DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A gañadora do premio Educa-Abanca cursa o Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional

Un mestrado do campus ten entre o seu alumnado á mellor docente de España

Alejandra Cortés é profesora da Universidad de Zaragoza

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Premios
  • Académica
DUVI Pontevedra 31/01/2020

Profesora da Universidad de Zaragoza, Alejandra Cortés foi recoñecida neste 2020 co premio Educa-Abanca á mellor docente universitaria de España, polo seu traballo na aula, publicacións e participación en investigacións ou actividades solidarias, ámbitos que á súa vez compaxina co Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional, un posgrao virtual da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. “Sempre estou aprendendo, son moi inqueda neste sentido e buscaba algo relacionado con temas de liderado e de política”, salienta Cortés das motivacións que a levaron a matricularse neste mestrado do campus pontevedrés.

Vicedecana de Innovación, Investigación e Comunicación da Facultade de Ciencias da Educación da Universidad de Zaragoza, Cortés foi seleccionada como gañadora na categoría de universidades duns premios que se entregarán o 20 de febreiro en Santiago de Compostela, no marco do Congreso Mundial de Educación Educa 2020, e que na súa terceira edición recibiron 1459 candidaturas entre as súas distintas modalidades. “Loxicamente, supón unha gran felicidade, é un recoñecemento a moitos anos dedicados á educación”, salienta Cortés, que non obstante recoñece que “aínda lle queda moito por aprender”. Directora do Máster en Educación Socioemocional para o desenvolvemento persoal e profesional e o do Máster Universitario de Aprendizaxe ao longo da vida da institución zaragozana, Cortés, que foi tamén investigadora permanente da Cátedra Unesco sobre valores e comunicación e directora da Cátedra de Innovación Educativa Juan de Lanuza, salienta así mesmo que se trata duns galardóns que supoñen “un recoñecemento ao valor que ten a educación para a sociedade”.

Interese por seguir aprendendo

“Son unha apaixonada do mundo da política e quería saber máis”, salienta Cortés das razóns que a levaron a matricularse nun mestrado que, recoñece, cursa principalmente por interese persoal. “Dadas as miñas circunstancias profesionais e persoais, pensei que un máster online era o mellor para a min”, explica esta docente e investigadora, que buscaba tamén como alumna, “aprender do que se fai noutras universidades”. Así, converteuse en estudante dunha titulación que, recoñece, “fago por amor á arte”, e da que destaca o interese que lle espertaron “algunhas materias relacionadas coa historia da política e vinculadas con temas de liderado”. Unha temática esta última que lle permitiu tamén incidir en aspectos como “a asertividade ou a toma de decisións consensuada”, que, recoñece, tamén lle foron de axuda no seu labor nos eidos da docencia, a investigación, a transferencia e a xestión. A día de hoxe, explica, ten aínda algúns créditos pendentes antes de enfrontarse ao traballo de fin de mestrado. “Quería pensalo ben, pretendo que sexa un traballo que me encha e que poida achegar algo”, engade Cortés, que apunta ao seu interese por desenvolver un estudo “vinculado coa neurociencia e a política, que son dous ámbitos moi interesantes”. 

Alumnado de múltiples países e perfís

En funcionamento desde o curso 2011-2012 e con preto de 20 matriculados e matriculadas por curso, o Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional ten como propósito “proporcionar unha formación avanzada e multidisciplinar no ámbito da dirección e xestión pública”, como explica o seu director, Xosé Mahou. Dirixido fundamentalmente a persoal das administración, entre o seu alumnado ao longo destes anos atópanse “profesionais da xestión pública nos máis variados ámbitos”, desde persoal da administración xeral a profesionais da medicina, a enxeñaría e a docencia. Ademais, o feito de tratarse dun mestrado online ten contribuído a facer deste “unha ventá aberta ao mundo, en especial a América Latina”, salienta Mahou, que explica que o posgrao contou con alumnado de Ecuador, Perú, Colombia, México, Chile ou Estados Unidos, á vez que recoñece que ter estudantes como Cortés é para a titulación “un orgullo e unha mostra do nivel do alumnado, que aspira a unha formación que calidade que reverta no funcionamento da súa organización pública”.