DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Consello de Goberno aprobou hoxe o III Plan de Igualdade 2020-2024 

Un novo Plan de Igualdade para a UVigo na procura dunha total incorporación da perspectiva de xénero a todos os ámbitos

Luz verde ás OEP para PDI e PAS e ao nomeamento dun novo investigador honorífico 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Igualdade
  • Saúde
  • Institucional
Mª del Camen Echevarría DUVI 20/11/2020

A Universidade de Vigo conta desde hoxe cun novo Plan de Igualdade, o terceiro da súa historia, aprobado por asentimento polos membros do Consello de Goberno. Unha  vez rematada a vixencia do seu antecesor e cos atrancos sufridos no seu proceso de elaboración por mor da pandemia, o novo documento, que terá vixencia entre os anos 2020 e 2024, recibiu hoxe o apoio unánime do órgano de goberno da Universidade, ante o que a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, o definiu como "un elemento vivo, polo que pode incorporar modificacións en función das necesidades detectadas". O novo Plan, aínda que ten un carácter continuista respecto do seu antecesor, que acadou un grao de cumprimento de máis do 50%, e mantén a estrutura en catro eixos principais (Cultura da igualdade: Medidas relativas á igualdade nas estruturas funcionais e organizativas da universidade; Docencia, investigación e transferencia de coñecemento con perspectiva de xénero e Traballar e estudar na Universidade en igualdade), afonda, segundo Gómez en ámbitos vinculados a estas catro liñas de traballo, "con propostas de accións innovadoras que pensamos que poden axudar á consecución dos obxectivos propostos". 

O respaldo unánime ao III Plan de Igualdade foi un dos asuntos abordados este venres na sesión ordinaria de Consello de Goberno, na que tamén se aprobaron as ofertas de emprego público do PDI e do PAS para este ano; así como as medidas sobre as condicións de traballo para o PDI ou o nomeamento de Francisco J. Barba como investigador honorífico da UVigo. A sesión, que se desenvolveu de xeito presencial no paraninfo do edificio Ernestina Otero e tamén a través de Campus Remoto, comezou co informe do reitor, no que Manuel Reigosa confirmou que finalmente a Universidade recibirá, tras o acordo acadado coa Xunta e as outras universidades, 3,6 millóns de euros dos fondos achegados polo Ministerio para as institucións académicas para facer fronte á covid. Así mesmo, Reigosa manifestou a súa expectativa en que, unha vez superados os atrancos atopados para a posta en marcha do Grao en Filoloxía Aplicada Galego-Español, que substituirá ao e Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, este poida implantarse o vindeiro curso. Xa na quenda de intervencións, o reitor, a preguntas de representantes do alumnado, rememorou as diferentes probas que para a detección da covid-19 se teñen realizado na UVigo, tanto propias, como as promovidas pola Xunta, e que continúan desenvolvéndose todas a semanas. "Ata o de agora cremos que todos os contaxios foron fóra e ninguén se contaxiou dentro da casa e os peches que se produciron foron con números moi baixos", dixo Reigosa, que animou ao alumnado a utilizar os códigos QR dispostos nos centros, porque "queremos un espazo seguro, sen contaxios aquí dentro". Pola súa banda, o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez, confirmou que nos últimos 10 días se rexistraron 35 casos activos (19 en Vigo, 7 en Ourense e 9 en Pontevedra), que nun colectivo de máis de de 20.000 persoas, "son números moi bos".

Novidades do III Plan de Igualdade 

O III Plan de Igualdade da Universidade de Vigo aprobado hoxe polo Consello de Goberno, incorpora no seu primeiro eixe, Cultura da igualdade: sensibilizar, visibilizar e comunicar, un distintivo de igualdade que se outorgará aos centros que cumpran unha serie de requisitos a prol da igualdade nos plans de estudo, materias e contidos con perspectiva de xénero, paridade nos cargos, etc. No caso do Eixe II, Medidas relativas á igualdade nas estruturas funcionais e organizativas da universidade, mantéñense moitas das actividades anteriores e incorpórase "unha moi ambiciosa", recoñece Águeda Gómez, favorecer o deseño de orzamentos con perspectiva de xénero. O novo documento achega ao Eixe III, Docencia, investigación e transferencia de coñecemento con perspectiva de xénero, o que a directora da Unidade de Igualdade considera máis novo: o reforzamento da incorporación da docencia con perspectiva de xénero cunha oferta formativa en liña e respecto do Eixe IV, Traballar e estudar na Universidade en igualdade as novidades principais pasan pola creación dunha ludoteca ocasional para cubrir as necesidades puntuais do persoal en relación coa conciliación para eventos, congresos ou atender os momentos entre o tempo laboral e a apertura das escolas.  

Tras agradecer o traballo desenvolvido pola Unidade de Igualdade e pola comunidade universitaria, o reitor lamentou os desequilibrios que aínda persisten nalgúns ámbitos como o número de catedráticos e catedráticas, así como os efectos que o traballo desde a casa, por mor da pandemia, están a ocasionar ás mulleres. "Os datos están a amosar que as mulleres sofren máis na súa produción científica, e tamén as PAS, pola fenda de coidados en tempos de covid", avanzou Reigosa, que deixou aberta a porta a que a Universidade poida tomar algunha medida para contrarrestar esta situación.

Medidas para PDI e PAS 

Este venres aprobáronse as ofertas de emprego público para PDI e PAS para este ano 2020, que en ambos casos conteñen o número máximo de prazas que a taxa de reposición fixada para este 2020 permite. “Sacamos todas as prazas de persoal permanente que nos permite a lei e ambas foron negociadas e acordadas coa representación sindical nas mesas de negociación, polo que seguimos a ter unha relación fluída entre o goberno e os traballadores, chegando a acordos”, sinala Manuel Ramos, vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado. No caso do PDI a oferta aumenta, respecto do ano pasado, xa que o número de baixas en 2019 foi maior e pásase de ofertar 23 prazas de titular de universidade e 23 de catedrático o ano pasado, a 34 de titular e 34 de catedrático este ano. Neste sentido Ramos sinala que “temos unhas bolsas importantes de persoal interino que nos gustaría consolidar, pero as limitacións de taxa de reposición non nos permite facelo á velocidade que quereríamos. Polo de agora, a taxa de reposición de PDI utilízase para avanzar en baleirar as listas de acreditados, o cal nos gustaría facer tamén a unha maior velocidade”, aínda que lembra que coa OEP que se aproba agora se bailar completamente a bolsa de acreditados a catedrático, que tiña xente acumulada, desde que se pechou a taxa en 2012.

En relación coa OEP do PAS, a xerenta da UVigo lembra que a oferta de emprego público de cada ano vén marcada polo que indican as leis de orzamentos do Estado e da Comunidade Autónoma. ”No ano 2019 só houbo tres xubilacións dentro do PAS laboral, polo que de acordo coas ditas normas, só se poden computar na taxa de reposición tres postos a ofertar. Así mesmo, tamén se inclúe un praza ocupada por un laboral indefinido non fixo por sentenza, que non computa dentro da dita taxa, e que tamén ten que saír na OPE”, explica Raquel Souto, que detalla que despois da negociación cos órganos de representación de persoal (co voto favorable dos Comités de empresa de Pontevedra e de Ourense e coa abstención da Xunta de Persoal) acordouse convocar tres prazas de técnicos especialistas de biblioteca, que se cubrirán: dous pola quenda de promoción interna e unha por acceso libre. Así mesmo tamén se convocará a praza de técnico especialista de bioloxía, ocupada por persoal laboral indefinido non fixo, polo que o total de prazas da OPE ascende a catro. “Con esta OPE, xunto coas anteriores de 2018 e 2019, a Universidade de Vigo reduciu notablemente a taxa de temporalidade do PAS, a norma estatal marca como obxectivo baixar do 8 %,  e xa estamos por debaixo en PAS funcionario co 6,48 %, superándoo lixeiramente no PAS laboral cun 9,04 % “, explica a xerenta. 

Así mesmo, aprobáronse as seleccións de áreas de coñecemento para participar na convocatoria de prazas de catedrático e profesorado titular correspondentes á OEP para PDI para o ano 2019 e da creación de prazas correspondentes. “Cando chegamos ao goberno cumprimos co noso compromiso de facer listaxes baseados na antigüidade na data de acreditación para baleirar as bolsas de acreditados e polo tanto o que facemos agora non é máis que seguir esas listaxes para seleccionar as áreas nas que saen as prazas”, explica o vicerreitor.

Por outra  banda, o Consello deu o seu visto e prace ás medidas sobre condicións de traballo para o PDI este curso. Acordadas na mesa de negociación do PDI, as medidas teñen o obxectivo de determinar o marco axeitado para que o persoal docente e investigador da UVigo poida desenvolver o seu traballo nas mellores condicións na situación actual durante este curso, en aspectos como os seus dereitos e deberes; a actividade docente, investigadora e de transferencia e a formación. Nunha situación condicionada pola pandemia, as medidas acordadas contemplan situacións que non se darían nun curso normal como é o paso da docencia presencial á virtual, así como a presenza de persoal vulnerable ou con fillos menores ou maiores ao cargo, se estes quedasen confinados en caso de pecharse os centros aos que asisten. 

Nomeamento dun investigador honorífico da UVigo

Por asentimento, o Consello aprobou o nomeamento de Francisco José Barba como investigador honorífico da UVigo, unha figura que desempeñando a súa actividade principal fóra da UVigo colaborará na realización de actividades ocasionais de investigación, así como impartir conferencias e cursos. Barba, que será o segundo investigador honorífico tras Maurizio Battino, é profesor titular da Universitat de València no Departamento de Medicina preventiva e saúde pública. Ciencias da alimentación, toxicoloxía e medicina legal; obtivo máis de 300 investigacións publicadas das que máis de 250 son artigos en revistas de factores de alto impacto na área da Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos. HCR en 2019 e 2020 xa participou en proxectos internacionais e publicacións con investigadores da UVigo. 

Precisamente nas vantaxes que a colaboración con Barba reportará á Universidade insistiu a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, ante as preguntas do voceiro de Ideas que suman, Emilio Fernández, que manifestou as súas dúbidas sobre o que investigador podería achegar. Fernández amosárase previamente moi critico en relación coa convocatoria do programa de captación de talento investigador de excelencia para a contratación a tempo parcial dun director científico para a creación dun Centro ibérico alimentario, que tería como liñas de accións preferentes a produción primaria sustentable; o desenvolvemento de alimentos innovadores e a promoción de hábitos alimentarios saudables e da saúde planetaria. "Se no ámbito agroalimentario estamos, segundo o ránking de Shanghai, entre os mellores do mundo, non hai ninguén nesta universidade que poida dirixir o centro e non traer alguén de fóra?", lamentou o voceiro de Ideas que suman, que tamén lembrou a experiencia do director de Cintecx que "marchou o primeiro ano porque non tiña o apoio do equipo reitoral", dixo. Rubio e o reitor rebateron as palabras de Emilio Fernández cualificando de éxito a xestión de José Luis Martínez Lastra, que aseguraron "foi quen de potenciar os grupos que integran o centro", achegando ademais máis capacidade para unha diagnose rápida, que alguén de dentro da institución.

Outros acordos 

Na sesión de hoxe aprobouse a normativa de titorías, ata o de agora inexistente no caso da UVigo e que ten como obxectivos normalizar a situación actual, regular aspectos que non o estaban, garantindo o dereito a titorías do alumnado. A nova normativa,  baseada principalmente na da Univesitat Politécnica de València, contempla cuestións como o período de dedicación a titorías e as súas modalidades (horario fixo, concertadas, mixta); delimitación de responsabilidades; titorías intercampus ou o caso do alumnado con necesidades especiais. Así mesmo, foi aceptada a solicitude das direccións de centros de investigación e agrupacións estratéxicas de recoñecemento da categoría de subdirección de centro, outorgándolles unha valoración equivalente a un secretaría de departamento coa correspondente desgravación docente e compensación económica.

Por outra banda, aprobouse un novo regulamento de réxime interno do Consello de Goberno, adaptado aso novos estatutos, dentro do proceso de adaptación á normativa que supón a súa entrada en vigor.  Neste punto tratáronse varias enmendas presentadas polo sindicato UGT, relativas á presenza dos representantes das e dos traballadores nas comisións delegadas; do director da EEI, Francisco Rodríguez, sobre a Publicidade das convocatorias das comisión delegadas e dos acordos adoptadas nas mesmas e do represente do PDI-A, Antonio Collazo, sobre a denominación da comisión e investigación, como de investigación e transferencia, así como avaliar as axudas relacionadas co doutoramento industrial e aprobar os modelos oficiais para a tramitación das actividades de transferencia. Na sesión de hoxe, tamén veu a luz a creación da comisión de estudos propios en liña coa creación no último Claustro da Escola Aberta de Formación Permanente. Este órgano de goberno da comisión ocuparase de todo o que ten que ver cos títulos propios en aspectos como revisar e aprobar as solicitudes de títulos propios do Programa de Formación e Innovación Educativa; solicitar informes externos; establecer o calendario académico ou propor prezos mínimos e máximos por ECTS.