DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Convócanse no marco da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo

Nacen os premios GirlGeekCovid para incentivar, apoiar e fomentar os estudos STEM entre as mulleres

Poden presentarse as alumnas matriculadas nestas titulacións dos campus de Vigo e Pontevedra

Etiquetas
  • Estudantes
  • Vigo
  • Igualdade
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 22/09/2020

Segundo o Observatorio da Igualdade da UVigo publicado este mes, as alumnas son maioría en todos os eidos do coñecemento, excepto no da enxeñaría e a arquitectura, no que representan tan só o 23% do total de estudantes matriculados. Esta infrarrepresentación pode xerar unha enorme fenda económica e salarial nun futuro no que es agarda que o 90% dos traballos van a pertencer a estes ámbitos. 

Para facer fronte a esta situación e fomentar a presenza de mulleres no eido científico e tecnolóxico, a Universidade de Vigo conta con varias iniciativas como as xornadas Elas fan CienTec ou Exxperimenta en Feminino, ao tempo que colabora cos institutos que imparten o Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, STEMbach. A estas propostas agora súmanse os Premios GirlGeekCovid, que se enmarcan na Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo que ambas institucións renovaron este pasado mes de xullo. A convocatoria está destinada ás alumnas da Universidade de Vigo matriculadas nalgunha das titulacións STEM nos campus de Vigo e Pontevedra e ten como obxectivo incentivar, apoiar e fomentar este tipo de estudos entre as mozas con dous galardóns de 2000€ e dous accésits de 1000€ para as que teñan mellor expediente e maior motivación. 

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, animou ás estudantes a presentarse a estes premios “porque as rapazas máis novas necesitan referentes femininos que lles expliquen a importancia de cursar estas carreiras, que lles reafirmen que unha nena pode estudiar o que ela queira, e o relevante que é para a sociedade actual poder contar co talento e co coñecemento das mulleres”. “O que non se coñece non se pode desexar”, sinalou a presidenta provincial, ”por iso é tan importante que visibilicemos ás mulleres que xa están nas STEM e que poidan falar diso”. Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, remarcou que “o firme compromiso da Presidencia da Deputación e da nosa Universidade está posibilitando impulsar e reforzar as oportunidades para que as mozas opten e permanezan formándose no ámbito STEM, tan estratéxico na actualidade”. 

Dous premios de 2000€ e dous accésits de 1000€

Segundo explica a directora da Unidade de Igualdade da UVigo Águeda Gómez, “estes premios nacen co fin de reforzar e apoiar as vocacións STEM das mozas da nosa Universidade e está na liña marcada por esta cátedra co fin último e incorporar ás mulleres ao mundo dixital e acabar co machismo e o sexismo dixital, máis aínda neste tempo de covid-19 onde o ámbito dixital resulta fundamental en todos os ámbitos da nosa vida social, laboral e persoal”. 

Os premios recoñecerán o mellor aproveitamento académico das candidatas, ademais da súa motivación explícita nos estudos STEM. Así, poderán presentarse as mulleres matriculadas na Universidade de Vigo no curso 2020/2021 en 60 créditos en titulacións de grao ou mestrado das ramas de Enxeñaría ou Ciencias dos campus de Pontevedra e Vigo. Deberán ter superados ata o curso 2019/2020 como mínimo 60 créditos da titulación na que se atopa matriculada e ter unha nota media do expediente ata o curso 2019/2020 igual ou superior a 7 nas titulacións da rama de Enxeñaría e a 8 nas titulacións da rama de Ciencias. O prazo de presentación das solicitudes remata o 16 de outubro.

A convocatoria contempla que se outorgará un primeiro premio de 2000€ e un accésit de 1000€ en cada rama (Ciencias e Enxeñaría). O xurado valorará tanto o expediente académico como a motivación das mozas, que deberán presentar unha carta na que amosen, por unha banda, as razóns que as levaron a optar por realizar estudos universitarios no ámbito das STEM e, por outra, onde reflexionen sobre a súa experiencia persoal como mulleres nun ámbito tradicionalmente masculinizado.