DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Experiencias de ensino non formal centran a actividade de Ciencias da Educación e do Deporte

Do multimedia á narración oral, un ciclo afonda no uso didáctico de diferentes linguaxes

Coa participación do artista Juanma LoDo e de Polo Correo do Vento

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cine
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 26/10/2021

Pór en valor as “enormes posibilidades” que no eido da educación infantil teñen a linguaxe plástica e visual, a través das experiencias de ensino non formal de diferentes profesionais. Ese é, como sinala o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Cristian Gradín, o propósito de Experiencias: O conto e o relato audiovisual como recursos didácticos en Educación Infantil, o ciclo que este martes arrancaba cun coloquio co artista multidisciplinar Juanma LoDo. Aberto ao público interesado, pero “especialmente pensada” para o alumnado do Grao en Educación Infantil, esta actividade busca “achegar experiencias de profesionais que están traballando no eido da educación non formal con propostas creativas vinculadas ás artes”, sinalou Gradín.

Achegar á infancia linguaxes presentes no seu día a día

Responsable de abrir este ciclo, Juanma LoDo combina no seu labor profesional o vídeo, a fotografía e o multimedia coa súa faceta de músico experimental, á que se suma a súa experiencia impartindo obradoiros para públicos moi diversos, que centrou en boa medida o coloquio desta xornada. “Pareceume sempre moi interesante, máis aló do que mostras, ensinar tamén o como se fai”, recoñece este artista, que relatou ao alumnado a súa experiencia impartindo obradoiros vinculados tanto á linguaxe musical como audiovisual para nenos e nenas. No relativo a esta última, LoDo puxo de relevo que se trata “dunha linguaxe que podemos aprender desde pequenos”, presente no día a día e coa que “é moi fácil conectar”. Neste punto, o conferenciante puxo de relevo que, máis aló das ferramentas tecnolóxicas necesarias, trátase dunha “linguaxe moi narrativa”, na que o “cerebro é a parte máis importante do proceso creativo”. De aí que trasladase ás e aos asistentes a importancia de que ese “primeiro contacto” co medio non estea centrado no manexo de equipos ou dispositivos, senón que estes sexan só unha ferramenta nun proceso centrado en “como contas unha historia”

“Sempre lles digo que se temos papel e lapis podemos facer unha curta”, salientou LoDo, que ao longo da súa traxectoria traballou como editor e facendo fotografía de moda para Dot Galicia Magazine e Prendas Públicas, dirixiu documentais para o Festival de Cans e creou pezas de arte audiovisual para teatro, salas de festas, festivais e museos. Por outra banda, os seus últimos proxectos centráronse na experimentación sonora e visual a través de todo tipo de instrumentos e aparellos, o que o levou á súa vez a achegar ao alumnado a súa experiencia impartindo talleres de música electrónica con nenos e nenas. “O que facemos é achegalos á música dunha maneira moi amable e sen tantas partituras”, sinalou este creador multimedia, que abordou nese senso a súa experiencia en talleres no que fai uso “de sensores para facer música con froitas”, caixas de ritmos, sintetizadores e outra serie de recursos, co propósito de propór un primeiro achegamento a esta linguaxe, “a que é o ritmo”, de rapaces e rapazas sen coñecementos musicais. 

Ilustración e narración oral

Esta actividade continuará o 16 de novembro cunha segunda sesión, que porá o foco “nas formas tradicionais, pero igualmente vixentes, da ilustración e a narración oral”, da man de Polo Correo do Vento. Impulsado por Carlos Álvarez Taboada e Enrique Mauricio Iglesias en 2008, trátase dun proxecto que, ao longo destes anos, abrangueu da realización de contacontos ilustrados en múltiples puntos de Galicia, a traballar en campañas de comunicación con empresas centradas no público familiar ou a elaboración de murais e materiais e contidos didácticos, así como a escritura e edición de literatura infantil.