DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O estudante da EEI é o terceiro presidente do Consello de Estudantes da UVigo 

Miguel Fernández, presidente de Ceuvi: “Maximizar a participación é unha maneira de garantir a voz do estudantado na realidade da Universidade”

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 30/01/2023

Cunha candidatura integrada por Andrés  Graña como secretario, Agustín Suárez como tesoreiro e Estela Lima como coordinadora do campus de Vigo, Miguel Fernández Simoes (Vigo, 2001) convertíase recentemente no terceiro presidente do Consello de Estudantes da Universidade de Vigo (Ceuvi), un órgano asembleario formado polas e polos representantes do alumnado ante os órganos de goberno na institución académica viguesa. Logo de case tres anos participando en diferentes órganos de representación estudantil, “nos que puiden ver moitas das problemáticas e inquedanzas que afronta o estudantado da UVigo, mais tamén o potencial que temos para intervir nos distintos órganos de goberno a prol da mellora da Universidade”, detalla Miguel Fernández, este estudante de cuarto curso do Grao en Enxeñería Electrónica Industrial e Automática na Escola de Enxeñería Industrial decidiu dar o paso e presentar unha candidatura ás eleccións do Consello de Estudantes, que resultou ser a única que concorreu ao proceso. “Nun inicio si que nos sorprendeu, mais é un feito que, tras dous anos de pandemia, unha parte importante do estudantado está afastada da vida universitaria alén dos propios estudos, máis aínda da representación estudantil. É por isto, que tras uns primeiros meses de incerteza, asumimos que era probábel non atopar outras candidaturas, e que, cando menos de entrada, había contar cunha participación baixa”, explica o presidente do Ceuvi.

Constituído no ano 2019, Miguel Fernández Simoes remuda na presidencia do Ceuvi a Paula Gil quen, a súa vez, sucedeu a Daniel Couto no cargo. Con 51 alumnos e alumnas electas, o novo presidente do Consello de Estudantes da UVigo, destaca do equipo que o acompañará á fronte do Ceuvi que “os catro temos unha traxectoria na representación. Sei que conto con tres persoas con experiencia e moi competentes e compartimos unha grande ilusión por afrontar estes anos de mandato, e temos unha perspectiva de traballo semellante”.

Principais obxectivos para unha nova etapa 

Ser quen de transmitir ao estudantado a ilusión coa que accedeu á presidencia, para así poder mellorar a participación en representación é un desexo que Miguel Fernández espera poder cumprir durante o seu mandato á fronte do Ceuvi. Logo do seu paso pola delegación de alumnado da EEI  e desde o pasado mes de maio de formar parte da Xunta de Escola do centro, do Claustro e do Consello de Goberno, o novo presidente do Consello de Estudantes da UVigo sinala como primeira vía de actuación no seu mandato “a reactivación da implicación en representación e política universitaria, tanto a nivel interno como externo. Cómpre chegar, tanto directa, como transversalmente, ás nosas compañeiras e compañeiros, facer ver que compartimos perspectivas e inquedanzas”, detalla Miguel Fernández.

Para acadar este obxectivo, o presidente do Ceuvi confirma a súa intención de iniciar unha rolda de encontros coas distintas delegacións de estudantes da Universidade, “para escoitar de primeira man as súas ideas e necesidades e achegar o Ceuvi a elas. Ademais, coido que, cómpre apostar pola formación en representación, dando a coñecer o noso labor, a estrutura interna da UVigo e as distintas sectoriais, entre outras cousas”, explica o presidente do Consello, que aposta pola celebración de xornadas ou obradoiros de formación, neste senso. 

A mellora das condicións da vida universitaria do estudantado é outro dos obxectivos do novo equipo que dirirxe o Ceuvi, que incide tamén na importancia de estar presentes na redacción e aprobación das diferentes normativas, así como de ter presenza nos órganos de goberno, “mais tamén velar por achegar ao conxunto do estudantado un lecer de calidade ligado ao seu paso pola UVigo, así como favorecer todo tipo de actividades e formacións transversais aos estudos”, explica Miguel Fernández. Traballar na mellora da calidade de avaliación, a docencia e a aprendizaxe é tamén unha das prioridades do presidente do Consello, que tamén incide na importancia de velar por plans de estudos acordes á realidade actual e traballar nunha verdadeira transferencia de coñecemento entre docentes e estudantes, con suficientes garantías de calidade, tanto na metodoloxía, como nos procedementos de avaliación.