DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto Edify, coordinado por Francisco Díaz, acadou financiamento do programa H2020

Un millón de euros para formar novas e novos investigadores no campo da fotónica integrada

Seleccionará catro estudantes de doutoramento que se integrarán en empresas do sector

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 06/06/2018

Co obxectivo de proporcionar formación de vangarda a investigadores e investigadores novos no campo da fotónica integrada, para que posteriormente se integren en empresas do sector, a Universidade de Vigo coordinará o proxecto Edify (European Doctorate in Indium Phosphide PIC Fabrication Technology), financiado cun millón de euros polo programa europeo H2020, na modalidade de Rede Europea de Formación (ITN). Ademais de ser a primeira acción Marie Curie ITN que a Universidade de Vigo coordina ao abeiro do programa H2020, neste caso a través do docente e investigador do grupo COM de atlanTTic Fran Díaz, tamén é a primeira que se lle concede á institución académica viguesa na modalidade de doutoramento industrial. “Neste caso a Universidade de Vigo capacitará a estudantes de doutoramento en tecnoloxías fotónicas integradas co seu socio SMART Photonics, fábrica líder europea en circuítos fotónicos integrados de fosfuro de indio”, explica o coordinador do proxecto, no que tamén participan a Technische Universiteit Eindhoven, líder europeo do ecosistema de investigación en fotónica integrada e outras tres empresas industriais de última xeración: Bright Photonics BV, que centra a súa actividade no deseño e a consultoría e Photon Design e Phoenix BV, dedicadas ao software e nas que as e os investigadores realizarán estadías nas que poderán adquirir coñecementos de todo o abano de disciplinas que abrangue a fotónica integrada.

“Edify formará durante 48 meses catro estudantes de doutoramento que pasarán o 40% da súa formación na Universidade de Vigo e un 60% no resto de empresas da rede. Dado o perfil multidisciplinar dos investigadores que van ser contratados neste proxecto, recibirán formación básica e complementaria en física do estado sólido, química, procesos de automatización, comunicacións ópticas…” detalla Fran Díaz, ao que se suman na os catedráticos do Laboratorio de Óptica e do grupo COM da Universidade de Vigo, Humberto Michinel e Francisco Javier Fraile Peláez, respectivamente. “Dada a súa ampla experiencia investigadora de primeiro nivel no campo da física e a fotónica, supervisarán ás e aos estudantes de doutoramento, xunto aos seus homólogos en SMART Photonics”, explica o IP sobre o traballo que desenvolverán os seus compañeiros.

Un orgullo e un recoñecemento ao labor desenvolvido no campo da fotónica

Aínda que a fotónica integrada é unha tecnoloxía transversal que afecta a todos os sectores, desde as comunicacións á saúde, pasando polo procesamento de materiais en produción, iluminación e produtos cotiáns como os teléfonos móbiles, “o potencial disruptivo completo da fotónica empeza a agora a entreverse e agárdase que os novos avances revolucionen múltiples sectores, desde o coidado da saúde, á fabricación, electrónica, tecnoloxías da comunicación e aplicacións de sensores en todas as contornas”, detalla o investigador de atlanTTic. Neste sentido, Fran Díaz lembra que o sector fotónico está cualificado pola UE, onde emprega preto de 300.000 persoas, como unha das únicas seis tecnoloxías clave de habilitación (KET) e “nuns anos agárdase que a fotónica integrada substitúa á microelectrónica en todas as áreas da produción”.

O grupo COM de atlanTTic conta cun área dedicada á fotónica e nos dous últimos anos Fran Díaz traballou na creación dun pequeno grupo de estudantes de doutoramento dedicados a explorar as posibilidades que este campo pode ofrecer e tamén a fortalecer as relacións cos actores principais que existen en Europa neste ámbito. Para Díaz, “o feito de que institucións e empresas de primeiro nivel recoñezan a valía das nosas actividades cimentadas nos estudantes que saen dos nosos grupos de investigación na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, o traballo e apoio do servizo de I+D e que as nosas propostas reciban o apoio da Comisión Europea, indica que as nosas capacidades formativas e investigadoras teñen o máximo nivel”. O investigador e docente considera, ademais, esta confirmación un voto de confianza para que a Universidade de Vigo aposte por un sector emerxente, no que posicionarse nos próximos anos será de vital importancia.