DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle un ciclo de conferencias arredor dos roles na sociedade patriarcal

A masculinidade tradicional, un factor de risco para homes, mulleres, nenas e nenos

Están organizadas polo Grupo Sexualidade, Xénero e Saúde da Universidade

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Igualdade
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 30/09/2019

Desde este luns e ata o 28 de outubro, a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense acolle as conferencias A pornificación do corpo das mulleres: o feminismo da cuarta onda. O seu obxectivo, explica a profesora María Lameiras, directora da iniciativa xunto a Yolanda Rodríguez, “é sensibilizar sobre a realidade da hipersexualización e obxectivización do corpo das mulleres dentro dunha sociedade patriarcal que segue a considerar á muller un obxecto de desexo e ao home o suxeito do desexo”. Na súa primeira sesión, abordáronse cuestións como a masculinidade tradicional como un factor de risco para homes, mulleres, nenas e nenos.

Políticas públicas para mulleres e homes

A actividade está organizada polo Grupo Sexualidade, Xénero e Saúde e financiada pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo. Na súa primeira sesión contou coa intervención de Roxana Volio Monge, antropóloga experta en sexualidade e asesora de organismos internacionais como a ONU. Durante a súa intervención Roxana Volio abordou como “a masculinidade é un factor de risco para os propios varóns, para as mulleres e para os nenos e nenas”. Baseándose en estudos de masculinidade de Luis Bonino, a experta apuntou como “non é o feito de nacer do sexo masculino o que se converte nun factor de risco senón o fiel cumprimento dun modelo social de masculinidade o que fai que os homes por exemplo sexan máis propensos a comportamentos de risco para a súa vida, como a sobreexposición a enfermidades de transmisión sexual, a hipersexualidade, a belicosidade heroica, etc”. “Os valores matrices da masculinidade”, indicou Roxana Volio, “fan que os homes se vexan expostos a unha serie de situacións que afectan á súa saúde”. Ademais, recalcou, “eses mandatos que reciben os homes expoñen ás mulleres a situacións de violencia, violencia de alta intensidade, como o feminicidio, ou de baixa intensidade, microviolencias, as violencias cotiás”, recalcou a experta.

Sobre as causas desta exposición dos homes aos riscos do exercicio do patriarcado, Roxana Volio indicou como “todas as aprendizaxes que facemos facémolas porque nos dixeron que se cumprimos con eses mandatos, con eses modelos de masculinidade ou feminidade, vamos a ser queridos, valorados, respectados e entón empeñámonos moito en cumprir con ese modelo tradicional, aínda que nos faga dano e aínda que faga dano a outras persoas”. O antídoto do maltrato ao que leva o patriarcado, indicou esta experta, “é o bo trato, aprender a tratarnos ben” e desde aí tentar cambiar o paradigma da estrutura patriarcal que marca a sociedade.

Durante moitos anos, lembrou a antropóloga, “as políticas públicas que trataron de construír a igualdade centráronse basicamente nas mulleres”. Neste contexto, apuntou como “temos construído un argumentario, desde as políticas públicas, para as mulleres pero non fixemos o mesmo cos homes e entón están descolocados”, apuntando a importancia de que “temos que facer políticas públicas para ocuparnos do problema dunha maneira integral” e evitar fenómenos actuais como a proliferación “das manadas” e o incremento das cifras de violencia contra as mulleres. En todo caso, apuntou Roxana Volio, “non é casual que o estado non se ocupe disto” salientando como “aos grandes poderes fácticos, como as grandes empresas” lles interesa “que os homes sigan onde están”. “Imaxínense unha empresa onde os homes reclamen para si tempo de coidados, permisos de paternidade máis ampla... iso esixiría unha reorganización económica que non están dispostos a pagar”, afirmou.

Máis programación

A programación deste luns contou tamén cunha conferencia titulada Muller, corpo e educación sexual en Cuba: novos retos desde o Centro Nacional de Educación Sexual (Cenesex), a cargo de Iliana Artiles de Leon, psicóloga, sexóloga e ex vicedirectora deste centro. Durante a súa intervención, Iliana Artiles explicou os logros e os retos do “programa cubano de educación sexual, que ten un carácter estatal e no que é prioridade de país levar a educación sexual a toda a sociedade, desde a educación primaria ata a universitaria”. Entre os éxitos deste plan, a psicóloga destacou que “logrouse chegar á toda sociedade” grazas a cuestións como o traballo comunitario e a incorporación de organismos de todo tipo. Tamén fixo fincapé na importancia de acadar “a visibilidade da violencia” nese país “pois sendo Cuba un país onde a prioridade é a muller, os nenos, había unha concepción de que non existía violencia contra a muller, cando en realidade si existe, non por parte da sociedade pero si no ámbito da familia porque é unha sociedade patriarcal, como o resto do mundo”. Neste contexto apuntou como a pesar dos avances acadados “hai que continuar traballando” nunha loita na que se “impliquen todos, xa que é unha responsabilidade de todos”.

A programación continuará o xoves 3 de outubro coa segunda parte da conferencia de Iliana Artiles; o martes 22 de outubro, cun video-forum sobre a produción Hot Girls Wanted: A pornificación do corpo das mulleres, a cargo das investigadoras da Universidade de Vigo Patricia Ruido e Rosana Martínez, e rematará o día 28 coa conferencia O corpo das mulleres na lexislación, a cargo de Concepción Torres, profesora da Universidad de Alicante.