DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na súa 28ª edición tamén se proxectarán producións da BBC e do realizador luso Rui Guerra

O naufraxio do Cordero González e os tesouros biolóxicos do mar galego, novidades da Semana de Cine Submarino

Desenvolverase entre os días 13 ao 15 de novembro no Teatro Afundación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cine
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 08/11/2018

Co obxectivo de sensibilizar á sociedade sobre a necesidade de respectar o medio mariño e as especies que o habitan e garantir a súa conservación, a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria da Universidade de Vigo pon en marcha unha nova edición, a 28ª, da Semana Internacional de Cine Submarino. O ciclo, que foi presentado hoxe e que se desenvolverá entre os días 13 ao 15 de novembro no Teatro Afundación de Vigo, inclúe seis proxeccións, dúas delas estreas mundiais, así como coloquios cos autores das pezas audiovisuais aos que o público poderá trasladar as súas preguntas. Na presentación da semana, o director de Campus da Mar e do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM), Daniel Rey, reiterou o compromiso da institución académica coa sociedade a través da divulgación da ciencia coa proxección “dun amplo espectro de temáticas que van do máis exótico ao máis próximo”, ao tempo que lembrou o esforzo da universidade e nomeadamente do CIM “onde numerosos grupos de científicas e científicos traballan na investigación mariña”, dixo.

O naufraxio do pesqueiro Cordero González e os tesouros biolóxicos que agocha o mar de Galicia protagonizarán as dúas producións galegas que a Semana Internacional de Cine Submarino estreará na súa 28ª edición, que se completará con tres proxeccións da serie Planeta azul da BBC e Ansião: Expedição às profundezas do realizador portugués Rui Guerra. Precisamente o fotógrafo e mergullador luso será o invitado no primeiro dos coloquios que se celebrará o martes día 13, trala proxección de O noso planeta azul e da súa produción Ansião: Expedição às profundezas. O martes 14 proxectaranse Planeta azul II: costas e Buscadores de naufraxios: Cordero González, cuxos protagonistas, o profesor de mergullo Rafael Gutiérrez e o director e realizador Edu Lavandeira, protagonizarán o coloquio. O día 15, trala proxección de Como se fixo Planeta azul II e de Secretos da marea do realizador Jorge Candán, será a docente e investigadora da Universidade de Vigo Eva Teira quen participe no coloquio posterior aos visionados. O director da semana de cine, José Luis González, destacou a variedade de disciplinas que se abordan nas proxeccións seleccionadas para esta edición, destacando por unha banda, o traballo de Rui Guerra “que emprega alta tecnoloxía aplicada á inmersión máis perigosa, a espeleoloxía submarina, onde tes que regresar por onde entraches”, e por outra, Planeta azul, “unha serie fantástica, na que cada capítulo costou un millón de euros e na que participa o español Rafa Herrero”, destacou.

As proxeccións para o público comezarán ás 20.00 horas, mentres que entre as 10.00 e as 12.00 da mañá terán lugar os habituais pases para escolares de centros de ensino da provincia, coordinados pola Obra Social Abanca Afundación, copatrocinadores da Semana Internacional de Cine Submarino Universidade de Vigo. Maria Teresa Cores, coordinadora de Cultura de Afundación, agradeceu un ano máis a iniciativa da Universidade de Vigo e do director da semana para poñer en marcha “un ano máis e xa van 28, un clásico para nós e para a cidadanía”. Cores confirmou que a día de hoxe xa teñen 2000 reservas de escolares para as proxeccións matinais, “que forman parte da educación que é unha liña estratéxica que ten todo o sentido para Afundación”, sinalou.

Estreas con selo galego

Grazas a un mariñeiro que lle facilitou as marcas de onde pescaba, o profesor de mergullo Rafael Gutiérrez atopou un barco afundido nas proximidades de Ons, que na súa popa levaba una placa na que só se podían ler os restos de dúas letras do seu nome: “RO”. Xunto ao mergullador Yago Abilleira, Gutiérrez descubriu que o barco afundido era o Cordero González, un pesqueiro construído no estaleiro de carpintaría de ribeira de Domaio que afundiu en 1975 tras ser abordado polo mercante Playa de Aldán. Este é o argumento de Buscadores de naufraxios: Cordero González, o documental de 20 minutos de Edu Lavandeira, no que non faltan as testemuñas de dous sobrevivintes do naufraxio: Eusebio e Amable Graña, que volverán a reencontrarse co barco máis de 40 anos despois do seu naufraxio.

A segunda peza que se estreará na 28ª edición da semana de cine submarino e que tamén é unha produción galega é Secretos da marea, unha obra de Jorge Candán de sete minutos na que o realizador aproxímase ás especies máis descoñecidas que habitan as profundidades mariñas galegas. Como se reproducen, como loitan ou como se alimentan estas especies, son algunhas cuestións ás que Candán dá resposta a través das súas imaxes nesta produción coa que se pecharán as proxeccións do ciclo.

O planeta azul da BBC e a expedición a unha cova submarina de Rui Guerra

Os que están considerados como un dos mellores traballos audiovisuais submarinos do mundo, terán protagonismo ata por triplicado nesta semana de cine de submarino, que cada día incluirá unha proxección da serie Planeta azul da BBC. O martes 13 abrirá O noso planeta azul, un traballo centrado en amosar e concienciar á sociedade do perigo no que se atopan os océanos, ameazados pola sobrepesca e a contaminación, especialmente por plásticos. O mércores 14 as e os espectadores poderán a través de Planeta azul: costas, achegarse ás especies que habitan entre terra e mar, así como aos efectos que as mareas e as ondas provocan nas costas, coma ocorre na praia das Catedrais no litoral lucense. O xoves 15 proxectarase Como se fixo Planeta azul II no que se amosan os segredos da realización do documental do día anterior, no que se investiron catro anos de traballo, con 125 expedicións en 39 países.

Pola súa banda, Ansião: Expedição às profundezas do realizador portugués Rui Guerra, trasladará ao público ás profundidades dunha cova submarina de 45 metros de profundidade, na que traballou un equipo de 20 espeleólogos, liderados por João Neves. Esta é a primeira vez que esta cova submarina, coñecida desde a década de 1950, foi explorada e que documenta a obra de Guerra, que conecta na súa temática co episodio vivido o pasado mes de xullo por un grupo de rapaces e un adulto, que quedaron atrapados na cova Tham Luang, ao norte de Tailandia.