DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao mellor traballo docente presentado na reunión anual de histólogos celebrada en Granada

Un novo premio e 26 millóns de usuarios confirman o éxito internacional do Atlas Histolóxico da UVigo

É unha ferramenta pensada para favorecer a autoaprendizaxe e emprégana estudantes de todo o mundo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Premios
  • Publicacións
  • Saúde
  • Académica
D. Besadío DUVI 10/10/2022

26 millóns de usuarios e usuarias en todo o mundo e cifras récord de ata 43.000 visitas nun só día. Esta é a carta de presentación do Atlas Histolóxico da Universidade de Vigo, unha ferramenta docente posta en marcha hai agora 15 anos polos profesores da Facultade de Bioloxía Manuel Ángel Pombal, Pilar Molist e Manuel Megías. Fixérono pensando en facilitarlles ao alumnado, tanto do ensino universitario como das ensinanzas medias, o estudo da bioloxía celular e a histoloxía de plantas e animais e hoxe é toda unha referencia internacional. Así se reflicte nas súas cifras de uso e, tamén, na sensación coa que os seus creadores volveron hai unhas semanas de Granada, cidade na que se celebrou a reunión bianual de histólogos e onde lles entregaron o premio ao mellor traballo docente.

O recoñecemento dos colegas de profesión chegoulles  nunha tripla cita na que se fixeron coincidir o XXI Congreso de la Sociedad Española de Histología e Ingeniería Tisular, o IX International Congress of Histology and Tissue Engineering e o VIII Congreso Iberoamericano de Histología. O xurado do premio valorou a organización e contidos do atlas, a súa utilidade, os elevados niveis de uso e todo o traballo que hai detrás do proxecto. “Este premio é un estímulo, folgos para seguir adiante”, salienta Manuel Ángel Pombal, ao tempo que fai fincapé en que  as felicitacións e agradecementos recibidas despois da presentación da comunicación reafírmanos na idea de que “é un traballo moi coñecido e usado, de moita utilidade para calquera persoa interesada no ámbito da citoloxía e histoloxía”.

Esta non é a primeira vez que esta iniciativa recibe un premio. O atlas xa fora galardoado por partida dobre no ano 2009, “cando aínda se trataba dun proxecto incipiente e con menos apartados dos que conta na actualidade”. Por unha banda, obtivera o premio Editorial Panamericana á mellor comunicación de docencia na mesma reunión celebrada en Albacete (XV Congreso de la Sociedad Española de Histología e Ingeniería Tisular e 3rd International Congress of Histology and Tissue Engineering) e, uns meses despois, concedéronlle o premio á mellor comunicación de docencia no I Encontro Virtual de Educación e Investigación en Ciencias Morfolóxicas que tivo lugar en Córdoba (Arxentina). 

“Moi fácil de usar, con información resumida e ilustrada”

O atlas está organizado en seccións e estas están ordenadas de maneira secuencial para facilitar a comprensión dos diferentes temas, se ben cada unha das seccións pódese consultar libremente, sen seguir necesariamente a orde establecida na páxina. “Entendemos que é unha ferramenta moi fácil de usar na que o usuario atopa información resumida e ilustrada, sen ter que recorrer a varias fontes de información”, apunta Pombal, ao tempo que explica que un dos apartados máis valorados é o dos exercicios, xa que están pensados para favorecer a autoaprendizaxe, de tal xeito que unha vez completados os cuestionarios (“que son de varios formatos: respostas de verdadeiro-falso, de resposta múltiple, de identificacións en imaxes”) o usuario obtén unha explicación da resposta correcta. A isto hai que engadir outros aspectos como o propio formato do atlas, é dicir, a organización das diferentes páxinas, con resumos e ampliacións en moitos dos seus capítulos, así como a calidade de imaxes e esquemas (“todos eles orixinais”). 

O apartado máis visitado é o da célula cun 26,5 % das entradas, “se ben tamén hai que ter en conta que este foi o primeiro que se elaborou e, polo tanto, leva máis tempo recibindo visitas”. O segundo posto é para os cuestionarios (11,5 %) e o terceiro para os órganos animais (10,6 %).

Constante actualización e versión en inglés case lista

Ademais da continua revisión e actualización dos contidos –a última do pasado día 11-, o atlas segue medrando, de tal xeito que o usuario pode coñecer como se vai actualizando a través do apartado de Novidades, no que se van engadindo as actualizacións e as páxinas engadidas. “Actualmente estamos en conversas con algúns patólogos coa idea de colaborar para abrir unha nova sección dedicada á histopatoloxía, un ámbito da histoloxía que conta con menos sitios web para hispanofalantes”, salientan os creadores do atlas.

Outra das liñas prioritarias de traballo, “xa moi avanzada”, e a versión inglesa do atlas. Neste sentido agardan que, cando xa estea a totalidade do atlas traducido ao inglés, se incremente de xeito notable o número de usuarios.

Acceso aberto e visitas desde os cinco continentes 

Tal e o explican na súa web, o desexo dos creadores do atlas é que sirva como ferramenta docente e como lugar no que aprender. Neste senso, os contidos están publicados baixo licenza de Creative Commons, polo que todo o que nel se publica pode usarse, compartirse e modificarse libremente, sempre que non sexa con fins comerciais e se dea crédito aos autores.

A día de hoxe o atlas recibiu visitas da práctica totalidade de países do mundo, se ben os maiores niveis de uso atópanse, polo de agora, nos países de fala hispana. Con diferenza, o país con máis visitas en números absolutos (sen prorratear en función do número de habitantes) é México con 11.302.368 (26,63 % do total), unha cifra que case duplica ao seguinte,  Perú (6.230.103), mentres que en terceiro posto está España con 4.538.384 sesións. “Nos últimos dous anos, se temos en conta o número de habitantes de cada país, o primeiro posto é para Ecuador, o segundo para Uruguai e o terceiro para Chile”, explica Pombal. No caso de España ocupaba o décimo posto no 2020 e pasou ao oitavo no 2021.