DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na xornada de portas abertas do Cinbio dentro do programa Divulgando Ciencia Singular

Medio cento persoas descobren os segredos da investigación biomédica

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 09/12/2019

Os mecanismos para a extracción do ADN, a metástase do cancro, a utilidade do CO2 como extintor de lumes ou como o cerebro xestionada o sentido da orientación. Estes son algúns dos segredos que agocha a investigación biomédica e que preto de medio de cento de persoas puideron coñecer na xornada de portas abertas que o Cinbio celebrou dentro do programa Divulgando Ciencia Singular.

Esta iniciativa, cofinanciada pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través de fondos FEDER, ten como finalidade dar a coñecer á sociedade o traballo levado a cabo nos centros singulares de investigación da universidade viguesa. De feito, nas pasadas semanas o Centro de Investigación Mariña e atanTTic xa amosaron os seus segredos á sociedade da contorna, e nesta ponte foi a quenda do Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio. 

Do ADN ao cancro e do CO2 ao pH

En total, foron tres horas de ciencia singular, con obradoiros e talleres prácticos nos  tanto os maiores como as e os cativos, cheos de curiosidade científica, puideron coñecer como se estuda o cancro e a metástase, como se discriminan as células con marcadores nas membranas, onde se unen anticorpos monoclonais con “bombillas” para identificalas nun citómetro ou que separa células cancerosas de unha en unha, para estudar o seu xenoma.

Unhas das actividades que máis gustou entre as persoas asistentes foi o taller de extracción de ADN, neste caso das fresas. No obradoiro sobre o CO2, puideron ver como cambia de cor unha disolución, segundo o pH, coa axuda de indicadores pero tamén puideron comprobar como o CO2 ten dúas caras, xa que pode actuar, como lle explicaron as e os investigadores do Cinbio, como un magnífico extintor de incendios. Outra das actividades centrouse en como o cerebro xestiona a orientación espacial, cun ‘GPS’ que se sitúa no hipocampo. Paula Rivas, do Laboratorio de Neurociencia, foi a encargada de explicarlles aos presentes como se traballa co cerebro, como se detectan múltiples tipos de neuronas que disparan sinais electroquímicos entre elas, establecendo a memoria e a orientación. Segundo lles apuntou a científica, cando o cerebro está danado, por exemplo a causas de enfermidades como o Alzhéimer, falla a aprendizaxe “pero tamén se perde a orientación espacial”.  

Varias semanas amosando en que consiste a biomedicina

Antes desta xornada de portas abertas, o Cinbio xa realizou varias actividades previas dentro do programa Divulgando Ciencia Singular. A primeira delas foi a instalación de dúas mesas informativas en Ourense e Vigo, ás que se achegaron 100 e 200 persoas respectivamente, para coñecer que tipo de proxectos desenvolven os grupos de investigación que forman parte deste centro singular.

O campus de Ourense acolleu tamén unha xornada de portas abertas a finais do mes pasado na que as persoas asistentes puideron participar en obradoiros sobre as aplicacións da intelixencia artificial en biomedicina e sobre o aproveitamento de algas e biomasa para obtención de produtos de interese biolóxico.