DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O rapeiro galego presentará o 27 de febreiro o seu novo traballo 'Versus' 

Mestizaxe de estilos e crítica social ao son do rap de Hard GZ para abrir a programación cultural do segundo cuadrimestre

Cora Velasco e Santi Araújo protagonizarán o Sonora’19

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Música
  • Premios
  • Cultura
DUVI 18/02/2019

Semifinalista nos Premios de la Música Independiente (MIN 2019) nas categorías Hip Hop; Mejor artista; Mejor album, Canción del año e Mejor videoclip, Hard GZ é o rapeiro galego que máis entradas vende nas salas na actualidade. Pedro Ruibal Iglesias, nado en Vigo en 1995, medrou en A Coruña, onde entrou en contacto co hiphop e o rap e onde con tan só 14 anos montou o seu primeiro estudo caseiro e comezou a rapear na banda Urban Style Crew formada por grafiteiros, Djs e Mcs. En 2014 chegou o seu primeiro disco Virus e dous anos despois Kaos Nómada, ao que sucede Versus o seu novo traballo discográfico, que presentará o vindeiro 27 de febreiro no Teatro Vidal Bolaño do campus de Vigo, nun concerto que inaugurará a programación cultural do segundo cuadrimestre da Universidade.

Tras o concerto de Hard GZ, a música volverá ao campus vigués o 26 de marzo nunha nova edición de Sonora, na que se darán cita sobre o escenario do Vidal Bolaño, Santi Araújo e Cora Velasco. O pontereano presentará os temas do seu disco 2018 Catedral, mentres que Cora Velasco, antes Cora Sayers, repasará Sortilegios, considerado pola crítica o seu traballo máis persoal. A programación musical do segundo cuadrimestre baixará o pano o 2 de maio coa celebración do Festival Ensaiamos.

A nova escena urbana, a escena

“Hard GZ forma parte do grupo de músicos da nova escena urbana con enorme eco dos seus vídeos en Youtube e demais redes sociais e é un artista galego con grandísima proxección, tanto nacional como internacional”, explica Alfonso Caride, técnico superior de cultura da Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, que destaca o carácter crítico, social e reivindicativo das súas letras, o que o leva a embarcarse en numerosos proxectos solidarios, como a construción dunha biblioteca nunha escola de Senegal e saneamentos en Ecuador.

Apoiado no seu colectivo orixinal La Utopía del Norte, Hard GZ explora en Versus novas sonoridades, mestizaxe de estilos e creatividade, á que o rapeiro de orixe viguesa tamén dá saída desmarcándose a través do seu alterego LIL Gz, onde canaliza eses proxectos que non tería cabida nos seus traballos habituais.
O concerto de Hard GZ celebrarase o día 27 de febreiro a partir das 18.00 horas e a entrada é gratuíta ata completar o aforo do Teatro Vidal Bolaño.

Primeiro concerto con banda en Galicia de Cora Velasco e Santi Araújo 

Un mes despois chegará ao escenario do teatro do campus vigués o festival das novas música da Universidade de Vigo, Sonora’19. Desta volta os encargados de encher de sons o Vidal Bolaño “son dous artistas que levan anos no panorama musical e que inician novos proxectos en solitario, o que permite unir calidade e novidade”, explica Caride sobre as actuacións, primeiro de Santi Araújo e a continuación de Cora Velasco,“dous artistas galegos, que pensamos que van dar o salto definitivo”, asegura.

No concerto do 26 de marzo, que será o primeiro dos dous con banda en Galicia, Araújo presentará, a partir das 17.30 horas, o seu último traballo Catedral, un cancioneiro de dor exposto, no que artista de Ponteareas se desarma, á vez que se reconstrúe a cada nota e cada palabra. Pola súa banda, Cora Velasco presentará ao público que dea cita no campus vigués, Sortilegios, o seu traballo máis persoal, con temas propios e unha versión da canción Arponera de Esclarecidos e co que inicia unha nova etapa, na que aposta pola composición en castelán e un novo nome, o seu propio.

As propostas musicais da Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria rematarán o 2 de maio coa celebración do Festival Ensaiamos, que un ano máis “lle ofrece aos grupos que participan no programa Ensaiamos, un escenario, que nalgúns casos lles vai permitir tocar por primeira vez ante público”, lembra o técnico superior de Cultura da Vicerreitoría.