DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A titulación mellora a súa posición no ránking internacional de SportBusiness

O Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte, entre os 13 mellores posgraos do mundo no seu eido

Sitúase no primeiro posto no ámbito estatal e cuarto no europeo

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 09/09/2021

O pasado ano o Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte da Universidade de Vigo foi incluído por primeira vez no ránking internacional dos mellores posgraos que fai SportBusiness, entidade de referencia para a industria do deporte. Este ano, a titulación que se imparte no campus de Ourense volve a ser incluída nesta listaxe e pasa a ocupar o posto número 13 entre os estudos de posgrao máis valorados no sei eido no mundo. Ademais, sitúase no cuarto posto no ámbito europeo e no primeiro posto en España.  

Segundo indica Patricio Sánchez, coordinador do Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte, SportBusiness é unha asociación da industria do deporte, principalmente profesionais, que conta con diferentes ránkings, un deles dedicado á formación de posgrao. Esta clasificación, lembra o profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, “é de referencia para nós pola propia institución que o fai, por agrupar á industria do deporte e tamén pola relevancia dos mestrados que inclúe, que son os máis potentes”. O SportBusiness Postgraduate Rankings preséntase como “o ránking máis completo e detallado” dos 40 mellores posgraos de xestión deportiva, tendo como obxectivo proporcionar a estudantes e profesionais “o sistema de clasificación máis confiable e respectado” no seu eido. Para acadalo, a entidade valora aspectos de cada mestrado como a internacionalización de alumnado e profesorado, a calidade docente ou a empregabilidade.

Satisfacción e responsabilidade

O pasado ano, o mestrado da UVigo acadou en SportBusiness o posto 19 do mundo, o oitavo de Europa e o segundo de España. Este ano, a titulación mellora os seus resultados posicionándose no posto 13 do mundo, o cuarto en Europa e o primeiro en España. Estes datos, sinala Patricio Sánchez, supoñen “unha grandísima alegría que se combina, ao mesmo tempo, cunha tremenda responsabilidade” e son “froito dun traballo colectivo e unha ilusión compartida”. A inclusión neste top-20 mundial, sinala o profesor de Ciencias Empresariais e Turismo, constitúe “unha ratificación de que as cousas estanse a facer razoablemente ben”. Igualmente amosa a satisfacción que supón, ao ver a listaxe de universidades incluídas neste ránking, “pensar que dende Galicia, e nomeadamente, dende Ourense, podemos estar a ese nivel”.

Entre os resultados acadados nas diversas categorías que inclúe o ránking, Patricio Sánchez destaca “a altísima satisfacción do alumnado e o feito de ser a primeira universidade española, tanto pública como privada”. Así, sinala o orgullo que supón que se amose na boa puntuación acadada “a percepción que ten de nós o alumnado que remata a titulación”. Pondo tamén en valor a calidade do profesorado do mestrado, Patricio Sánchez comenta que “podemos dicir que estamos á altura de calquera programa en sport management do mundo”. Alén dos resultados específicos, o responsable da titulación apunta como en todo caso “o importante para nós é figurar nun ránking tan prestixioso, competindo por dicilo dalgún xeito con universidades e campus de moitísima soleira”. O fito, recalca, “é estar e manterse”.  

Perfil internacional

Sobre as características que fan ao Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte acadar este recoñecemento, o seu responsable lembra como se trata do único programa oficial de posgrao sobre esta temática en Galicia e un dos poucos de España, “dirixido a proporcionar a formación académica e práctica necesaria para a profesionalización na xestión do deporte”. Entre os seus puntos fortes apunta o aceno internacional do seu alumnado que, engade, está formado tanto por egresadas e egresados recentemente como profesionais do sector. Con dez edicións xa celebradas e arredor de 200 persoas formadas, Patricio Sánchez sinala que o mestrado afronta o curso 2021/2022, a súa edición número once, unha vez máis con máis solicitudes de matrícula que prazas dispoñibles, o que “por unha banda é unha boa nova pero por outra non nos gusta ter que deixar a xente fóra”.