DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As medidas contra a COVID-19 impiden a súa celebración no mes de abril

A Miteu aprázase ata a primeira quincena de xullo

A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense celebrará nesta edición 25 anos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Ourense 01/04/2020

Na programación cultural da cidade Ourense abril é cada ano sinónimo de teatro coa celebración da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu), da que a Universidade de Vigo é entidade promotora. Debido ás medidas de loita contra a COVID-19, a organización do certame, que corre a cargo da compañía Sarabela Teatro, acaba de anunciar o aprazamento desta cita para a primeira quincena de xullo e “sempre que a situación o permita nesas datas”.

Apoio das institución e comprensión das compañías

“A Miteu cumpre 25 anos en estado de alarma, mais quere cumprilos, por estar con todas e todos vós”, explican desde a organización nun comunicado feito público co gallo do aprazamento. Así, indican, “a Universidade de Vigo, o Campus de Ourense e o Teatro Principal (Deputación Provincial) amosan o seu apoio, o que recoñecemos e agradecemos nestes duros días. Agardamos e confiamos na resposta da Xunta de Galicia e do Concello de Ourense do mesmo xeito que o facían para o mes de abril”. 

Agradecendo a comprensión das compañías ante este aprazamento, desde Sarabela Teatro subliñan como “xuntas e xuntos poderemos ofertarvos a 25 edición da Miteu, diferente, con teatro, danza, música, espectáculos de rúa, espectáculos en teatro e en sala. Estamos a intentalo, coma todas e todos vós estades a intentar recompoñer as vosas vidas, os vosos traballos, a vosa saúde e a vosa liberdade”.

Na última edición da mostra, dirixida por Fernando Dacosta, foron 28 espectáculos e 29 as representacións que se celebraron en diferentes escenarios da cidade de Ourense, entre eles o campus universitario, e que abrangueron teatro de rúa, circo, teatro de actor e actriz, danza e música ao longo de 17 intensos días de programación.