DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa representación dunha obra escrita polo premio Pulitzer Robert Schekkan

A Miteu baixa o pano cunha reflexión sobre as consecuencias dos discursos de odio

‘La construcción del muro’ examina que acontece cando unha persoa común se converte en opresor

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Teatro
  • Cultura
DUVI 10/05/2019

A XXI Mostra Internacional de Teatro Universitario baixou o pano esta semana en Vigo coa posta en escena no Teatro Roberto Vidal Bolaño da obra La construcción del muro, representación que correu a cargo da compañía costarriqueña Teatro Espressivo. Esta peza foi escrita polo gañador do premio Pulitzer Robert Schenkkan que, meses antes de que Donald Trump asumise o mandato como presidente dos Estados Unidos, denunciou os discursos de odio contra as persoas migrantes da rexión, ao mesmo tempo que formulou un panorama distópico dunhas consecuencias que poderían estar máis preto do que o público imaxina. 

La construcción del muro examina o que acontece cando unha persoa común se converte en parte do engrenaxe dun sistema político opresor. Cun elenco encabezado pola artista guatemalteca Magdalena Morales e o actor e produtor costarriqueño Antonio Rojas, a acción sitúanos nun futuro moi próximo no que a administración de Trump detén en redadas a millóns de migrantes. A partir de dous personaxes, unha escritora e o supervisor dunha prisión, constrúese unha peza que advirte sobre un futuro incerto, pon rostro humano ao inhumano e revela como o inconcibible se volve inevitable cando se nega a responsabilidade individual. 

Reflexións sobre a migración

As dúas ultimas representacións desta edición da Miteu en Vigo, Papá está en la Atlántida e La construcción del muro, foron as máis internacionais e deixaron no público unha reflexión acerca da migración, o odio ao diferente e a responsabilidade que as persoas teñen dentro da sociedade para evitar a discriminación.