DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os seus autores principais son Iago Algarra, Luis Gimeno e Raquel Nieto

‘Nature Communications’ publica un artigo de Ephyslab que conclúe que o cambio climático está incrementando a humidade dos ríos atmosféricos

O traballo forma parte da primeira tese presentada no programa de doutoramento do Campus da Auga

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 08/10/2020

A revista científica Nature Communications publicou este xoves un artigo liderado por investigadores do Grupo Ephyslab da Universidade de Vigo (CIM-UVigo) no que se indica que a humidade dos ríos atmosféricos está aumentando un 7% por cada grao de incremento da temperatura global do planeta. O texto é froito dun estudo realizado sobre o período temporal 1980-2017 e o seus resultados “revelan un aumento moi importante e significativo da cantidade de humidade dende as rexións que achegan a auga precipitable que será transportada cara os continentes polos chamados ríos atmosféricos”.

O artigo leva por título Significant increase of global anomalous moisture uptake feeding landfalling atmospheric rivers e é froito dun estudo realizado no último ano e medio dirixido por Luis Gimeno e Raquel Nieto e desenvolvido por Iago Algarra, pertencentes todos eles ao grupo Grupo Ephyslab. No artigo participan ademais os investigadores Jorge Eiras-Barca, tamén de Ephyslab, e Alexandre M. Ramos e Ricardo M. Trigo, do Instituto Dom Luiz da Universidade de Lisboa (Portugal), instituto onde Algarra realizou unha estadía de investigación ao abeiro do contrato FPI do que é beneficiario.

O rol “esencial” dos ríos atmosféricos

Segundo explican a e os investigadores de Ephyslab, “un dos sinais máis sólidos do cambio climático é o aumento incesante da temperatura media global superficial, a cal se relacionase estreitamente coa capacidade de retención de vapor de auga da atmosfera, que tamén aumenta”. Unha atmosfera máis húmida, detallan, supón un maior aumento do transporte de humidade. Neste contexto, os ríos atmosféricos, engaden na súa análise os autores do traballo, “xogan un rol esencial xa que son os principais mecanismos de transporte de humidade desde rexións subtropicais cara rexións extratropicais”.

Os resultados da investigación exposta no artigo de Nature Communications, indican os seus autores, “revelan unha tendencia positiva na humidade captada polos ríos atmosféricos na mesma magnitude (un 7%) que a tendencia observada no vapor de auga a nivel global”. Ademais, engaden, os resultados amosan “que estes incrementos de vapor de auga, que ocorren a nivel global, tamén ocorren a escala rexional, cun subministro maior de humidade dende o hemisferio norte que dende o hemisferio sur”. Segundo explican os autores do traballo, no artigo detéctanse as fontes de absorción anómala de humidade para estes sistemas meteorolóxicos, sendo a principal rexión de achega o golfo de México e o mar do Caribe, que alimentan especialmente de humidade aos ríos atmosféricos que se desenvolven no Océano Atlántico.

A detección destas fontes de humidade asociadas aos ríos atmosféricos, indican, realízase no estudo mediante a análise nos cambios de humidade relativa en millóns de volumes de aire (partículas) que son seguidas no seu movemento na atmosfera mediante un modelo de dispersión lagranxiano, técnica na que os autores levan traballando nas últimas décadas. “Unha vez detectadas as fontes de humidade, e aplicando técnicas estatísticas, obsérvase que nas rexións fontes de humidade, durante o período de estudo, que foi 1980-2017, a cantidade achegada de humidade dende elas para os ríos atmosféricos está en claro aumento”, explican a e os investigadores da UVigo-CIM. A importancia deste aumento, puntualizan, radica en que na atmosfera global estase a observar a mesma tendencia, cun aumento dun 7% do vapor de auga por cada grao de aumento de temperatura atmosférica superficial. “Así pois, e baixo o contexto actual de quecemento global no que nos atopamos, a intensificación dos ríos atmosféricos debido a este aumento no transporte de humidade que os alimenta, terá un papel aínda máis relevante no ciclo hidrolóxico, aumentando o seu impacto socioeconómico, xa que os ríos atmosféricos son responsables de moitos dos eventos de precipitacións extremas”, recalcan os autores do traballo.

Contidos da primeira tese do Campus da Auga

O traballo exposto no artigo formou parte da tese de doutoramento presentada por Iago Algarra e dirixida por Luís Gimeno e Raquel Olalla Nieto e centrada no estudo dos principais mecanismos de transporte de humidade atmosférica. A tese, que acadou a máxima cualificación e levou por título Moisture transport associated with atmospheric rivers and low level tets at global scale, foi a primeira defendida no Programa de Doutoramento de Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento, posto en marcha no campus de Ourense no marco do seu proxecto de especialización como Campus da Auga.  

Ademais, o artigo e o estudo que o avala forman parte e dan continuidade á liña de traballo que desenvolve desde a súa sede no edificio do Campus da Auga, no campus de Ourense, o grupo de investigación Ephyslab. Esta liña, explican os seus responsables, está enfocada “nos últimos anos á determinación do rol da atmosfera no transporte de humidade, analizando en profundidade o papel deste transporte no ciclo hidrolóxico global e rexional”. Así, poñen como exemplo, neste momento teñen en vixencia o proxecto, financiado polo entón Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, Lagrangian analysis of the impact on the global hydrological cycle of the major mechanisms of atmospheric moisture transport, no que se encadra a investigación exposta agora en Nature Communications. Tamén teñen activo un convenio coa Axencia Espacial Europea para a validación de produtos de vapor auga satelitais.