DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A programación de andainas universitarias deste curso iníciase o día 19 de outubro

De Monçao ás Médulas, once rutas para exercitar corpo e mente

Están abertas á participación de membros da comunidade universitaria e persoas alleas a ela

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 24/09/2019

Entre a programación que cada curso académico organiza a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo están as rutas culturais, que propoñen aos amantes de camiñar unha serie de roteiros pola xeografía galega a zonas próximas co obxectivo de exercitar “corpo e mente”. Este curso serán once os percorridos que se realizarán, destacando entre eles catro rutas fóra de Galicia, concretamente dúas en Portugal e dúas en Castela e León, a realización dunha etapa do Camiño Miñoto Ribeiro, un dos Camiños de Santiago máis antigos, e unha fin de semana nas Médulas.

Catro propostas en 2019

A programación, coordinada desde o campus de Ourense por José García-Calvo, Willy, arrancará o día 19 de outubro cunha ruta por Monçao (Portugal). Será, explican desde a organización, “unha andaina polos vales do Tea e Miño que inclúe paradas interpretativas para coñecer o patrimonio cultural asociado ás guerras entre Galicia e Portugal, con visitas guiadas ás fortalezas de Salvaterra do Miño e Monçao”. No que resta de 2019 serán outros tres os roteiros que se realizarán. O 16 de novembro levarase a cabo a Ruta Camiño da Geira Miñoto Ribeiro. Camiño de Santiago (Ourense) que permitirá ás e aos participantes facer un tramo deste camiño e coñecer “as súas singularidades e a posibilidade de ser ruta oficial no próximo Xacobeo 2021”. O día 30 de novembro a andaina Paisaxes do Outono no Corazón de Galicia. O Courel (Lugo) seguirá o percorrido do PR-G 219 Ruta do Río Pequeno para que as e os participantes descubran “os soutos, fragas e panorámicas máis fermosas dunha das terras máis antigas da península ibérica, os tesos cumes da serra do Courel”. Por último, a programación de 2019 pecharase coa Ruta do Contrabando. Ruta Micolóxica e Magosto. Ribeira Sacra (Ourense) o 14 de decembro, que inclúe “unha xornada formativa sobre o fascinante mundo dos cogomelos para rematar cun festivo magosto”.

Sete propostas en 2020

A primeira dos andainas de 2019 será o día 11 de xaneiro e terá como escenario a lagoa de Cospeito (Lugo). Cunha actividade de observación de paxaros e da man dun ambientólogo, indican desde a organización do roteiros, “coñeceremos un dos ecosistemas hídricos máis importantes do noroeste da península”. Xa o día 25 de xaneiro, as rutas culturais volverán a Portugal cun itinerario por Sistelo. “Sistelo é unha aldea-monumento sita no fondo dun val en pleno Parque Nacional da Peneda Gerês. Os seus característicos socalcos, pasais e paisaxes de montaña, semellantes aos do Tíbet, permitirán que nos transportemos por unhas horas ao horizonte asiático”, subliñan desde a organización. A ruta número sete de 2019/2020 terá como escenario Sanabria, en Zamora, visitando a súa lagoa o día 15 de febreiro. “A lagoa de Sanabria, de orixe glaciar, é o sistema lacustre natural de maiores dimensións de España e un dos máis grandes de Europa. Nun percorrido circular descubriremos as pegadas xeolóxicas aínda visibles daquel momento”, apuntan desde a Área de Benestar, Saúde e Deporte.

Xa de volta en Galicia, o 7 de marzo, a actividade continuará coa andaina que se achegará “a un dos límites naturais entre os concellos de Arzúa e de Touro e á coñecida fervenza das Hortas, unha das máis altas de Galicia”, comenta a organización. Na mesma provincia pero o día 21 de marzo, a programación continuará pola Costa da Morte coa realización dun dos tramos do Camiño dos Faros, concretamente o de Muxía. Por último, o día 18 de abril os protagonistas serán o Parque Natural Carreirón, na Illa de Arousa (Pontevedra), e a observación de paxaros nun lugar “privilexiado para a vida das aves”. Como xa vén sendo tradición, a programación deste curso 2019/2020 rematará cunha fin de semana de andainas, sendo nesta ocasión o destino escollido As Médulas-Parque Natural Enciña da Lastra (León). A actividade inclúe aloxamento e manutención completa durante a fin de semana, varias rutas de sendeirismo, degustacións, visita a museos e moitas sorpresas.

Inscrición

A inscrición en cada ruta está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada andaina. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores a cada roteiro abrirase a inscrición a calquera persoa interesada. Os prezos oscilan segundo o tipo de colectivo de pertenza, habendo a posibilidade de adquirir bonos. Cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración e haberá autobuses para trasladar ás persoas participantes ao inicio de cada itinerario dende os campus de Ourense, Pontevedra e Vigo.