DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A docente Natividad Bermejo coordinou un taller coa Asociación de Mulleres do Mar de Arousa

Mariscadoras que se reivindican a través da arte

Parte dos resultados do obradoiro presentaranse nunha exposición en La Habana

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Igualdade
  • Cultura
DUVI Pontevedra 14/02/2020

Tomar como punto de partida a tradición artesanal do traballo con cunchas das vilas costeiras de Galicia para levalo ao ámbito da creación e xerar unha obra que reivindicase e dese visibilidade ao seu labor como mariscadoras. Esta idea constituía o punto de partida do proxecto que a profesora da Facultade de Belas Artes Natividad Bermejo levou a cabo cun grupo de mariscadoras pertencentes á Asociación de Mulleres do Mar de Arousa. Baixo o título de 12 mulleres do mar. Vilanova de Arousa, esta actividade levou ás participantes a elaborar, nun “taller experimental”, obxectos escultóricos que reproducen en gran formato o símbolo da muller valéndose das cunchas como materia prima.

A Asociación de Mulleres do Mar de Arousa “créase para promover o papel activo das mulleres que están vinculadas ao mundo do mar”, apunta Bermejo, que sinala nese senso que o obxectivo deste proxecto era “desde a arte, tratar de dar visibilidade e pór en valor o seu labor e a elas mesmas”. Nese senso, explica que se tratou dun “traballo colaborativo”, no que “non era tan interesante o obxecto que se puidese xerar como o propio proceso”, que esta docente define como “un interruptor para crear unha situación na que elas entren en contacto coa arte e elaboren algo que lles represente”.

Un proceso aberto e colaborativo

“Como elas recollen ameixas ou berberechos, pensei na tradición galega de traballar coas cunchas na artesanía ou na fabricación de obxectos”, explica Bermejo, que buscou que o taller servise tamén para “reciclar un material que ten uns valores escultóricos interesantes”. Previamente, unha serie de xuntanzas permitiron tamén á artista “coñecer o seu traballo, a súa asociación, os seus intereses e reivindicacións”, xa que outra das súas ideas era a de "traballar segundo as necesidades que elas formularon”.

De feito, foi a raíz deste achegamento á asociación como xurdiu a proposta de Bermejo de traballar co símbolo da muller, tendo en conta, sinala, “a función representativa dos símbolos e a súa capacidade de reforzar os sentimentos comunitarios”. A partires de aí, desenvolveuse un “traballo colaborativo” no que, explica, “foron xurdindo outras ideas”, como a elaboración, tamén con cunchas, dunha peza que reproduce o logotipo da asociación, “e que poderán empregar na manifestación do Día da Muller, o 8 de marzo, ou levala a congresos”. Do mesmo xeito, as propias ideas que ían xurdindo durante o taller e as posibilidades que outorgaba o propio espazo no que se levou a cabo, a lonxa de Vilanova, leváronas a acometer outra serie de propostas, como un traballo fotográfico que continúan desenvolvendo.

Unha iniciativa que viaxará ata Cuba

A idea que deu pé a este taller partiu do feito de que Bermejo fose unha das artistas convidadas a participar, o vindeiro mes de marzo en La Habana, na exposición Brujas y Mariposas, que a profesora de Belas Artes Ana Seoane coordina xunto con Mercedes Cabada e a profesora de La Universidade de la Habana Hilda Alonso. A mostra, que reunirá os traballos de 15 artistas galegas e outras 15 cubanas, servirá así para presentar algúns resultados deste “taller experimental”, a través de fotografías, dunha descrición do proxecto ou dalgún outro tipo de propostas que, na colaboración que Bermejo mantén coas participantes no taller, poidan desenvolverse nas próximas semanas.