DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xa está dispoñible o número sete desta publicación electrónica anual

Un novo número da revista Redas recolle traballos presentados no IV Congreso Internacional da Auga

A iniciativa enmárcase dentro do proxecto de especialización Campus Auga

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 09/01/2023

No marco do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus Auga, no ano 2015 desde a súa Facultade de Dereito púxose en marcha a revista electrónica anual Redas. Revista de Derecho, Agua y Sostenibilidad. Tamén arredor do Campus Auga, de xeito bianual organízase de xeito rotatorio entre as escolas e facultades de Ourense o Congreso Internacional da Auga, cuxa última edición, a cuarta, tivo lugar en outubro de 2022 baixo a batuta da Facultade de Dereito e centrado nesta ocasión no Dereito e Auga no Horizonte 2030. Compartindo Redas e este último congreso o mesmo interese na análise dos recursos hídricos desde unha perspectiva xurídica, a revista vén de dedicar o seu último número a recoller traballos presentados nese IV Congreso Internacional da Auga.

Sete anos de actividade

O número 7 (2023) de Redas xa está dispoñible para a súa consulta e descarga de balde na web desta publicación especializada en auga, medio ambiente e desenvolvemento sostible cuxos contidos van dirixidos tanto a persoas interesadas nestas materias provintes do ámbito académico como do profesional. A revista está dirixida por Roberto O. Bustillo, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Vigo, contando como secretaria académica con Laura Movilla, profesora da Área de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais.

Redas, lembra Roberto O. Bustillo, “creouse en 2015, durante a miña etapa como decano da Facultade de Dereito, como unha iniciativa máis na liña que empezaba a marcar o entón novo proxecto estratéxico da Universidade de Vigo para o campus de Ourense: o que hoxe coñecemos como Campus Auga”. A publicación, indica, “naceu con vocación de continuidade e con carácter experimental (de aí que o seu primeiro exemplar en 2016 fose numerado non co número 1 senón co 0, como ás veces sucede cos "capítulos piloto" das series de ficción)”. Desde entón e ata agora, comenta o catedrático, “pasaron sete anos e fomos completando oito números” contando co apoio de diversas entidades públicas e privadas (como Coren ou a Entidade Pública Empresarial Augas de Galicia) e, de forma moi destacada, co patrocinio da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e o apoio institucional da Facultade de Dereito e do propio Campus Auga. “Nun panorama académico/editorial español onde hai numerosas e moi potentes revistas de carácter puramente científico no campo do dereito ambiental, Redas foi consolidándose e orientándose academicamente cara unha combinación entre o científico e o divulgativo, chegando a conseguir un recoñecemento na modalidade de divulgación científica na primeira edición dos premios do Campus da Auga”, sinala Roberto O. Bustillo.

Novos contidos

O número 7 de Redas arranca cunha crónica elaborada pola xurista e xefa de Sección Xurídica da Entidade Pública Empresarial Augas de Galicia Pilar Arias sobre o que entón era o proxecto de lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga e que uns meses despois se converteuna Lei 1/2022, de 12 de xullo, publicada no Diario Oficial de Galicia de 12 de agosto. Séguelle, na sección de Materiais Didácticos e Divulgativos, a recollida, polo seu “destacado interese científico e divulgativo”, de cinco pósters sobre outros tantos traballo presentados no citado IV Congreso Internacional da Auga. O primeiro deles céntrase na análise do procedemento para a instalación de paneis fotovoltaicos flotantes en augas de dominio público hidráulico no Real Decreto lei 6/2022 de 29 de marzo e está realizado polos xuristas Santiago Cacharro e Sofía Salgado.

Os outros catro paneis son de temáticas académicas diferentes pero con interese para xuristas especializados en recursos hídricos. Dous deles están realizados por equipos encabezados polo investigador Guillermo Noriega-Hevia. Trátase dos traballos WalNUT: a recuperación de nutrientes como forma de incrementar a circularidade da auga residual e Edar 36. Investigación en intelixencia artificial en arquitecturas federadas para mellorar o control, optimización e comparación en procesos de depuración de augas residuais e validación a través dunha proba de concepto. Por último, o investigador do Programa de Doutoramento en Protección do Patrimonio Cultural da Universidade de Vigo Daniel Blanco presenta un panel sobre sostibilidade dos muíños de auga do río Támega e un equipo formado por Mamadú Seide Bá, Esther de Blas e Concepción Pérez Lamela presentan outro panel sobre a mellora do sistema de xestión da auga para consumo humano nunha poboación de Guinea Bissau. Actualmente xa está en elaboración o número 8 (2023) da revista Redas.