DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mofa e Befa conquista o campus co pensamento abstracto

O teatro Vidal Bolaño reuniu a un público diverso e entregado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Teatro
  • Cultura
DUVI 22/11/2018

A filosofía perralleira invadiu as mentes das e dos espectadores que se deron cita no teatro Vidal Bolaño este mércores para presenciar a última produción do dúo cómico Mofa e Befa. A sátira teatral Cranios privilexiados... ou crítica da razón perralleira, escrita por Carlos Santiago e representada por Josito Porto e Víctor Mosqueira, entretivo ao público co manexo do pensamento abstracto durante hora e media.

Para chegar ás mentes do patio de butacas e espertar a capacidade de reflexión das mesmas, o dúo apareceu en escena cunha crise existencial e, baseándose na tradición perralleira, a solución a todos os problemas non é outra que comer. Esta idea da pé a unha merenda na que comezaron a manar resonancias platónicas baixo unha ponte, lugar no que o nexo entre a desesperación e a sobriedade dos alimentos provocou un intre de ascetismo. As  alucinacións sucedéronse unha tras outra e a obrigada reflexión sobre o absurdo da existencia, o confuso devir do mundo ou a natureza ferinte do amor, viuse salpicada pola aparición de filósofos, seres mitolóxicos, antigas personaxes do propio repertorio e, outras presencias enigmáticas máis ou menos actuais que acompañaron e comprometeron a tentativa desesperada de Mofa e Befa por aprender a pensar.

Grandes preguntas vitais sen resposta

Nesta fugaz sucesión de situacións e personaxes, as grandes preguntas vitais quedaron sen resposta, dado que a razón perralleira está tan limitada que non é quen de comprender nin un chisco da realidade. Mofa e Befa conseguiron facer un freak-show de pensadores e pensamentos que non renuncia a comprender a realidade actual e, do mesmo xeito, acapararon a ovación  de todo o público que se deu cita no teatro da Cidade Universitaria. 

O dúo cómico Mofa e Befa foi creado no ano 1992 por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, que para atender proxectos profesionais fóra do país, deixou momentaneamente o grupo e actualmente é substituído por Josito Porto. Tras estrear a obra no Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) de 2017, o grupo comezou a xira de  Cranios privilexiados por diferentes escenarios de toda Galicia. 

A banda da loba como culminación da programación cultural do primeiro cuadrimestre

Tras esta representación teatral, A banda da loba será a encargada de poñer o broche final coa súa música o 12 de decembro ás diferentes actividades culturais do primeiro cuadrimestre da Universidade de Vigo, organizadas pola Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria.

O grupo formado por cinco mulleres, gañador do Premio Ari(T)mar 2018 e finalista na categoría de música de autor nos premios Martin Codax, subirase ao escenario do Vidal Bolaño nunha actuación gratuíta para presentar o seu primeiro traballo discográfico Bailando as rúas. Cun repertorio de seu, baseado en letras da súa autoría e musicalizacións de poetas célebres ou textos tomados de poemas de escritoras contemporáneas, A banda da loba despregará ante o público o seu estilo heteroxéneo que bebe do rock, do pop e do folk.