DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo sumouse aos actos organizados con motivo do 25N

Un minuto de silencio contra a violencia de xénero

Diante do edificio Ernestina Otero, en Vigo, e nos edificios de Ferro e Politécnico en Ourense

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI 25/11/2020

A Universidade de Vigo sumouse este mércores 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as mulleres, ao minuto de silencio convocado pola Delegación del Gobierno contra la Violencia de Género polas vítimas da violencia contra as mulleres, polas asesinadas e polas supervivintes.

Neste contexto de crise sanitaria e, ante a imposibilidade de levar a cabo grandes concentracións como en anos anteriores, desde a Delegación do Goberno consideraron que este minuto é a mellor maneira de visibilizar publicamente o compromiso e o apoio de todas as institucións e da sociedade española no seu conxunto coas vítimas e unha forma de reparación moral e simbólica cara as mesmas.

No campus de Vigo a concentración tivo lugar diante do edificio Ernestina Otero e estivo encabezada pola directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, e os vicerreitores María Isabel Doval, responsable de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, e Manuel Ramos, vicerreitor de Organización Académica e Profesorado. Como xa é tradicional, tamén membros da comunidade universitaria do campus de Ourense se uniron aos actos de rexeitamento da violencia contra as mulleres. Alumnado e profesorado das facultades de Historia e Educación e Traballo Social concentráronse entre os edificios de Ferro e Politécnico para gardar tamén un minuto de silencio.

Ademais destas concentracións, a Universidade de Vigo sumouse tamén ao comunicado conxunto que con motivo desta data emiten cada ano as unidades de igualdade que conforman a Rede de Unidades de Igualdade de Xénero das Universidades Españolas para a Excelencia Universitaria (RUIGEU) e ao manifesto de CRUE Universidades Españolas pola eliminación da violencia contra a muller.