DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celebrarase os días 28 de marzo e 4 e 8 de abril

O modelo de cidade de Pontevedra protagonizará os III Encontros sobre 'A educación dende o compromiso co territorio'

Trátase dunha iniciativa conxunta de Ciencias da Educación e o CIFP Portovello

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Visitas
  • Académica
DUVI Ourense 20/03/2019

Por terceiro ano consecutivo, a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense e o CIFP Portovello están a organizar os Encontros sobre A educación dende o compromiso co territorio. A edición de 2019 estará centrada no modelo da cidade de Pontevedra e como novidade amplía a súa programación de un a tres días, celebrándose o 28 de marzo e o 4 e 8 de abril.

“Un ano máis, e xa van tres, desde o CIFP Portovello e a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense presentamos os Encontros sobre A Educación dende o Compromiso co Territorio. Desta volta aproximámonos ás particularidades das cidades educadoras achegándonos a Pontevedra e ao seu proxecto de cidade, fortemente vencellado ás ideas de Francesco Tonucci e á súa concepción da cidade das e dos nenos”, comentan desde a organización, liderada por Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación, e por Suso Fortes, docente do CIFP Portovello. “Seguimos na liña de dedicar cada ano a cita a algún territorio determinado, principalmente cidades educadoras, e Pontevedra pareceunos un escenario ideal pois vén desenvolvendo o modelo de Tonucci de facer unha cidade máis habitable para todos os seus colectivos”, sinala Xosé Manuel Cid.

Tres días de programación

O programa arrancará o día 28 de marzo no Liceo de Ourense cunha intervención aberta á cidadanía de Jaume Trilla, que presentará o seu último libro La moda reaccionaria en educación, lembrando desde a organización a vinculación que tivo Trilla con Tonucci como colaborador na creación do seu modelo de cidade das e dos nenos. O día 4 de abril a actividade chegará ao campus de Ourense coa celebración da xornada central deste encontro, na que participarán arredor de 400 estudantes tanto universitarios como de ciclos formativos vinculados á educación e á educación social. A actividade arrancará cunha intervención de Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra. Seguiralle unha mesa redonda na que distintos colectivos desa cidade explicarán a súa vivencia do modelo creado, participando representantes dun centro de día e da Once e especialistas do eido da arquitectura e a intervención sociocomunitaria. “Teremos a oportunidade de coñecer máis de preto as particularidades do proxecto de cidade de Pontevedra”, indican desde a organización.

A programación pecharase o día 8 de abril cunha visita a Pontevedra na que participará tamén alumnado de primeiro curso do Grao en Educación Social do campus de Ourense. Trala recepción no concello, as e os participantes realizarán un percorrido guiado pola cidade e desenvolverán diferentes actividades lúdicas guiados por alumnado e profesorado do CIFP A Xunqueira.

Segundo explican desde a organización, alén da importancia dos contidos abordados o segundo dos aspectos relevantes desta cita é o achegamento que se produce entre os dous centros implicados, a Facultade de Ciencias da Educación e o CIFP Portovello, que están situados moi preto xeograficamente e que se relacionan de xeito continuo dado que parte do alumnado do Portovello, onde se imparten ciclos de Animación Sociocultural, Integración Social e Educación Infantil, continúa os seus estudos na Facultade de Ciencias da Educación ourensá. “Estas xornadas supoñen un espazo de encontro moi importante entre a universidade e os ciclos formativos, uníndose este ano a nós o CIFP A Xunqueira”, indica por último Xosé Manuel Cid.