DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O obxectivo é ir introducindo no traballo diario os Obxectivos do Desenvolvemento Sostible

Multiplícanse as actividades coas que achegar á comunidade universitaria a Axenda 2030

12 estudantes, ‘axentes do cambio’, porán en marcha múltiples iniciativas nos tres campus

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
D. Besadío DUVI 04/02/2020

A UVigo multiplicará este cuadrimestre as actividades relacionadas coa Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible aprobada pola Asemblea das Nacións Unidas en 2015. Trátase, segundo indica o director da Área de Responsabilidade Social, Xosé Mahou, de que toda a comunidade universitaria se vaia familiarizando e vaian introducindo a Axenda e os ODS no seu traballo diario: o persoal docente e investigador nas súas clases e investigacións; o persoal de administración e servizos na xestión diaria da Universidade, e o alumnado como un tema principal de estudo nos seus Traballos Fin de Grao e Traballos Fin de Mestrado.

“A Axenda marca o camiño cara onde debe dirixirse o Planeta. É a folla de ruta da humanidade para estes dez anos e os retos que formula en cada un dos seus 17 ODS deben ser interiorizados polos docentes para que os transmitan nas aulas e se reflictan nas súas investigacións”, explica Mahou, ao que engade que o alumnado é unha peza clave de todo este proceso de cambio. “Como futuros profesionais e cidadáns comprometidos están chamados a buscar solucións aos graves problemas que está a enfrontar o Planeta actualmente”, recalca o responsable da Área de Responsabilidade Social, subliñando así a idea de que “son elas e eles os quen van tomar as decisións e deben coñecer os impactos que poden ter na sostibilidade do Planeta e na vida das persoas máis vulnerables”.

Esgotadas as prazas para os distintos cursos sobre a axenda

Entre as actividades previstas pola Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación para este segundo cuadrimestre están a posta en marcha de dous cursos de formación, un para PAS e PDI e outro específico para o alumnado e o inicio da acción de voluntariado Axenda 2030, Axentes do Cambio. “Os dous cursos tiveron unha acollida espectacular e, de feito, en ambos hai inscritas bastantes máis persoas que prazas, polo que  a idea é facer unha nova convocatoria antes de que remate o ano”, recalcou Mahou.

Totalmente virtual, o curso Axenda 2030. Unha oportunidade para transformar a Universidade, ten como obxectivo dar a coñecer a Axenda 2030 e as súas implicacións para o mundo do desenvolvemento, analizar como se está adaptando o Estado español aos ODS e reflexionar sobre o rol da Universidade na sociedade e de que xeito a Axenda pode contribuír a transformala. Impartirase entre o 24 de febreiro e o 20 de marzo e a docencia correrá a cargo de José Medina, experto na axenda e fundador do colectivo de creación política La Mundial, onde realiza tarefas de investigación e divulgación sobre desenvolvemento sostible e dereitos humanos. Aloxado na plataforma de teledocencia Faitic, o curso contará con pílulas explicativas e vídeos, acceso a documentos oficiais e artigos de análise de diferentes aspectos sobre a axenda e os ODS, así como titorizacións individualizadas a través de vídeoconferencias e foros de dúbidas.

O curso específico para o alumnado leva por título Como elaborar un TFG/TFM en perspectiva da Axenda 2030 e Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento e diríxese, sobre todo, aos estudantes de máster e de terceiro e cuarto curso de grao que desexen coñecer as chaves do deseño e elaboración dos seus traballos baixo a temática dos ODS. Tamén de carácter virtual, neste caso encargarse da docencia Laura Novelle, autora do libro Sobrevivir al trabajo fin de grado en Humanidades y Ciencias Sociales. Todo lo que necesitas saber. Validable por un crédito ECTS, o curso tratará de sensibilizar ao alumnado sobre a pertinencia de investigar e buscar solucións nos seus TFG e TFM aos problemas e retos vencellados á cooperación e ao desenvolvemento sostible.

12 axentes do cambio

Con respecto á acción de voluntariado Axenda 2030, Axentes do Cambio, o responsable da Área de Responsabilidade Social explica que está listo un equipo de 12 axentes do cambio, 12 estudantes –tres de Ourense, tres de Pontevedra e seis de Vigo- que ao longo do primeiro cuadrimestre se formaron nos contidos da Axenda 2030 e que agora van ser os encargados de dala a coñecer nos seus respectivos campus a través dunha campaña informativa, que comprenderá postos e stands, actividades divulgativas e obradoiros.  

“Son alumnas e alumnos moi implicados neste proxecto e que están entusiasmados por contribuír ao cambio que representa a axenda”, explica Mahou, quen tamén fai fincapé en que estes estudantes “séntense ademais coa obriga moral de convencer á comunidade universitaria do momento crítico no que vivimos e da necesidade de mudar hábitos, crenzas e comportamentos para contribuír á defensa do Planeta e acadar un mundo máis solidario, xusto e inclusivo”.