de prazo de presentación de candidaturas. “Hoxe damos un paso importante para abrir unha nova etapa na Universidade de Vigo. Presentamos esta candidatura con ilusión, con responsabilidade e coa vontade construír unha universidade máis moderna, máis aberta e máis preparada para o futuro”, explica o candidato á Reitoría da UVigo, que fixo pública esta acción cun vídeo difundido na súas redes sociais.
Coincidindo coa envío da súa solicitude, ConSenso anunciou o lanzamento da súa páxina web, “que servirá como un espazo central para dar a coñecer o proxecto, compartir propostas e manter contacto coa comunidade universitaria”, sinalan desde a súa candidatura, “unha páxina web viva, que se actualiza semanalmente con contidos como o equipo de goberno, axenda do candidato, etc..”. Así mesmo, avanzan que en próximos días publicarán nas súas redes sociais unha serie de medidas concretas, con propostas sobre ámbitos estratéxicos coa finalidade de “explicar con claridade a universidade que propoñemos e facelo con medidas concretas, útiles e pensadas para responder ás necesidades reais da comunidade. A través destas medidas queremos mostrar como pensamos Re-Imaxinar a UVigo”, explica Porteiro.
O candidato de ConSenso avanza que tamén iniciará unha rolda de xuntanzas presenciais cos equipos dos centros da Universidade de Vigo “que coñecen o día a día das facultades e escolas, porque estamos convencidos de que a mellor universidade constrúese dialogando, sumando e atendendo á realidade de cada centro”, destaca o candidato.
